Venres. 03.05.2024
El tiempo

Fisterra, Ópera Ambulante do Centro do Mar

Esta fin de semana celébrase a VI edición do Fisterra Blues Experience. Un festival completo e diverso que contará, o sábado ás 11:30h, cun roteiro sonoro giiado por Xurxo Souto. El mesmo fainos un resumo.

Roteiro sonoro con Xurxo Souto no Fisterra Blues 2019-Foto-Rocio Castro
Roteiro sonoro con Xurxo Souto no Fisterra Blues 2019-Foto-Rocio Castro
Fisterra, Ópera Ambulante do Centro do Mar

Fisterra, Ópera Ambulante do Centro do Mar

Cantigas que, en cada recanto da vila, contan historias do mundo todo. 

Ruta (resumida)

Partiremos da "bibliotaberna" A Galería (na rúa Real), do sabio taberneiro Roberto Traba Velay.

Deseguido iremos cara a casa de Alexandre de Fisterra, para lle botar a “Oda ao Fútbolín” e contar algún petisco da biografía deste gran talento. 

Tiraremos cara a calexa do Cintolo: Cantigas do Gran Sol, porque, como saben todos os mariñeiros, o mítico Rockhall, rocha perdida entre Escocia e Islanda, é cuspidiño na súa forma ao petón do Cintolo de Fisterra.

Despois pararemos na casa de Monchito Mesejo. Alí cantaremos a canción que a el lle dedicamos os Diplomáticos. Oxalá poida estar e contar en primeira persoa a súa aventura en Mozambique. Cando o barco no que ía foi asaltado pola FRELIMO e el, grazas a lle falar en galego aos guerrilleiros, salvou a vida a toda a tripulación. 

Tiraremos cara a capela do Bo Suceso. Falaremos das relacións de Fisterra con Arxentina (e polo tanto con Italia), cunha mención á peza que lle armou á vila o grupo italiano Man Mau. Tamén haberá unha cita á tradición heavy, isto é ao conxunto Papirus, de Kuka Sar. 

Despois achegarémonos ao Castelo de San Carlos. Alí cantaremos o himno do Liqueirón que armamos o pasado verán coa orquestra bravú Xangai. 

Pararemos na casa de Juanitero, a mais antiga de Fisterra, feita (segundo o seu propietario) polos propios romanos. 

Alí lle mandaremos a famosa cantarea “Fomos pescar a Meixidos” (que me aprendeu Agustín de Cruz de Baixar).

Na praia da Ribeira botaremos cántigas das traballadoras da conserva.

E remataremos onda a áncora do Casón, para cantar o himno popular do gran cabo de Occidente: 

"Debaixo do noso cabo

Hai un home pequeniño

Que lle chaman vendaval

Vendaval, vendavaliño"

(por suposto, pode haber mudanzas, e enganchar outras catareas polo camiño)

Comentarios