O Fisterra Blues Experience encherá de música a fin da terra dende Langosteira ata o Faro
Esta mañá de martes 27 de xuño tivo lugar a presentación oficial da VI edición do Fisterra Blues Experiencie. Ese festival que se celebra na fin da terra, e que traerá do 30 de xuño ao 2 de xullo, unha marea de actividades dende a Praia Langosteira ata o Faro de Fisterra.
Grandes nomes do blues internacional, nacional e galego, como Marcos Coll, La Perra Blanco, Alexis Evans, Mojo Mantra ou Madame Bird compartirán protagonismo con outros xéneros e coa beleza da nosa paisaxe, un dos grandes atractivos do festival.
A música comezará a soar o venres, día 30, no Escenario Xacobeo, situado fronte a Praia Langosteira. Ás 21.00h abrirá a noite o concerto de presentación do novo proxecto de Marcos Coll, “Nómade”, que estará acompañado do guitarrista alemán Stef Rosen. Tamén actuará o trío gaditano La Perra Blanco.
O sábado, día 1, Xurxo Souto fará un roteiro sonoro pola vila (11:30h) mentras no Escenario Fisterra, situado no exterior da Lonxa, comezará o Mercado de Artesanía e Deseño “Un mercado en cada porto”, adicado ás mulleres artesás de Galicia. Estará animado coa música dos pasarrúas Rapacollóns (12:00h) e máis tarde da Brass Atlantic (12:30h e 17:00h).
Situada no Escenario Mar da Fala (Lugar de San Roque), a sesión vermú (a partir das 13.30 horas) contará coa actuación do estadounidense Luke Winslow-King e, pola tarde, a partir das 17:00h, haberá xogos tradicionais e un obradoiro de barquiñas con material de refugallo organizado por sororAs, un espazo de creación e aprendizaxe en igualdade e dende a aplicación da perspectiva de xénero.
Namentres, ás 17.30 horas, chegará o Blues a Bordo, unha travesía musical a cargo de Cruceros Fisterra que será animada por Adrián Costa e o seu maquineto. Será a antesala da segunda velada musical no Escenario Xacobeo, ao que subirán Alexis Evans (unha das grandes promesas do soul francés), Mojo Mantra (a nova formación de Néstor Pardo, que dará o seu primeiro concerto) e Madame Bird.
O festival chegará ao seu fin o domingo, día 12, cunha nova sesión de Blues a Bordo protagonizada por Adrián Costa (12.30 horas). Despois, o Faro de Finisterre acollerá ao dúo poético aldaolado (13:30h) e á recente banda compostelá Malabesta (14:15h), para rematar coa xa clásica jam session “Conexións Atlánticas”, a cargo de David Regueiro e Mónica Acevedo.
Horarios
Crónicas do Fisterra Blues Experience
- 2022: O Blues puido co vento
- 2020: O blues bate ca pandemia.
- 2019: Fisterra xa sabe vivir e gozar o blues.
- 2018: A experiencia Blues afiánzase na fin da terra.
- 2017: Fisterra subiuse a bordo do Blues.
- 2017: Javi Turnes: “O Fisterra Blues Experiencie quere traer unha oferta cultural á altura da paisaxe”.