Un impulso ao imprescindible Servizo de Axuda no Fogar
Un dos servizos sanitarios que máis se teñen reivindicado con toda esta pandemia é o Servizo de Axuda no Fogar. Trátase dun dos gastos máis importantes dos Concellos, que contan coas axudas das administracións para afrontalos.
É o caso de Fisterra, onde o Concello presta servizo a preto de 50 persoas maiores e dependentes.
Onte, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso achegouse ata Fisterra para asegurar que a entidade provincial ratifica o seu compromiso co servizo e que os seus programas sociais “non deixan a ninguén atrás” na saída da crise.
Anunciou así o financiamento de 75.000 horas de servizo de axuda no fogar nos concellos da Costa da Morte, permitindo a contratación de 35 profesionais. Os concellos da comarca reciben este ano máis de 4 millóns de euros da Deputación a través da parte social (obrigatoria) do POS. A meirande parte dos concellos decidiron sufragar os gatos do SAF co POS, dos que saíron 2,4 millóns; os outros 1,6 millóns saen do Programa de Servizos Sociais Comunitarios.
”Máis que a Xunta”
Aproveitou Formoso para asegurar que a Deputación paga mellor que a Xunta. A achega da Deputación para financiar os servizos de axuda no fogar é de 12 euros/hora, moi superior aos 9,7 euros/hora que dispón a Xunta de Galicia que, a pesar de ter as competencias na área social, “mantén conxelada a súa achega desde 2016, o que ocasiona unha importante carga económica para os concellos, xa que non cubre nin a metade do prezo dun servizo que a día de hoxe costa arredor de 18 euros/hora, o que obriga aos concellos a asumir a outra metade”, afirmou Formoso.