A fisterrá Blanca Vilela presentou o seu novo poemario en Madrid


"A calidade e a calidez dos seus poemas, por certo dunha cadencia que harmoniza completamente co meu gusto, predispoñen calquera amante das palabras a dar un paso á fronte nese sentido". Así definiron os representantes da Xunta o poemario “Me diste la tierra", da poeta de Fisterra, Blanca Vilela, publicado por Edicións Pigmalión, durante a súa presentación na delegación da Xunta en Madrid.

Entre as intervencións cómpre resaltar a de Gloria Nistal, que afirmou que "os galegos teñen unha gran vantaxe á hora de escribir poesía. É máis doado para alguén que nace en Galicia, que en calquera outro lugar", dixo. Nistal fixo unha "deconstrución" dalgúns poemas de Blanca, "unhas imaxes que roubaría a punta de pistola, polo marabillosas que son", sinalou e relatou algunhas, que "ao igual que en Rayuela de Cortázar poderían lerse con diferente orde e resultarían igualmente fermosas".
Para a autora, este libro representa unha nova etapa, máis persoal pois ata agora, pola súa sensibilidade cos demais, sempre fora "os ollos doutros"; de nenos en guerras, de viúvas en momentos difíciles, de náufragos a punto de afogar... Nesta ocasión e tras visitar a praia de das Catedrais, descubriu que era hora de "deixar que o mar se apartase para quedar ela ao descuberto". A obra contén catro partes que poderían ter sido escritas por catro mulleres diferentes, ou por unha mesma muller que tivese experimentado esas catro etapas, que é o caso de Blanca Vilela.
Novas relacionadas
Fonte
- Xunta.