Aula CeMIT de Fisterra: 10 anos e 7.000 horas formativas loitando contra a fenda dixital
Nesta mesma semana do mes de abril fai 10 anos, abría as súas portas unha aula CeMIT no concello de Fisterra, sumándose así ás restantes espalladas pola xeografía galega. Nacía xunto ás de Camariñas e Corcubión, sobrevivindo ás adversidades só a fisterrá, e só no primeiro ano xa formada 300 persoas.
Un servizo que vén sendo fundamental para loitar contra a fenda dixital, para axudarlle aos maiores a conectar coas novas tecnoloxías, e aos non tan maiores a adaptarse aos novos tempos.
Concretamente, o centro ofrece 13 postos de ordenador e rede sen fíos, dos que os/as usuarios/as poden facer uso gratuitamente; pero non só das instalacións, senón tamén das numerosas actividades, tamén de balde, que se levan a cabo na Casa do Arco (lugar onde se empraza, tamén coñecido como Chalé de Vilas). Destacan principalmente as actividades de alfabetización dixital, tanto de achegamento ao uso do ordenador, como do teléfono móbil.
Pero a formación vai moito máis alá. Ao longo destes anos se ofertaron cursos e charlas de temática máis específica e avanzadas, mesmo formación a través de videoconferencia dende Fisterra a outras aulas da Rede. Concretamente, suma máis de 7000 horas formativas presenciais, ás que este ano, suscitada pola situación sanitaria e adaptándose ás necesidades dos/as usuarios/as se engadiron tamén horas de formación en liña, acollidas cun alto número de inscricións e valoracións moi positivas, ao permitir o estudio, apoiado en titorías individualizadas, sen mobilizarse dos seus domicilios.
Pero ademais da formación, este lugar destaca polo asesoramento e axuda que brinda aos/ás veciños/as que o precisen: dende unha videochamada por Whatsapp, a volver encher a axenda do novo teléfono cos contactos antigos, á descarga dunha vida laboral ou acceso aos informes do Sergas, actividade que non chegou nin a paralizarse sequera durante a pandemia, xa que de xeito telemático (vía chamada telefónica, mensaxería ou videochamada) seguiu proporcionándose.
Cúmprense polo tanto 10 anos de aprendizaxe continua e bidireccional, na que Alicia López, responsable do centro, coordinadora das actividades e formadora, case na súa totalidade das mesmas, di non deixar de aprender, tanto na metodoloxía, como nas novas ferramentas, como en base ás necesidades que as propias persoas usuarias traen consigo á aula.