Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Unha mirada ao futuro do Monte Pindo. E agora que?

Unha mirada ao futuro do Monte Pindo. E agora que?
O enxeneiro de montes e vecino do Ezaro Xurxo Perez Gonzalez rematando de sofocar o incendio do Monte Pindo

Xa pasou máis dunha semana. Unha semana de calor, de sol, pero pronto chegarán as chuvias. Hoxe é o Enxeñeiro de montes e Xefe de brigada municipal en Dumbría, Xurxo Pérez González, o que nos envía un escrito en calidade de profesional do sector e de veciño do Ézaro, sobre un aspecto importante do que se fala pouco unha vez pasada a tormenta: "O futuro do Monte Pindo".

Xurxo envíanos este escrito acompañado ademais dun mapa feito con ferramentas SIX (Sistema de Información Xeográfica) no que se poden ver as partes queimadas máis vulnerables á escorrentía pola súa pendente (en vermello) así como algunhas fotos inéditas do incendio.

Mapa de pendentes nas zonas queimadas do Monte Pindo-Mapa realizado por Xurxo Perez Gonzalez

Aí quedan as súas importantes palabras:

Unha mirada ao futuro do Monte Pindo. E agora que?

Os días pasan e os reporteiros comezan a abandonar as inmediacións do Monte Pindo e a nova desaparece das portadas dos xornais cara o esquecemento. Pero nós, que vivimos aquí, aínda temos o peor por diante.

A curto prazo as consecuencias son visibles para todos, pero a medio e longo prazo enfrontámonos a unha perda de biodiverside irreversible, afeccións en cursos de auga, perda de produtividade marisqueira e incluso graves inundacións que afecten as nosas casas e infraestruturas. Todo isto depende en grande medida de dous factores. En primeiro lugar da climatoloxía que nos toque padecer neste outono e inverno. Un período invernal con abundantes e fortes precipitacións dificultará ou impedirá a rexeneración natural do Monte Pind.

Por outra banda, a posta en marcha de medidas de restauración, que dependen dun sistema político lento e burocratizado, poderían paliar os efectos adversos comentados anteriormente.

Respecto ao primeiro factor, o Monte Pindo presenta unhas características especiais, cunha escasa profundidade de solo, retido entre as irregularidades do granito, e cunhas elevadas pendentes en moitos puntos que, coa cuberta vexetal desaparecida, son o caldo de cultivo perfecto para os prexudiciais fenómenos de escorrentia superficial. Vendo o mapa de pendentes das zonas queimadas, e os cursos de auga nas mesmas, é fácil prever que partes son máis vulnerables e cales serán as principais vías de evacuación de sólidos. Por unha banda o río Xallas polo Ézaro e O Pindo, e por outra as marismas de Carnota - Caldebarcos son dúas das posibles saídas de sólidos coas fortes choivas.

Tamén quería incidir nas medidas de restauración post-incendio que se poden realizar. Unha vez máis, as características especiais do olimpo celta impiden pór en marcha as actuacións máis comúns despois dun grande incendio. Estas son, en primeiro lugar, medidas urxentes encamiñadas a reter o solo como sembras de herbáceas e/ou medidas de retención de sólidos (diques, balsas de sedimentación, etc.). Posteriormente realízanse outras medidas de reconstrución do ecosistema, favorecendo a rexeneración natural ou procedendo a unha rexeneración artificial con especies autóctonas. A inaccesibilidade da maioría do Monte Pindo e o feito de ser un espazo da Rede Natura 2000 dificulta ou impide realizar calquera destas medidas. Quizais as opcións máis viables sexan as actuacións nos cursos de auga das inmediacións das zonas habitadas e nos lugares máis accesibles do Monte deixando que a rexeneración natural faga o seu traballo.

Este é o panorama xeral ao que nos enfrontamos nos próximos anos, cun alto risco de padecer efectos prexudiciais para nós e o noso medio e con grandes dificultades para poder palialo. Sen embargo non cabe caer no pesimismo, debemos esixir aos nosos representantes públicos toda a axuda e medidas que sexan precisas e esperar que a natureza faga o resto, porque a vida sempre se abre camiño.

  • Xurxo Pérez González, (Enxeñeiro de montes - Xefe de brigada municipal en Dumbría - Membro da comisión reitora da Asociación Monte Pindo Parque Natural e natural do Ezaro).
Ollada desoladoramente negra da zona do Ezaro-Foto-Xurxo Perez Gonzalez Estado do Monte Pindo o primeiro dia de incendio-Foto-Xurxo Perez Gonzalez Actuacions no IFCarnota o primeiro dia-Foto-Xurxo Perez Gonzalez Imaxe dos intentos de extinción aérea no Monte Pindo-Foto- Xurxo Perez Gonzalez

Máis información

Novas sobre incendios

Fonte

Comentarios