Papirus, a banda antibravú de Fisterra
A historia do bravú na Costa da Morte ten o seu propio relato. E como nos gusta ir sempre a contracorrente, co bravú, convertido case que en algo mainstream nos anos 90, non ía ser distinto.
No marco daquela corrente de música galega agropunk que chegaba ás casas de todo o país da man do Xabarín, na Costa da Morte contababamos cuns Impresentables de Vimianzo que representaban á perfección o espírito bravú sendo mesmo unha das bandas fundadoras. Pero as cousas non se vían do mesmo xeito dende a fin da terra.
A banda Papirus (Fisterra, 1993), tamén fora invitada á Cea de Viana, a xuntanza en Chantada que supuxo o nacemento do bravú. Pero aquelo, para os Kuka, Pana, Manolo, Velay, Víctor, Elisardo e Totó, era xa demasiado popular. Rexeitaron a oferta e preferiron seguir remando contracorrente e se convertiron nun dos principais alicercedes do movemento antribravú.
Véndoo dende a distancia, e mesmo gozando en primeira persoa do 30 aniversario do movemento, algúns dos membros da banda recoñecen ter ido demasiado lonxe coa súa idea de confrontación, pero naqueles tempos, Fisterra tiña que ser contrarevolucionaria.
Kuka Sar debúllanos a súa historia:
A historia de Papirus
A historia de Papirus comeza no verán de 1992, cando o compañeiro e amigo Victor Peredes merca una guitarra clásica e xa nese verán, comezan as festas coa guitara onde sexa, tanto en Corveiro, como na base da Cruz vermella, onde moitos mozos da vila estaban a facer a obxección militar. No 93, Victor dá o paso e merca una guitarra eléctrica, e é no entroido, na comparsa Tope Bwana e despois de moito ensaiar, cando un grupo de rapaces saltan ao escenario para interpretar dous temas no concurso de comparsas, só coa música da guitarra.
Ese Entroido o 93 é chave, e a partir de aí deciden montar un grupo, “sempre coa intención de divertirnos”. Víctor Paredes, José María Velay, Elisardo Ballón e Kuka Sar forman o primeiro cuarteto, sempre tirando José Manuel Velay “O Panadeiro”, que se encarga de mercar unha batería e axudar co resto de instrumentos. Xa hai primeira formación: José Manuel á batería, Velay ó baixo, Elisardo “Rocko” á guitarra, Victor guitarra sollista e Kuka á “gharghanta”.
”Empezamos a ensaiar os cinco nun chabolo tipo galiñeiro (pero sen galiñas) do lado da casa de Victor Paredes, na rúa Castelao, un local onde case non nos podíamos mover, pois tocábamos uns cos outos”, relata Kuka. Un día de ensaio, e despois de recibir moitas visitas de amigos para vernos ensaiar, recibimos a visita do meu irmán Manolo, que pediunos acompañarnos nun tema a batería. Deixounos tan sorprendidos a todos co seu domino da batería que José Manuel decidíu convencelo para que el ocupara o sitio na batería, sen deixar nunca José Manuel de participar no grupo”, explica. Xa eran 6.
Influencias
Daquela tocaban temas dos seus grupos favoritos: Los Suaves, Barricada, La Polla Records, Cicatriz, Kortatu… Cambiaron de local, a un algo máis amplo, o baixo do Recamán, na Anchoa, pois non lle cobraba (“estarémoslle eternamente agradecidos”) e ademais tampouco molestaban aos veciños.
O nome da banda
Era hora, tras meses de ensaio, de buscar nome á banda. “Non lembro ben cantos nomes se puxeran na mesa; o que si lembro é que os dous finalistas foron “Chicote” e “Papirus”, quedando “Papirus” gañador. Sacáramolo dunha película que non facía moito tempo que víramos, La loca historia del mundo", relata.
Os primeiros concertos
Ensaiaban todos oos días de 19:00 a 21:00 da tarde, “sempre facéndoo por diversión”. Pero aquelo xa comeza a correr moi rápido. En poucos meses, daban sacado as versións dos grupos con solvencia, e aló polo mes de maio foron invitados a animar unha festa de cumpleanos coa súa música. Alá foron ao seu primeiro concerto, “un sábado na Serra, no chalet de Don Juan, o pai de Santi, para o cumpleanos de Gonzalo e o de Santi”.
”Saíu bastante ben”, lembra Kuka, polo que se decidiron a abrir a veda a posibles novos concertos. A finais dese mes de xuño, Galiza Nova contacta con eles para tocar nunhas Xornadas de verán que estaban a organizar en Carnota. “E alí fomos a tocar o noso primeiro concerto oficial a Praza do Concello de Carnota. Fomos ben recibidos pola xente de Galiza Nova”.
Esa noite tocaron moitas das versión dos seus grupos favoritos, pero onde ademais estrearon xa dous temas de fabricación propia: ”O Polbo” e “Ide a joder a Dios”. “Cando nos puxemos a facer cancións propias, decidimos que tiñan que estar escritas en galego”, sinala convencido.
A partir dese primeiro concerto, xa empezaron a chamar de forma oficial para tocar en diferentes festas, correndo sempre coas contrataións “O Panadeiro”. Nese verán do 93 tamén tocaron na festa da Praia, cando aínda se celebraba todo o domingo. “Foi un concerto de tarde, no que tivemos bastante boa acollida”, a pesar de que ao tocar no exterior co seu propio equipo provocou que o son fose ben mellorable.
O seguinte concertó fora na festa do Longueirón dese mesmo verán do 93. Foi un concerto tamén de tarde e ao aire libre, pero aproveitaron a amplificación da orquesta ou grupo que tocaba despois.
Seguía medrando a historia en vivo de Papirus e en setembro a comisión de festas da Patrona, cando había disputas por que as festas do Carme se celebraran en agosto, chamounos para tocar na Praza da Constitución. “Aí fixemos, baixo o meu criterio, un dos concertos máis memorables da nosa curta vida”, relata emotivo Kuka.
Un mes de despois estaban teloneando aos Rastreros de Chantada (fundadores e anfitrións un ano despois do bravú) no Pub Kómik de Baio. Á volta a casa tivo a súa anécdota. “De camiño de volta, topámonos cun accidente no cruce de Berdeogas; ao condutor do sinistro non lle pasara nada, pero recuperamos da cuneta un maletín que era da persoa accidentada, e que días despois descubrimos que contiña máis de un millón de pesetas…”
Concurso e Festival
Entrando naquel inverno do 93, con menos festas no horizonte onde lanzar o seu salvaxe directo, decidiron participar nun concurso de rock que organizaba una discoteca de Carballo, ”A Micro”. Finalmente o gañador fora Gandi, un dos membros dos Kakagué, autores do himno do Depor.
Pouco despois,e coa axuda do concello de Fisterra, puxéronse a organizar para o Nadal, o que fora o “I Festival Rock na Fin do Mundo”, para o que tiraron de grupos de amigos coñecidos. Os máis cercanos eran “Mordor”, o xérmolo de Zénzar, a banda de Cerceda aínda en activo. Tamén se achegaron á vila do Cristo os “Bastantes Llon”, naturais de Ribeira que formaron posteriormente “A Compañía do ruido”, e os “Troleblues” de Laxe.
Proceso creativo
Foi o inverno máis creativo da súa fugaz historia, xa noutro local máis cercano, na rúa do Voluntariado, na casa Manolo do Cullú, que era tío de Velay máis de Victor, “polo que tampouco nos cobraba aluguer”. Alí puideron traballar temas propios, nos que partindo das letras de Kuka, Miguel Fernández (o debuxante), Roberto Traba ou mesmo Rosalía de Castro, compuñan a música en común.
Foi momento de incorporar un novo membro: Totó que deulle, co seu teclado un son máis completo.
Xa en febreiro do 94, tocaron no pub “Alba”, de Fisterra, e noutro festival na discoteca “Babalú” de Cee, para o colectivo antimilitarista da Costa da Morte. Tamén tocaron dúas veces nun local de Cee, o “Marigel”, antigo “Katakombe”. “A primeira vez que nos chamou acordamos ir a tocar polo que consumira o grupo emais a xente que leváramos con nós, pero a segunda vez xa nos pedíu que lle déramos una cifra, pois resultoulle imposible contabilizar a bebida que consumíramos a primeira vez”, bromea Kuka. Saía mellor ir a ghastos paghos que cobrar…
O Festival en Cerceda
Entrando na primaveira do 1994, aquela xa era unha banda con xeito, con temas propios e un repertorio no que non faltaban versións como ”La ciudad llamada perdición” ou ”Sempre Igual” (en galego) de Los Suaves; ”Todos mirando” de Barricada; ou ”TXUS”, ”Salve Regina” e “Come Mierda” de La Polla Records.
Tocaron nas festas do Cristo co equipo de son da orquestra “A Nova Palma”, que quedaran moi sorprendidos da forma de tocar e do espectáculo da banda. E a partir de aí bolos na festa da Praia, no “Gheto”, o mítico pub de Cee; ou no Festival Rock de Cerceda, onde compartiron cartel com grandes bandas do país como “Zenzar”, ”Desertores do Arado”, ”Impresentables”, ”Heredeiros da Crus”, ou mesmo “Boikot”…
Nese festival o grupo garda unha das súas poucas gravacións en directo, e a banda ten unha boa anécdota. Durante o concerto, entre canción e canción, Kuka aproveitaba para “cagarse” nos Borbóns e en “todamaríasantísima”. Ao remate estaban esperándoos varios axentes da Garda Civil e da Policía Local, onde lle tomaron declaración ao “gharghanta” fisterrán, por dicir ao micro “cousas que non se podían dicir” a pesar de estaren xa en plena década dos 90. Quixeron levalo durmir ao cuarteliño, pero gracuas á mediación dos compañeiros de Mordor e da organización do festival, conseguiron que desistiran e deixaran ceibe a Kuka.
De feito, días despois, a Garda Civil pediulle a gravación do festival completo á organización, e ao entregárenlla explicaron que xusto se estropeara a durante a actuación de Papirus… Milagrosamente, si que se salvara un VHS coa súa actuación, do que aquí salvamos un anaco:
A morte de Elisardo, a morte da banda
Aínda no final do verán do 94, tocaron nas festas do Carme de Fisterra (as últimas que se fixeron en agosto) e nas da patroa de setembro, pero a partir de aí “empezaron os malos rollos”. Había dúas liñas na banda: dous que querían ser máis ambiciosos e chega a vivir da música, que de feito, Velay e Víctor saíron da banda e montaron outra paralela, “Bangla”.
O resto quedaron intentando poñerse as pilas, con Kuka asumindo o baixo para acompañar a Elisardo, con Totó nos teclados e Manolo na batería. Pero apenas dous meses despois desta división, xa coa nova formación ben redirixida para seguir tocando, o guitarrista da banda, Elisardo sufriu un accidente de tráfico na Anchoa, e perdeu a vida. “Ca súa, tamén foise a vida dos Papirus”.
A lista de temas de Papirus
A falta de poder escoitar en LP os temazos de Papirus, deixamos a lista dos 12 temas propios da banda:
- 1.- O POLBO………Letra Kuka, música PAPIRUS.
- 2.- IDE A JODER A DIOS…Letra Kuka, música PAPIRUS.
- 3.- OS VERDEROLOS…….. Letra Kuka, música PAPIRUS.
- 4.- ADEUS RIOS, ADEUS FONTES…… Letra Rosalía, música PAPIRUS.
- 5.- PERDEUSE O MELLOR,….. Letra Velay, música PAPIRUS.
- 5.- FASE TERMINAL……… Letra Velay, música PAPIRUS.
- 6.- SARAXEVO…… Letra Miguel, música PAPIRIS.
- 7.- NO FAI FALLA DICIR NADA?….. Letra Miguel, música PAPIRUS..
- 8.- MOMENTO….. Letra Miguel, música PAPIRUS.
- 9.- O BLUES DE LOLA…… Letra Roberto Traba, música PAPIRUS.
- 10.- INSTRUMENTAL DE PAPIRUS SEN LETRA..
- 11.- JHONIE B.GOOD….. Letra e música PAPIRUS.
- 12.- XAN…… Letra e música PAPIRUS..
Máis novas do bravú