Sabe o Concello de Fisterra aproveitar o potencial turístico da Fin da Terra?


Esta é a pregunta que se fai, ou máis ben responde, o BNG local, ante eterna parálise municipal do goberno de Traba. A perda do Selo do Patrimonio Europeo foi o cumio dunha política municipal da total deixadez, para a que o grupo da oposición outorga un “suspenso”.
”A incapacidade de xestionar o volume de turistas que chegan ata o faro supón unha importante perdida de ingresos turísticos”, sinala o grupo opositor. Consideran un “grave problema desaproveitar este potente recurso radica, ademais, na incapacidade de crear atractivos que incrementen os tempos de permanencia e o gasto por persoa na vila. Incluso moito do turismo que visita o Cabo fica distanciado do comercio da vila”.
O caso é que o fluxo de visitantes, aínda sendo moi importante, ten baixado considerablemente en comparación con décadas pasadas. Entre 150.000 e 250.000 mil visitantes chegan ao Cabo cada ano, pero sorprende que boa parte dos turistas que chegan ao Faro non fan parada no centro da vila, no porto e nos seus arredores, nin visitan o noso rico patrimonio arquitectónico. Isto tradúcese nunha redución dos beneficios que pode deixar cada turista na vila.
Iso si, agora que veñen as eleccións, e só gracias a que a Deputación está atenta, anúnciase a senda peonil ata o Faro, unha necesidade histórica esquecida ata agora, e que para o BNG non é máis que “perpetuar a política do mínimo esforzo”.
Por iso considera que “toca un cambio na promoción do Cabo Fisterra, revisar a fondo a política dos últimos anos, e actuar na posta en valor deste recurso turístico con feitos, e non con promesas sobre o papel”, en alusión ao Plan do Cabo. E defende así defende “o seu propio plan alternativo: un proxecto de mobilidade turística nos accesos” que dinamice o fluxo de turistas dende a vila ata o faro, restrinxindo o paso de vehículos en temporada alta.
Propostas do BNG fisterrán
E nese sentido, o BNG fará unha proposta alternativa de xestión turística do Cabo:
- 1. Medidas de xestión de accesos ao Cabo de Fisterra en temporada alta: Darlle prioridade ás visitas ao faro a pé, en bicicleta, ou en transporte público mediante un microbús/bus lanzadeira dende o porto. Para esta medida proponse restrinxir o acceso aos vehículos en xeral (durante a temporada alta), só habilitando tarxetas de pase aos usuarios locais que a demanden. Habilitando un aparcamento nas proximidades da igrexa e outro no porto.
- 2. Transformación dun dos carrís da estrada para uso exclusivo do turista: Dotar un dos carrís da estrada ao Faro coma senda peonil e carril-bici, e deixar o outro carril para servizo rodado de vehículos. Habilitar a senda con áreas de descanso e miradoiro, e información relevante sobre os valores de Fisterra e do Cabo, e da súa historia.
- 3. Plan de ordenación tráfico de vehículos en temporada alta: Redirixir na entrada na vila a circulación de turistas cara a zona portuaria. Dende ese punto, aqueles interesados en subir ao Faro ofrecerlles tres posibilidades:
- 3.1. Microbús/bus lanzadeira dende unha zona localizada no porto (de saída e chegada), coa frecuencia suficiente para satisfacer a demanda. Un exemplo claro desta proposta témola na na entrada ao Parque Nacional de Ordesa nos Pirineos, que restrinxen a entrada a sete quilómetros, obrigando a acceder a pé ou en microbus dende a vila de Torla (a vila experimentou un importante crecemento na xeración de postos de traballo).
- 3.2 Este microbús/bus tamén podería ofertar visitas complementarias e guiadas, con frecuencia puntual, a outros puntos de interese turístico do Concello (praias e entorno natural costeiro, ou patrimonio arquitectónico, ou visitas ao rural).
- 3.3. Modelo de xestión deste microbuses/bus lanzadeira: mediante unha concesión municipal, e un cobro simbólico por pasaxe que podería estar entre os 1,50 e 2 euros (pendente de cálculos de custes). - 4. Posibilidade de acceder en bicicleta de alugueiro, poñendo un servizo de empréstamos de bicicletas.
- 5. Roteiro a pé dende o porto ao cabo, en ida e volta, ou só en ida.
Novas relacionadas
- Kuka Sar: “Pola defensa dunha Costa da Morte cunha pesca sustentable”.
- Por fin unha senda peonil ata o Faro Fisterra.
- Fisterra queda sen o seu selo de Patrimonio Europeo ante a irresponsabilidade municipal.
- Oficina de Turismo: Pechada por vacacións.
- Necesidades do Camiño: Unha verdadeira ordenación do Cabo Fisterra.
- O Cabo Fisterra terá que agardar máis dun ano polo seu ambicioso Plan Director.
- O Cabo Fisterra, o vertedoiro da fin do mundo.
fonte
- Nota de prensa do BNG.