A Anchoa anuncia o irremediable fin da Festa Folk na Fin do Camiño
Esperábamos este ano poder achegarnos en agosto ata a fin da terra para disfrutar da mellor música de aquí na Festa Folk na Fin do Camiño. Pero tras 15 anos de existencia, que xa se din pronto, non o poderemos repetir, porque a brava xente fisterrá da Asociación Anchoa acaba de anunciar que non vai poder seguir organizando este singular festival.
Dende QPC queremos lamentar a perda desta festa, unha das que máis país fai na Costa da Morte, ao tempo que quere agradecer e felicitar a toda a Anchoa polo seu gran traballo.
Comunicado da Asociación Anchoa
Benqueridos amigos e siareiros da Festa Folk na fin do Camiño: con todo o noso pesar queremos anunciarvos a nosa decisión de non continuar con esta singladura.
Despois de XV grandiosas e existosas edicións, e depois de telo meditado en profundidade, temos que comunicarvos que esto chegou a súa fin.
Numerosos grupos teñen pasado por aquí facéndonos vibrar e saltar coas súas actuacións – non nomearemos a ningún por si nos esquecera e poidera pensar o temos a menos. Milleiros de persoas, chegados de todos os confíns, arrouparon esta festa co seu clamor decindo aquelo de “outra, outra…” cando cada ano o último grupo da noite anunciaba a súa derradeira canción.
Mostras de apoio e axuda dos veciños e dos comerciantes temos recibido dabondo, aínda que nós cada ano arrastrábamos máis os pes na procura desa axuda, e que sen ela non seríamos quen de levar a cabo tan magnífico evento.
As administracións, en maior ou menor medida, tamén estiveron aí para votarnos unha man, ao mellor non todo o que nos quixeramos.
Así, non por falta de ilusión ou por capacidade de organización, se non pola situación económica que nos toca vivir nestes momentos e dende fai xa algúns anos, e que fai cada vez máis difícil poder dar cumplido a este cometido, e con moita mágoa temos que darvos esta nova.
A tod@s querémosvos mostrar o noso agradecemento polo voso ánimo e tamén o noso pesar por non corresponder coas vosas peticións para que o festival seguise adiante, pero sonou para nós a derradeira nota, tan só nos queda dicir “que viva por sempre a Festa Folk”.
- Asociación Anchoa. Xuño de 2014.
- Festa Folk 2012: E a chuVia empapou a música.
- Festa Folk 2011: A Anchoa sacou os cen pés a bailar.
- Festa Folk 2010: A mellor música folk do país invadíu a fin do mundo.
- 2010: Máis de 30 bandas teñen pasado pola Anchoa: 11 anos traendo o mellor folk do país á Fin do Mundo.
- Redacción de QPC ([email protected]).
- Festa Folk 2013: A música fundiuse ca natureza en Valarés e Fisterra.