O Cabo Fisterra terá que agardar máis dun ano polo seu ambicioso Plan Director
Os empresarios e entidades sociais de Fisterra xa coñecen as 1000 actuacións do Plan Director do Cabo Fisterra, cun orzamento duns 8 millóns de euros. Pero sobre o papel, pois o director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel, deixou claro que o 2013 non vai ser o ano no que comecen as actuacións por evidentes problemas económicos. E xa serían 5 nos dende a súa presentación oficial sen mover unha pedra. De feito, "o Plan Director non establece un horizonte temporal concreto", dato perigoso.
Iso si, a Xunta deixou claro que non son inversións previstas pola Consellería de Cultura e Educación, xa que moitas das propostas fican máis aló da competencia ou capacidade deste departamento, polo que parece que haberá que agardar polos cartos de Europa.
En todo caso, o propio arquitecto César Portela, quixo explicar o seu Plan, que serve para “determinar as condicións actuais de conservación do Cabo Fisterra, establecer as pautas para a súa ordenación e usos, e propoñer ferramentas de xestión axeitadas”. Un Plan que só desenvolvelo custou 186.000€.
Un ambicioso Plan Director poñendo en valor o patrimonio material e inmaterial
Son moitas, e ben interesantes as actuacións que se prantexa no Plan. O documento describe de forma pormenorizada a Península, da que se detallan as características a nivel xeográfico, histórico e cultural, tanto na vertente material como na inmaterial. Asemade, complétase unha visión integradora que, con rigor científico e técnico, reúne un fondo documental que é moi útil de cara ás funcións de protección, divulgación e concienciación.
Entre as novidades desta parte de recompilación de información, destacan os naufraxios que dan sona á navegación pola costa fisterrá ou unha escolma poética de diversos autores que se refiren ao Cabo de Fisterra na súa obra.
Coidando o sendeirismo
Entre as 1.000 intervencións propostas destacan a ordenación da rede de camiños, a organización de accesos e recepción de visitantes, os traballos para dotación dunha mínima infraestrutura e servizos e o acondicionamento de roteiros culturais e paisaxísticos, entre outros.
Máis información
- Urban-e: Plan Director do Cabo Fisterra.
Novas relacionadas
- 1000 cousas que facer, e que non facer, no Plan Director do Cabo Fisterra.
- 2009: Ideas no Plan Monte do Cabo Fisterra.
- Os peixes globo desaparecen do Cabo Fisterra.
- Parque Cultural Aberto no Cabo Fisterra.
- Ordenación económica do Cabo Fisterra.
- Necesidades do Camiño (II): Unha verdadeira ordenación do Cabo Fisterra .
- Costa da Morte, marco perfecto para o Necroturismo.
Recunchos da Costa
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).
- Nota de prensa da Xunta.