Venres. 29.03.2024
El tiempo

Asoar-Armega achega o mar aos pequechos do CEIP Mar de Fóra cunha exposición e charlas cos mariñeiros

Asoar-Armega achega o mar aos pequechos do CEIP Mar de Fóra cunha exposición e charlas cos mariñeiros

O programa de educación mariñeira da Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia, ASOAR-ARMEGA, continúa en marcha. A entidade, radicada en Corcubión parra toda Galicia, prosegue co desenvolvemento do proxecto de educación ambiental “Aprendendo do Mar” co cal se pretende achegar aos máis cativos a cultura mariñeira e a importancia de coidar e protexer o medio mariño. Este proxecto deu os seus primeiros pasos no ano 2010 no C.E.I.P. “Praia de Quenxe”, para logo continuar polo C.E.I.P. Santa Eulalia de Dumbría e outros Centros Educativos da comarca.

Nesta ocasión, como xa ten feito anteriormente nos outros Centros Educativos, no C.E.I.P. “Mar de Fóra” de Fisterra montouse unha exposición con artes de pesca tradicional, para que os alumnos e alumnas coñezan as diferentes artes e aparellos empregados tanto na pesca artesanal como no marisqueo.
Asemade, en base á información que se lle proporcionou ao Centro sobre as características das artes e os aparellos de pesca expostos, as especies que se pescan con cada un deles, etc, os educadores xa comezaron a traballar estes días co alumnado de diferentes idades, para que así os rapaces se familiaricen coa materia e profunden no seu coñecemento completando dita exposición.

Sesións de charlas coas mariñeiros

Logo disto, na seguinte semana o persoal de ASOAR-ARMEGA xunto con profesionais dedicados ao mar, mariñeiros e mariscadores, pasarán polo Centro para realizar cos alumnos e alumnas talleres e sesións divulgativas acerca de unha xornada de pesca e outra de marisqueo, amosándolles o mar como un medio de vida: como se empregan as distintas artes e aparellos, as especies que se capturan, onde habitan, as condicións nas que deben vivir, explicándolle as peculiaridades dos ecosistemas e a fraxilidade dos mesmos.

Ao mesmo tempo, procurando interiorizar hábitos de vida sostibles dende idades temperás, abordarase a problemática que ocasionan os residuos que se atopan nos fondos mariños e nas zonas costeiras, facendo especial fincapé na importancia de manter limpos os fondos mariños e o litoral para a conservación dos recursos e garantir o futuro de esta actividade profesional, así como o benestar de todos nós facendo un uso responsable e sostible do mar, que é a base da economía de moitas familias.

Novas de Divulgación e dignificación no mar da ASOAR

Máis novas

Fonte

Comentarios