Os Piratas das Crebas tomaron a XIX Festa do Longueirón de Fisterra


Unha das citas gastronómicas da fin de semana tivo lugar en Fisterra. A XIX Festa do Longueirón encheu a vila de festa e alegría. E como non, de comida.
O longueirón, que viña contento tralos últimos e positivos datos das analíticas das augas da enseada fisterrá, comeuse en todas as súas variantes. Os 7 postos ao redor da praia da Ribeira estiveron ateigados de xente dende primeiras horas do sábado ata a noite do domingo. Asistentes de toda a provincia achegáronse para disfrutar dun dos manxares da nosa bisbarra.

Os piratas das Crebas

A sorpresa da fin de semana chegou ao mediodía do domingo. Os membros da Plataforma Fisterra Fin do Camiño vestíronse de época para facer unha invasión na vila do Cristo, como fixeran o mes pasado no Promontorio Nerium como actividade lúdico-didáctica para unha escola de Dodro. As Crebas amosaron as súas extra_vagancias e puxeron máis festa no ambiente.
Logo de desembarcar e botar unhas bombas, subiron e fixeron un pasarrúas teatral pola festa, facendo disfrutar dun bo rato. Un novo exemplo de como se poden artellar iniciativas orixinais e divertidas dende o seo do pobo. Iniciativas ademais que poden ter ata unha viabilidade real, e que poden servir para crear emprego na zona.

"Ai quen chejou por aí"
Outros que mantiñan a festa por todo o alto eran os da charanga de Fisterra "Ai quen chejou por aí". Vellos coñecidos da zona, coma Manín, Jesés Picallo ou Moncho Domínguez fixeron as delicias dos asistentes coa súa música marchosa.

Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).
- Fotografía de Marcos Rodríguez (agás a das Crebas).