Martes. 08.10.2024
El tiempo

O Modesto Patrimonio: Reparación do piso e do teito da Igrexa de Buxantes

O Modesto Patrimonio: Reparación do piso e do teito da Igrexa de Buxantes
A Igrexa de Buxantes co tellado novo A Igrexa de Buxantes co tellado novo Xa nos ten falado, o bo de Modesto García Quintáns, sobre a Igrexa Parroquial de Buxantes. Tennos lembrado ademais segredos como o do veciño Muíño da Fonte Santa. Pero hoxe vainos falar da reparación da igrexa dumbriesa:

Reparación do piso e do teito da Igrexa de Buxantes

obras-do-tellado-actual-da-igrexa-de-buxantes No pasado mes de xullo deste ano 2016, comezaron as obras da reconstrución do chan da igrexa parroquial máis a reparación do tellado aproveitando uns fondos económicos que tiña a parroquia. As obras do interior consistían en levantar as lousas vellas do chan, sacar o formigón nalgunhas partes da igrexa, como na sancristía, e profundizar uns 40-50 cm. sacando a terra para sustituíla por un recheo de grava e así evitar as humidades do chan. As vellas lousas foron postas de novo e, como non chegaban, cubríuse con novas placas de granito. O presuposto desta obra foi duns 30.868 €. e a empresa que a levou a cabo foi Consmartíl S.L. lapida-do-piso-da-igrexa-de-buxantes Lápida no piso da igrexa No tellado reparáronse as filtracións de auga da choiva, sustituíndo as tellas vellas e reparando os canalóns do desaugue. O presuposto estaba nos 18.804 € sendo a empresa encargada deste traballo J. A. Castro. A obra realizada actualmente dentro da igrexa e supervisada por un arqueólogo consistiu en levantar tódalas lousas de pedra e sacar unha capa de terra para acondicionar o chan. Ao sacar esta capa de terra descubríronse os restos da cimentación da primitiva igrexa, que en parte coincide coa nova. Debía ter unha planta rectangular que chegaba ata a altura da capela bautismal. Notábase que xa fora manipulado o chan, debido aos primitivos enterramentos, comprobando que polo lateral norte a cimentación era máis profunda que polo lateral sur. A cimentación da igrexa primitiva estaba sobre unha capa berroqueña-barrosa. A capela bautismal estaba sobre unha rocha natural granítica cun pequeno furado en forma de cunca onde se recollía a auga da pía para conducila por unha canle gravada na pedra cara á parede sur, e polo lateral oeste desta, entrando á man dereita, existía como unha pequena cova con forma dun pequeno sarcófago que descoñecemos a súa función. No chan da sancristía sacaron lousas fúnebres e nunha delas había gravada unha cruz na parte superior e no centro un símbolo grego que parece a letra "omega". Cabe pensar que estas lousas foron sacadas da primitiva igrexa e postas posteriormente alí. A obra leva case un mes rematada á espera de ser inaugurada para retomar de novo os cultos relixiosos. Antigas obras igrexa-de-buxantes-reparacion-do-tellado-e-torre-ano1990 Nesta igrexa fixéronse varias obras no século pasado. Así no ano 1964, ampliouse o espazo polo lateral norte nuns 30 m2. No ano 1990 foi cambiada toda a tella da cubrición e unha limpeza da torre e no ano 1999 foron repicada todos os muros interiores e as canterías da bóveda. A Igrexa de Buxantes está construída sobre o solar doutra moi antiga, quizás da época visigoda, segundo un sarcófago encontrado dentro cando foi ampliada. Con forma de cruz latina orientada de este-oeste, de estilo barroco con bóvedas de cantería con forma de canón, podemos considerala como unha das máis fermosas da comarca de Fisterra. Sobre o ano 1714, despois dunha visita pastoral, determinaron construír unha capela adosada ao muro principal polo lateral norte dedicada á “Virgen de la Calle”, quizá por estar cerca da porta de entrada. No ano 1747, coa chegada dun novo cura, D. Simón Sanchez Pulleiro, planificouse a construción doutra nova capela polo lateral sur coa advocación de San Antonio. A partir desta data reformouse totalmente a igrexa continuando coa construción da capela de San Miguel con fondos aportados por Pedro Maceiras, da casa do Torrado de Anseán, rematando a obra coa construción da tribuna e a torre de estilo semellante á torre do reloxo da Catedral de Santiago. Algúns estudiosos afirman que foi proxectada por Antonio Andrade de Cee pero pensamos que non pode ser porque este arquitecto morreu con 73 anos en Santiago o 12 de novembro de 1712, 46 anos antes do remate da de Buxantes. Coa construción da capela de San Antonio xurdiron algúns problemas cos veciños e o cura. Este afirmaba que fora construída cos seus propios fondos cando os veciños demostraron que fora pagada pola confraría de San Antonio a conta dos cartos da venda das égüas que pastaban libremente polos montes da parroquia. Cremos que este cura está enterrado nunha furna situada no lateral leste desta capela. O chan desta capela estaba reservado para o enterramento dos confrares deste santo. obras-do-muro-interior-da-igrexa-de-buxantes-ano-1999 Obras no muro interior da Igrexa en 1999

O Patrimonio Modesto

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios