Fisterra acolle unha charla informativa sobre Dano Cerebral Adquirido
A información sobre o dano cerebral adquirido, que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia, chega a Fisterra pola man da colaboración entre o concello coruñés e a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE). A charla vai ter lugar o mércores 4 de maio ás 11:15 hh. no Salón de Actos do Concello de Fisterra. O acceso é libre, pero recoméndase inscribirse no teléfono 661 947 153.
A actividade informativa está dirixida a todo tipo de público e nela a traballadora social de FEGADACE vai falar da prevención das principais causas do dano cerebral (o ictus -que está detrás do 78% dos casos- e os accidentes de tráfico), e do modelo de atención e rehabilitación que se desenvolve nas asociacións galegas de dano cerebral, ditado polo Ministerio de Sanidade a través do Imserso. Centrarase especialmente en presentar o recurso asociativo máis próximo a Fisterra: ADACECO, a Asociación de Dano Cerebral da Coruña, que se ocupa de toda a área sanitaria da Coruña e Cee.