A Xunta indica no Parlamento que non instará a demolición das edificacións ilegais en Fisterra


Na mañá de onte, BNG e PP debatiron sobre a situación urbanística no litoral galego. Fisterra centrou boa parte da discusión, ademais do lugar de Barreiros. De feito, para o BNG "a Xunta quere repetir en Fisterra o que fixo na vila da Mariña coas edificacións ilegais" e denuncian que o Goberno galego non pedirá a execución da sentencia porque a súa intención é “agochar un convenio” co concello de Fisterra semellante ao de Barreiros.
O Conselleiro de MATI, Agustín Hernández, afirma que "a Xunta pretende resolver problemas, non crealos nin complicalos tanto no caso de Fisterra como no de calquera concello de Galicia". Nese sentido destacou que “o Executivo autonómico acata e respecta todas as sentenzas xudiciais”, facendo referencia ao caso de Barreiros e Fisterra, onde as sentenzas acreditan, en ambos casos, que as licenzas non foron correctamente outorgadas, debido á insuficiencia de servizos existente na zona.
Crecimento esaxerado
Na súa intervención, a voceira do BNG, Teresa Táboas asegurou que, dende o ano 2002, na Costa da Morte, as novas edificacións para vivenda incrementáronse no 444% das cales a gran maioría son segundas residencias.
Neste sentido, engadiu que, agora a Xunta, "en vez de garantir a demolición das obras declaradas ilegais pretende asinar un convenio con fondos públicos” como o de Barreiros e dotar de servizos as urbanizacións “ilegais” de Fisterra".
Analizando a situación
O conselleiro de Medio Ambiente remarcou que "a Xunta de Galicia non vai pedir a non execución de sentenza, xa que non compete á administración autonómica e, en todo, caso o Goberno galego intentará resolver os problemas que deron como resultado dita sentenza". Así, Hernández aclarou que a Consellería "non instará a demolición se o concello acredita que se solucionaron os problemas que levaron á anulación desas licenzas".
Novas relacionadas
- A construtora L-TRES defende as súas urbanizacións na Anchoa.
- 06-05-11: As urbanizacións ilegalizadas da Anchoa chegan ao Parlamento.
- 26-04-11: 6 novos edificios da Anchoa son declarados ilegais.
- 19-10-10: Nova orde de derribo para 3 casas en Fisterra.
- 25-09-10: Anulan a licencia de dous edificios na Recta da Anchoa .
- 27-03-09: Anulada a licencia dunha obra da recta da Anchoa.
Outra información
- A Casa de Lola de Andrés, un documental de Olaia Sendón sobre a especulación urbanística en Fisterra.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).