Mércores. 09.10.2024
El tiempo

O Modesto Patrimonio: A igrexa parroquial de Dumbría

O Modesto Patrimonio: A igrexa parroquial de Dumbría
Lugar da Grixa-Dumbria-Foto-Modesto Garcia Quintans Lugar da Grixa-Dumbría. Foto-Modesto García Quintáns

Os estudiosos din que a palabra “Dumbría” é de orixe prerromano e fai referencia a un poboado situado nun outeiro ou no cumio dun monte, o que na actualidade coñecemos como un castro. “Dum” refírese a fortaleza e “Briga” a habitantes nas alturas, que no tempo transformouse na palabra “Dumbría”.

O territorio habitado e situado nunha altura montañosa pode facer referencia ao Castro do Logoso.

Restos de la primitiva iglesia de Dumbria-Foto-Modesto Garcia Quintans Restos da primitiva igrexa de Dumbría-Foto-Modesto García Quintáns

Antigamente, quizá xa na época sueva, cando comezou a división territorial en entidades colectivas coñecidas como parroquias, a igrexa parroquial era xa o centro e lugar administrativo.

Máis tarde aparecen os municipios como un conxunto de parroquias e o concello como centro administrativo con personalidade xurídica. No caso de Dumbría, xa aparece citada en documentos do ano 830 como “Donobria”, e a igrexa estaba situada a uns 500 m. ao suroeste da actual, na paraxe coñecida como A Agra dos Adriños, preto do río Fragoso.

Cabe pensar que por esta paraxe pasaba o camiño público con destino á Coruña, cruzando os lugares de Cheo, A Grixoa, Berdoias e Vimianzo. Descoñezo a razón de porque esta igrexa foi trasladada ao solar actual sobre o ano 1699, e tardando uns 18 anos en rematala. Os traballos foron dirixidos polo cura D. Francisco del Río, natural de Cecebre (Cambre), que morreu nesta parroquia no ano 1736. As obras comezaron coa construción da capela maior ás ordes do mestre canteiro Josephe de Bar que aproveitou moitas das pedras da igrexa vella. Os cartos foron aportados pola confraría de Nosa Sra. do Rosario maila confraría de San Roque e outros donativos, cun gasto total de 4.007 reais. Tamén construíron a casa do cura e rodearon todo o recinto cun muro de pedra, por ser un lugar sagrado onde non podían entrar os animais. Segundo as normas daqueles tempos, como mínimo tiña que haber un espazo duns 30 pasos ao redor da igrexa. No cancelo de entrada soían facer un foxo e cubrilo cunha rexilla metálica para limpar os zocos de terra antes de entrar na igrexa.

A categoría da parroquia medíase polos bens e terras que tiñan de igrexario. No caso de Dumbría ímos reseñar as leiras que tiña: Horta da Rectoral de 848 m2; Horta da Eira, con cuadra e soleiro de 1.060 m2; Casa Rectoral dun andar; Unha finca en arrendo de Juan López; Leira do Campo, toda ela cerrada de 1.996 m2; a Horta coa fonte de 742 m2; Braña do Fial e o herbal de 1.272 m2; Leira do Camiño da Grixa de 1696 m2; Herbal pequeno da Súa Grixa de 848 m2; Leira da Súa Grixa de 9.652 m2; Leira do Tarreo do Sino de 3.332 m2; Hebal do Muño incluído o muíño fariñeiro que moía coa auga do Rego de Cheo, de 2.544 m2; Prado do Palleiro arrendado a José Caramés de 3.800 m2; Leira do Viqueiro de 636 m2, A Devesa, toda ela circundada, de 5.512 m2.

Esta riqueza, que sostía o clero nas distintas parroquias rurais, desapareceu coa Lei e o Real decreto do 4 de Xaneiro de 1867, coñecida como Lei de Mendizábal. Como é longa de contar falaremos dela outro día.

Imaxe da Igrexa de Dumbría en 1930-Foto de Ramón Caamaño na Voz Imaxe da Igrexa de Dumbría en 1930-Foto de Ramón Caamaño na Voz
  • Modesto García Quintáns.
 

O Patrimonio Modesto

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios