O Modesto Patrimonio: O Cabazo do Lugar de Vilar de Paraíso (Buxantes)

Ollar este cabazo é como contemplar unha reliquia do pasado. Quizá sexa un dos cabazos máis antigos que temos na comarca de Fisterra. Está no lugar de Vilar de Paraiso, na parroquia de Buxantes, que pertenceu a unha familia rica deste lugar, coñecida Casa de Mayo. Según unha escritura do ano 1928, Antonio Mayo casou con Rita Fandiño, que ven da Vila de Cee, e deixaronlle as terras en herdanza aos seus tre fillos: Teodomiro, Antonio e Estelbina. Estos as venderon a un veciño deste lugar e marcharon para Santiago. Nunca máis se soubo desta familia. No lugar ainda se mantén algún topónimo como A Devesa de Mayo. Queda a dúbida de se esta familia tiña algo que ver coa Casa de Maias, que era unha gran casa de cantería situada ao borde do Camiño Real e moi próxima a actual Factoría XEAL do Hospital de Dumbría, que, según contaban, era como un fielato dos camiñantes do Camiño Real de Fisterra a Santiago. Esta casa xa non existe. As pedras foron levadas para facer outra no Lugar de Figueiroa de Dumbría.

Repasemos un pouco máis de historia: Un documento do 26 de Abril de 1596 fala do aforamento dos montes dos lugares de Busto e Carboal da parroquia de Buxantes. O Prior Frai Lorenzo de Avila do Mosteiro de Moraime, xunto co escribano Pedro Martínez, reuniron aos 40 veciños da parroquia no Lugar da Fonte Santa, lugar destruído polo exército napoleónico de camiño para Cee-Corcubión no século XIX. Nesta reunión acudiu un veciño chamado Gregorio Mayas, que non sabemos se tiña alguha relación con este Mayo de Vilar de Paraiso. No encontro acordaron que o terreo aforado, adicado ao cultivo de cereais e pastoreo, quedaba prohibido cercalo con valados ou muros de pedra, salvo que estivera sementado, que tiñan que abrir unha vez recollido o froito. Tampouco se podía talar ou cortar plantas polo pé, descabezar carballos, salvo tendo permiso do Mordomo Juan Mateo e co visto bo do Prior de Moraime. Aplicar esta norma fixo que as carballeiras de Figueiroa de Buxantes e do Vilar de Paraiso se mantiveran en bo estado durante moitos anos. Tamén sabemos por un inventario do ano 1665 que neste lugar había nove cabazos.

 

Patrimonio Pindexo

 

OUTROS ARTIGOS NO "MODESTO PATRIMONIO”