Modesto García Quintáns publica o seu libro sobre as rutas e lendas do Monte Pindo
Conseguiuno!! Leva moitos anos xuntando información e compartíndoa nos seus artigos sobre o “Patrimonio Pindexo” en QPC. E por fin lanza o seu libro “O Monte do Pindo, rutas e lendas”. Cazámolo facendo “ximnasia, co sacho na horta”, pero amosa a súa satisfacción por telo rematado. “Costou traballo pero saíu”, explica anunciando que xa está na rúa da man da editorial Toxosoutos, dentro da súa colección de Divulgación, e coa colaboración da súa filla Nieves García Centeno.
Modesto é enxeñeiro topógrafo e habitual colaborador en medios de prensa sobre rutas polaas comarcas de Fisterra e Soneira, e Nieves é xornalista e historiadora.
É impresionante falar con el cun mapa do Monte Pindo na man. A súa experiencia laboral como topógrafo permítelle expresarse cunha sabedoría, dando por sentado milleiros de cousas que para o resto dos mortais son auténticos tesouros etnográficos. Coñece cada palmo do olimpo celta como as corredoiras do seu Buxantes natal, e ten conseguido nomes de lugares xamais recollidos en ningunhas outras publicacións.
O texto, que xa está á venda nas librerías galegas, leva o prólogo do catedrático de Historia na USC e escritor Fernando Alonso Romero e recolle aspectos inéditos como a toponimia do Monte do Pindo, coas súas coordenadas UTM, ademais de todas as rutas de interese que se poden facer, recollidas nun mapa, como a dos muíños, a das covas ou a das peixeiras. E, por suposto, as que conducen á Moa, ao Pico de Peñafiel ou á Cova Xoana, entre outras, ben desde O Fieiro (Mazaricos), como desde O Pindo (Carnota).
Percorridos nos que se disfruta dos petóns tan característicos do Pedregal, que no libro se descreben e sitúan, tamén por coordenadas e con fotografías, así como as lendas que envolven ao Pindo. Unha análise completa e intensa ao Monte que abrangue a sua xeografía, hidrografía (ríos e fontes), minaría, fauna, historia e poboación.
En vindeiras datas farase a súa presentación na Costa da Morte, así como en Santiago e na Coruña.
Artigos de Modesto García Quintáns do “Patrimonio Pindexo”
- Monte do Pindo, o remedio natural para rebaixar o colesterol.
- O Modesto Patrimonio: Subida ó Pico de Peñafiel do Monte do Pindo.
- O Modesto Patrimonio: A toponimia do Monte do Pindo.
- O Modesto Patrimonio: O topónimo: O Pindo ou Monte Pindo?.
- O Modesto Patrimonio: Explorando a toponimia dos camiños do Monte do Pindo.
- O Modesto Patrimonio: A Cabana das Chozas, outra Caverna dos refuxiados no Pindo.
- O Modesto Patrimonio: A Furna do Río da Barco.
- O Modesto Patrimonio: Fonte Mateo e A Cova dos Morcegos no Monte do Pindo.
- O Modesto Patrimonio: A Cova da Pendente do Monte Pindo.
- O Modesto Patrimonio: Os muíños do Monte do Pindo.
- Con Pepe do Fieiro redescubrindo os tesouros do Monte Pindo.
- Pepe do Fieiro: “Dicían os nosos vellos…”.
- Ézaro, unha viaxe polas covas dos agochados no Monte Pindo (Parte 1).
- Ézaro, unha viaxe polas covas dos agochados no Monte Pindo (Parte 0).
- Da Raínha Lupa á Cova da Xoana, pasando por Duio, con Pepe do Fieiro.
- Os muíños do Monte do Pindo, por Modesto García Quintáns.