Vernes. 19.04.2019
El tiempo

1ª Galicia: Xornada accidentada

1ª Galicia: Xornada accidentada
Iván Rojo e Iván disputan un balón no CD Baio-Esclavitud SD. Foto: www.diariodeportivo.gal O xogador do Soneira, Darío, daría o gran susto da xornada quedando inconsciente no Ara Solis logo de levar un golpe na cabeza nun encontronazo cun rival, polo que tivo que acudir ao hospital, ao igual que o capitán dumbriés Iago ao cal lle abriron unha cella e tamén tivo que asistir a un centro hospitalario para recibir sete puntos nesa zona da faciana, pero por sorte ambos percances quedaron en pequenos sustos para o que puido ser. No que respecta aos resultados, o Fisterra aproveitou o pinchazo do Flavia para recuperar o liderado logo de lograr unha vitoria pola mínima no derbi costeiro ante o Soneira nun partido no que houbo unha metade para cada equipo. Pola súa banda, o Baio aséntase na cuarta praza logo de superar ao Esclavitud nun partido máis resolutivo ca vistoso. Mentres tanto, a Esteirana acumula a súa cuarta xornada sen perder logo de sumar un novo punto, e van 8 dos últimos 12 posibles, ante o Unión. E o Dumbría caíu ante un dos galos da categoría como é o Sigüeiro nun encontro no que un gol anulado a Xabi por unha protestada falta puido cambiar o devir do mesmo.

Sigüeiro FC 2 – 0 CF Dumbría

Sigüeiro FC- CF Dumbría CF Dumbría: Iván Baña, Canario, Matías (Xacobe m.20), Marcos Mouro, Iago (Xabi m.4), Rivi, Yuyo, Cespón, Pablo Paz (David Carreira m.80), Alberto, David (Brais m.75). Goles: 1-0 m.28: Juan Castro; 2-0 m.80: Astray. Expulsións: O local Borja no minuto 71 e o dumbriés Rivi no 77. Tan só ía un minuto de xogo cando chegou o primeiro contratempo para o Dumbría e faría nun choque de Iago cun contrario no que o peor parado foi o capitán dos costeiros, quen tivo que abandonar o terreo de xogo logo de abrir a cella para acudir ao hospital, onde lle darían sete puntos. E tan só quince minutos despois, o que tería que saír do campo, sería Matías por unha lesión no seu xeonllo, deixando así o potencial do Dumbría claramente mermado. Juan Castro adiantaría aos seus no minuto 28 e Xabi vería como lle anulaban un gol por unha falta dubidosa sobre o gardameta, polo que se chegaría ao tempo de lecer co 1-0 no marcador. A falta de quince minutos para o final, o Sigüeiro quedaba con dez homes, despois de que Borja frease a Yuyo cando ía só cara a portería rival. Pero hoxe non era o día dos dumbrieses, e tan só seis minutos despois, Rivi tamén era expulsado por dobre amonestación. Os de Julián Ferreiro volcaríanse no ataque en busca do empate, pero sería o Sigüeiro quen lograría o gol nunha contra levada por Juanito e materializada por Astray para poñer o definitivo 2-0.

SD Esteirana 0 – 0 CD Unión

SD Esteirana: MJ, Simón, Samuel (Tobío m.60), Josiño Alves, Maroñas (Adrián m.78), Álex Rama, Róber Pladur, Elías (Pachi m.84), Josiño Barreiro (Manuel m.64), Codesido e Dani Rama. Partido no que os dous equipos querían impoñer o seu estilo e isto fixo que houbese poucos espazos, moitas disputas e moitas imprecisións. As ocasións practicamente non existiron pero a máis clara sería para o Unión no tramo final do encontro nun penalti moi dubidoso que os visitantes lanzaron fóra. Na primeira metade, a Esteirana reclamaría tamén unha pena máxima que non pitaría. O partido remataría co empate sen goles, resultado que faría xustiza ao visto sobre o terreo de xogo.

CD Baio 2 – 0 Esclavitud SD

CD Baio: Dani Varela, Rubio, Damián, Peke, Yago, Norberto, Bieito (Sergio m.77), Álex Figueiras, Santi Díaz (Porti m.68)(Josiño m.85), Moreno (Guau m.89) e Iván Rojo. 11 inicial do CD Baio ante o Esclavitud. Foto: www.diariodeportivo.gal Goles: 1-0 m.35: Norberto; 2-0 m.67: Santi Díaz. Os goles de Norberto e Santi Díaz déronlle os tres puntos ante o Esclavitud a un Baio que logrou a súa terceira vitoria consecutiva. Foi un choque de estilos no que o Baio buscou o xogo combinativo mentres que o Esclavitud procurou un fútbol máis directo. A igualdade foi máxima na primeira metade e as ocasións practicamente nulas, pois salvo un disparo de Juan que resolvería Dani Varela en dous tempos e unha falta lateral mal defendida polos visitantes que deu orixe ao gol de Norberto, non houbo máis achegamentos de perigo. A segunda metade foi moito máis aberta e os visitantes intentarían lograr o empate cun lanzamento de Abel que atallaría o gardameta baiés sen dificultades. Pero cando mellor plantados estaban os visitantes sobre o céspede, Santi Díaz materializaría un contragolpe para poñer o 2-0. Tras isto, o Baio tivo varias ocasións para sentenciar que non puido materializar e mantivo vivo no partido a un Esclavitud que tivo as súas na cabeza de Iván e nos pés de Darío pero o marcador non se movería. E xa no desconto, Iván Rojo tivo o terceiro tras un pase en longo de Álex Figueiras pero o 11 branquiazul non foi quen de superar a Diego no man a man, polo que se chegaría ao remate do encontro co resultado coñecido de 2-0. Norberto conduce ante a presión de Pichi no CD Baio-Esclavitud SD. Foto: www.diariodeportivo.gal

SD Fisterra 2 – 1 Soneira SD

SD Fisterra: Iván Bouzón, Bruno (Dani Martínez m.71), Andrés, Breixo, Aarón, Makaay, Pablo Lestón (Pichino m.60), Piti (Cote m.60), Gabriel, Jesús (Edu m.76) e Julito. Soneira SD: Javi Souto, Darío (Pose m.54), De La Sierra, Aarón, Madiop, Basti, Sandelo, Álex Taibo, Pichi, Agra (Alemán m.61), Samuel (Fran m.68). Goles: 1-0 m.28: Makaay; 1-1 m.51: Agra; 2-1 m.66: Makaay. O partido comezaría cunha boa ocasión para os fisterráns pero Pichi evitaría, baixo paus, o gol do seu excompañeiro Bruno, quen vería como Javi Souto faría unha boa intervención para evitar novamente o gol do 3 verde. Pero finalmente, sería o killer da fin da Terra, Makaay, quen vería portería ao aproveitar un balón morto na área visitante para poñer o 1-0 co que se chegaría ao descanso. Na segunda metade, Fisterra e Soneira trocaríanse os papeis e serían os de Vimianzo quenes levarían a voz cantante. Aos seis minutos da reanudación, Agra quitaríalle as teas de araña a portería dun Iván Bouzón que nada puido facer ao gran disparo do xogador visitante dende 25 metros tras unha espectacular xogada combinativa na que os vimianceses deron máis de 20 pases. E cando mellor estaba o conxunto soneirán, produciríase o gran susto da xornada na que Darío sufriría un forte impacto na cabeza cun contrario quedando inconsciente durante varios minutos e polo que tivo que ser trasladado ao hospital, pero por sorte todo se quedaría nun simple susto. Trala reanudación do encontro, máis do mesmo e no mellor momento de xogo soneirán, Samuel perdeu un balón na súa propia área que aproveitou Jesús para ceder a un Makaay que non perdoaría. Nos minutos finais, o Soneira tratou de sacar algo positivo pero Madiop, Fran e Basti non acertaría, polo que o resultado non se movería e o Fisterra asalta de novo o liderado.

Comentarios