Venres. 26.04.2024
El tiempo

O BNG acusa á Xunta de irresponsabilidade no fraude forestal

O BNG acusa á Xunta de irresponsabilidade no fraude forestal
Imaxe da Manifestación da FRUGA contra o fraude forestal en VImianzo - Foto- Susana Alvite

Continúa o caso do fraude forestal da Costa da Morte no medio da actualidade. Unha actualidade algo tapada pois as grandes cabeceiras tratan de non darlle demasiada publicidade unha vez que están implicadas as administracións. Xa escoitamos as curtas explicacións de Xunta e entidades bancarias, unhas excusas que non convencen a ninguén. Nin ao BNG, que esta semana aproveita para atacar á Xunta.

Foi a deputada do BNG, Tareixa Paz, a que formulou o pasado xoves unha pregunta parlamentaria ao Goberno, en comisión, sobre a “presunta fraude” na concesión de axudas concedidas nos últimos anos destinadas á primeira forestación de terras non agrarias. Tareixa Paz denunciou irregularidades nas axudas para forestación de terras non agrarias detectadas en diversas comarcas galegas.

A deputada asegurou que a “suplantación de personalidade e falsidade documental” debe ser respondida no Xulgado e pediu “responsabilidade” á Consellería de Medio Rural á hora xestionar expedientes destinados á concesión de axudas. Unhas axudas solicitadas a través da razón social "Maceiras e Esmorís", empresa vimiancesa que utilizaba identidades reais e falsas para solicitar axudas para a repoboación forestal, copias, que con posteridade foron utilizadas para solicitar axudas de primeira forestación de terras non agrarias e de silvicultura, sen coñecemento e consentimento das persoas interesadas para realizar actuacións en parcelas da que na maior parte, nin tan sequera eran da súa propiedade.

O protocolo de Medio Rural tramita expedientes falsificados

Pola súa parte, o secretario xeral técnico de Medio Rural, Francisco José Vidal Pardo afirmou que a consellería permanece “á espera da decisión xudicial” para tomar unha decisión sobre o acontecido e engadiu que en todo momento “foi seguido o protocolo” como marca a norma.

Trala resposta do responsable de Medio Rural, a parlamentaria do BNG afirmou que de seren certas as afirmacións de Vidal Pardo, resulta evidente que “o manual non serve” porque, dixo, foron presentados documentos e certificados que non se axustaban á legalidade ademais de seren falsificadas as sinaturas dos titulares das terras.
“Hai que revisar o manual” por que está claro que non funciona, reiterou a nacionalista que ademais pediu a Medio Rural “colaboración coas persoas afectadas” da presunta fraude económica.

Novas relacionadas

Outras novas

Fonte

  • Nota de prensa do BNG.

Comentarios