A Costa da Morte lembra a Rosalía
Onte, 24 de febreiro de 2013, celebrábanse 176 anos do nacemento de Rosalía de Castro e 150 anos da publicación de "Cantares Gallegos". E Costa da Morte quixo celebralo. Por Ponteceso, o señor Pondal quixo adiantarse e xa lle brindara homenaxe hai unhas semanas. Este domingo tocoulle a Fisterra, e para a vindeira fin semana será Muxía e a Fundación López Abente a que adique unha xornada no seu nome.
Pero antes de irmos a Fisterra e a falar da Fundación, queremos parar na punta da Barca, onde os pequenos dos Muíños festexaban deste xeito tan fantástico o día de Rosalía. Isto si que é unha sentida homenaxe:
Emotivo acto en Fisterra
En Fisterra máis de 100 persoas disfrutaron dun emotivo acto artellado pola Consellería de Cultura e desenvolto pola activísima Fundación Eduardo Pondal. Impecables as interpretacións de Tamara Lema como Rosalía e a cantante Alba Costa con temas coma Negra Sombra e co himno galego, que acabou cantado a coro por todos os asistentes no momento máis fermoso da tarde.
Na interpretación contaron ademais cun grupo de 13 cativos, alumnos da fundación, os cales participaron nas lecturas públicas da obra da escritora.
A Fundación López Abente tamén lembrará á escritora
A Fundación Gonzalo López Abente xa ten os actos da homenaxe a Rosalía, destacando ademais un feito importantísimo para Muxía, como é que Rosalía de Castro acudira á Romaría da Barca no ano 1853, acompañada de Eduarda Pondal, irmá do bardo pontecesán, como nos explican dende a web da entidade.
Así, a cita queda para o sábado 2 de marzo, e os actos comezarán ás 17:00 horas coa colocación dunha placa na Rúa A Marina, no lugar onde estivo ubicada a casa na que Rosalía se aloxou durante a súa estancia en Muxía, no ano 1853.
No acto lerán poemas nenos e nenas dos centros educativos de Muxía. E continuación, no Salón de Actos do Voluntariado, Manuel Vilar, patrón da Fundación Gonzalo López Abente e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, ofrecerán sendas conferencias sobre a figura da autora.
Novas relacionadas
- Os pequenos de Ponteceso celebran con Rosalía o 178 aniversario de Pondal.
- A Fundación López Abente xa prepara o Cincuentenario do falecemento do autor e a homenaxe a Rosalía.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).