Herbas, sardiñas e lume para unha noite cada vez máis meiga na Costa da Morte
Noite meiga esta de San Xoán. Non cabe dúbida. Falamos dunha tradición que vai a máis na Costa da Morte logo de moitos anos onde apenas a Cachela de Carballo mantiña a chama prendida. Pero nos últimos anos puidemos comprobar como non hai recuncho que se resista ás herbas, ao lume e á sardiña.
Na pasada noite do 23 de xuño de 2011, non había praza que non sacara a grella á rúa; non había bar que non puxera sardiñas de pincho; non había grupo de veciño que non lle prendese lume aos catro taboleiros para poder saltar, como manda a tradición, o lume.
Primeiro paso: preparar as Herbas do San Xoán
O primeiro foi xuntar as herbas de San Xoán. Desta volta asesorados por unha veciña ceense, preparamos o noso ramo con espadana de río, romero, cardo santo, malva de olor, codeso, fiuncho, herbaluisa, fieta real, chuchamel, rosas, bieiteiro e mais lavanda. De aí ao caldeiro con auga toda a noite, para poder purificarnos lavando a cara esta mañá coa auga. Pero, preparade algún ramo para colocar nas portas... non vaia ser.
Despois, para ir quentando a noite, cita cas sardiñas, ou xurelos, que onte as sardiñas mantíñanse bastante caras.
E pola noite, cita coa cachela, cacharela, lumarea, lumarada, lumeira, fogueira... Ducias de nomes para unha mesma festa que ademais obriga a facer unha boa queimada bautizada a golpe de conxuro.
Lume e blues no Ézaro
Nós onte escollimos O Ézaro para pasar a noite, despois de probar os xurelos do Campo do Rollo de Corcubión. Polo Ézaro non andan con tonterías, e onte queimaron un barco enteiro. Unha tarde de arduos traballos, cunha grúa destrozada, e un forte carretillo empurrando a embarcación pola praia. A estampa quedou a así de preciosa.
A cita ademais estivo amenizada musicalmente polos Bakin'Blues. Fantástica a estampa da banda de Compostela-Sardiñeiro-Coruña-Corcubión co barco en chamas por detrás, mentres os veciños canturreaban o blues de Chiquito.
Un chupitazo de queimada para esperar a que a cacharela se faga máis chica, que se non, non a damos saltado...
Aí queda unha reseña do concertazo a lume lento...
Máis información
Novas relacionadas
- As 7 herbas de San Xoán .
- A Cova Céltica da Fundación Eduardo Pondal sumerxiuse nun San Xoán de tradicións.
- San Xoán no Ézaro 2010: O lume bailou a ritmo de blues .
- San Xoán 2009: A Costa tamén vivíu a súa noite meiga a lume lento.
- San Xoán 2008: Un San Xoán sen cacharelas pero con blues e herbas.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).