Sábado. 27.07.2024
El tiempo

O Rexenera Fest pon de novo a Carballo no centro da escena internacional da pintura mural urbana

Xose Regueira gran valedor do Rexenera Fest
Xose Regueira, o gran valedor do Rexenera Fest
O Rexenera Fest pon de novo a Carballo no centro da escena internacional da pintura mural urbana

Este xoves 30 de maio volven guindastres escalar polas fachadas carballesas. Volve o Rexenera Fest, ese festival de muralismo que leva convertindo Carballo nunha das vilas de vangarda da escena nternacional da arte urbana.

A 12ª edición do festival extenderase ata o 9 de xuño, para que o museo a ceo aberto no que ten convertido Carballo grazas ao proxecto Derrubando muros con pintura, sume 5 novos espazos aos 119 actuais —69, do Rexenera—.

Serán 5 artistas de talla mundial os que despreguen o seu talento nos lenzos de formigón da capital bergantiñá, neste festival organizado polo departamento de Promoción Económica e Turismo do Concello carballés, gracias tamén o apoio da Deputación da Coruña, que lle concedeu unha subvención de 35.000 euros, dos 149.980 que investirá neste exercicio no programa DP0040, dirixido a municipios da provincia para a realización eventos de arte pública urbana na modalidade de pintura mural.

O vicepresidente, Xosé Regueira —xa desde a primeira edición, máximo valedor do Rexenera, como titular da concellería de Turismo carballesa— salientou “a aposta por un evento que leva dez anos dándolle cor as medianeiras de Carballo". Queixo facer mención tamén á calidade do Rexenera, “que volve reunir algunhas das propostas máis destacadas da escena internacional da pintura mural urbana; cinco intervencións que seguirán contribuíndo, coma todo o proxecto de Derrubando muros con pintura, a configurar un espazo público moito máis atractivo e humanizado e a xerar identidade para Carballo, fronte ao desastre que nos deixaron anteriores políticas urbanísticas”.

“Esta capacidade de transformación da arte urbana", rematou o vicepresidente, “ten un valor engadido, pois o Rexenera constitúe hoxe o recurso turístico máis demandado en Carballo, xunto co surf”. Este ano ademais ten unha arista enfocada ao comercio local.

Actividades paralelas

O Rexenera Fest programou tamén actividades paralelas, de balde, para todo o público: os obradoiros impartidos por Taller Trueno (de serigrafía) e por Hanqo (de estampaxe), rutas guiadas polos murais da localidade, xogos de pistas para familias e unha sesión vermú co dúo coruñés Minifundistas, quen pecharán o festival desde os pratos a ritmo de funk, afro, electrónica, rock e hip hop, o sábado 9, ás 13 horas, na rúa Coruña.

Os muralistas

Sr. X. Artista urbano galego establecido en Londres e unha figura referencial en Europa da arte urbana feita a través da técnica do stencil. Algúns dos seus temas preferidos son a cultura pop, o cinema, a publicidade e as lendas urbanas, punto de partida para creacións cargadas de ironía e crítica social.
Pintará na rúa Ponte, nº 11.

Tamara Alves. Artista portuguesa residente en Lisboa, licenciada en Artes Plásticas e cun mestrado en Prácticas Artísticas Contemporáneas. Fascinada pola estética da rúa e os contextos urbanos, presentará o seu traballo cunha clara preferencia polos espazos públicos, construíndo unha narrativa que celebra de forma crúa e poética a vitalidade das sensacións fortes e o devir animal por oposición á deliberación racional.
Pintará na rúa Rosas, nº 5.

Stom500Natural dun pobo veciño á cidade suíza de Basilea, cultiva un universo delirante e humorístico, alimentado a varias bandas pola eufórica enerxía dos debuxos animados e a súa faceta como deseñador gráfico e ilustrador profesional, así coma polo seu extenso bagaxe no mundo do graffiti. Stom500 é, como el mesmo se define con retranca, unha auténtica “navalla suíza”.
Pintará na rúa Montevideo, nº 6.

Amaia Arrazola estudou Publicidade e Relacións Públicas na Complutense de Madrid e durante un tempo traballou como directora de arte no sector da publicidade. En 2010 trasladouse a Barcelona, onde empezou a desenvolvendo os seus proxectos creativos, alternando a ilustración publicitaria co debuxo editorial e os traballos murais de gran formato. Cun estilo colorista e naif e unha liña contundente, as súas ilustracións adquiren unha personalidade propia e moi recoñecible tanto na aparencia coma na narrativa.
Pintará na avenida Cristina, nº 52.

Pablo Astrain, natural de Donostia, descubre o graffiti a unha idade moi temperá, o que o leva a estudar belas artes anos máis tarde na Universidade Pública Vasca e logo a completar o seus estudos na HTW de Berlín. Remata a carreira achegándose ao campo pictórico, no que recibe varios galardóns, antes de centrar a súa actividade no muralismo. A súa pintura caracterízase por unha pincelada solta e unha paleta escura, afondando na figuración dentro dun contexto narrativo e abordando temáticas e motivos que actúan case que como análises, tanto persoais como da actualidade social, a miúdo dende puntos de vista satíricos e onde abundan os retratos como eixe da composición. Pintará na avenida Flores, nº 65.

Máis novas sobre muralismo

 

Comentarios