Venres. 19.04.2024
El tiempo

A Ausencia do Fútbol Modesto na exposición do Gaiás

Exposicion Valor e Mestria do Futbol Galego no Gaias
A Ausencia do Fútbol Modesto na exposición do Gaiás

Hai uns meses visitamos a exposición Valor e mestría, Galicia como fútbol, inaugurada en Santiago a comezos do ano pasado na Cidade da Cultura polo presidente da Xunta, pois está organizada pola Consellería de Cultura e Turismo.

O seu catálogo -bilingüe galego/castelán- consta de 240 páxinas, con fotos a cor e branco e negro, leva senllas introducións dos seus dous comisarios (X. Antón Castro: “Unha relixión sen ateos: Galicia como fútbol”; Rubén Ventureira: “Reliquias do noso fútbol”) e despois os seguintes apartados nos que se narra, por orde cronolóxica, a historia deste deporte en Galicia desde a súa introdución ata os tempos actuais:

  • 1. “1876-maio de 1926. A orixe do fútbol en Galicia. Os primeiros «matches», clubs e torneos. Un horizonte amateur” (R. Ventureira);
  • 2. “Xuño de 1926-1939. Do nacemento do fútbol profesional ata o final da guerra” (Juan Carlos Álvarez);
  • 3. “1940-1959: A longa posguerra” (Carlos Miranda);
  • 4. “1960-1969. Os gloriosos anos sesenta” (Jorge M. Deza Rey);
  • 5. “1970-1991. Luces e escuridades en tempo de cambios” (Juan L. Cudeiro);
  • 6. “1992-1010. A era dourada do fútbol galego” (Arturo Lezcano);
  • 7. “2011-1019. A resaca do éxito” (Alexandre Centeno); e
  • 8. “1924-2019. O fútbol feminino galego” (Cristina López Villar).

A exposición está ben en sentido xeral e conta con espazos moi interesantes: fotos e ilustracións de todas as épocas e obxectos de coleccionistas. Paga a pena unha demorada visita. No catálogo, Antón Castro fai mención na súa introdución de escritores coma Eduardo Galeano e outros -boto en falta a Manuel Rivas na relación, pois unha das súas primeiras novelas, Todo ben (1985), entra no tema- que “se atreveron a elevar a paixón do fútbol á historia desprexuizada dunha fábula” (p. 14). Non sobra contrarrestar un pouco o tópico de “opio do pobo” acaroado a este deporte. Na de Ventureira éntrase na polémica do berce do fútbol en España: Huelva ou Vilagarcía? Ou Vigo: en 2012 o investigador da historia local de Vigo, José R. Cabanelas, reivindicou para a cidade olívica a primeira noticia sobre a práctica deste deporte de orixe inglesa en España, publicada no Faro de Vigo en 1876, catro anos antes da primeira noticia procedente das beiras do río Tinto (p. 19).

O fútbol feminino na exposición

O derradeiro capítulo, o 8, está dedicado ó fútbol feminino desde 1924 á actualidade. A súa autora, Cristina López Villar, empeza falando de Irene González, capitá do equipo “Irene F.C.” da Coruña (1925), a única muller dun equipo enteiramente masculino. Empezaba a longa loita das mulleres contra o machismo no fútbol (e noutros deportes). As federacións, dirixidas por homes, chegaron a prohibir os partidos entre mulleres: en 1963 a Federación Española difunde unha noticia titulada “Fútbol femenino: No”. Entre as fotografías do catálogo, figuran dúas procedentes de equipos modestos, coma o Crendes de 1963 ou o Buño de 1970. En 1969 créase o Karbo da Coruña, un referente para a historia do fútbol feminino ó longo da década dos setenta. Polos anos noventa xa se empeza a recoñecer na prensa que (tamén) “El fútbol es cosa de mujeres”, e increméntanse os equipos femininos. Co novo milenio xogadoras galegas entran no mundo profesional e algunhas acaban fichando por equipos europeos e norteamericanos. A máis famosa, a compostelá Vero Boquete, 58 veces internacional coa Selección Española, xunto con María Paz Vilas (25), Inma Castrillón (22 ) e outras. Vero figurou nos mellores equipos de Europa e conseguiu varios campionatos europeos; na súa honra, por acordo unánime dos catro grupos municipais composteláns o Estadio de San Lázaro recibiu recentemente o seu nome.

O Fútbol Modesto Galego, o grande ausente da exposición

As derradeiras páxinas do catálogo (232-238) están ocupadas por fotos de campos de fútbol de equipos modestos, entre eles o Rodeiro, o campo do SD Camelle, construído ó lado do cemiterio parroquial. Estas sete fotos en seis páxinas foron as únicas físgoas que os organizadores lle abriron ó fútbol modesto.

Poderase razoar que non era posible incluír un apartado onde concentrar os centos de equipos modestos que existen en Galicia -como se pode ver os luns nas páxinas deportivas dos xornais cos resultados e clasificacións por categorías-, pero non sobraba na mostra un expositor máis, unha vitrina ou unha simple mesiña onde polo menos se amosasen algunhas das súas xa numerosas publicacións (nas que, por certo, prevalece sen complexos o idioma propio de Galicia).

Coa axuda de X.Mª Rei Lema elaborei por orde cronolóxica unha relación máis ou menos completa de obras publicadas sobre o fútbol galego. En dous cadros: no Cadro 1 están as dos grandes clubs, profesionais por enteiro ou a medias, xunto con historias xerais do fútbol galego e biografías de xogadores e adestradores destacados; no Cadro 2, historias dos clubs modestos e/ou dos seus campionatos. Son consciente de que han de faltar publicacións, pero non deixa de ser un bo escaparate para lembrar que, coma Teruel, o fútbol modesto galego tamén existe.

Publicacions Futbol da Costa cadro 1Publicacions Futbol da COsta cadro 2

Nas publicacións das historias dos clubs grandes galegos prevalece o uso do idioma castelán (16 títulos fronte a 10 en galego); sucede ó contrario nas dos modestos (17 títulos en galego fronte a 3 en castelán). No tocante ós sitios web que coñezo tamén prevalece o noso idioma. Cómpre ter en conta tamén que case todos os clubs modestos contan con facebook (fb), medio co que van notificando ó momento as incidencias durante os partidos; no que toca ós clubs da Costa, o galego é o idioma predominante.


Publicacions sobre o Futbol Modesto Galego
Algunhas publicacións feitas arredor do Fútbol modesto galego

En abril de 2019 cumpríronse 30 anos da presentación do primeiro libro galego da historia dun equipo modesto e da súa liga: A Historia do C.D. Baio e da Liga da Costa (Concello de Zas, 1989), da miña autoría -descúlpeseme a autocita, pero alguén tiña que dicilo-, para o que contei coa valiosa colaboración do baiés Alfonso Villar López, que fixera un gran traballo de hemeroteca. Presentouse no auditorio municipal de Zas o 15 de abril de 1989 e foi o segundo da xeira das historias de equipos de fútbol galegos (anticipáranse o ano anterior Pedro de Llano e Pedro Muíños co Real Club Deportivo de La Coruña. 82 años de historia), e o primeiro dos publicados en lingua galega, o que lle outorga a categoría de libro pioneiro na normalización (case diría que na introdución) do noso idioma neste deporte. Para atopar outro deste estilo en galego aínda habería que agardar catro anos máis, pois será en 1993 cando co soporte de Edicións Xerais os xornalistas Xesús Flores e Xosé Mejuto publiquen Historia do Deportivo. A nova fronteira.

Volvendo ó ano dos inicios, 1989, non sobra lembrar que por aquelas datas case o cento por cento dos potenciais lectores dun libro de fútbol non foran alfabetizados na nosa lingua. Poucos estaban habituados a ler nela; fabas contadas. Polo tanto, a elección do idioma de Galicia tiña o seu risco e mesmo provocaba certo rexeitamento. Comentaba o escritor (e ex-xogador) Xelucho Abella nun artigo de 1990 que “o que realmente resulta máis satisfactorio é que a gran masa dos lectores desta Historia do C.D. Baio e da Liga da Costa é xente non ilustrada academicamente nin galegolectora (aínda que si galegofalante), a cal non só entendeu perfectamente o libro senón que sentiu retratado o seu universo cultural e a si mesmos nas súas páxinas: a súa función culturalizadora nun medio social non moi dado á lectura” (X.Mª Rei Lema / X. Mª Lema; 2015: 210).

Na memoria quedoume algunha que outra reacción positiva, coma a dun afeccionado da miña idade que me confesaría que lle custara ferro e fariña poñerse a ler o libro, dado o pouco costume que tiña da lectura en galego, pero que se atrevera e xa non o deixara ata altas horas da madrugada do enganchado que quedara. Outro caso curioso foi o dun taxista de Noia, que, ó día seguinte da presentación, se presentara na Casa do Concello de Zas para adquirir un exemplar pois encargárallo un cliente noiés (Noia dista de Zas entre 80 e 90 km, e as estradas non eran as de agora).

Non só os medios de comunicación -prensa, radio e televisión (entrevistas en “Panorama de Galicia” da TVE-G, e “Vivir aquí” e “Arestora” da TVG)- lle deran unha boa benvida a esta senlleira novidade bibliográfica que introducía o idioma propio de Galicia no mundo do deporte máis popular, senón tamén parte do mundo intelectual do país: Xesús Ferro Ruibal (“Onde o mundo aínda é deporte”, La Voz de Galicia 17-05-1989) ; Manuel Quintáns Suárez “Baio; un recuncho da mítica Fisterra” (El Correo Gallego 16-07-1989); Cibrán da Costa [Manuel Rico Verea] (“O farol vermello de Baio e a fe na victoria de Álvaro Pino”, El Ideal Gallego 1-02-1991); Suso Torres Regueiro (“Unha vila no espello da súa humilde equipa de fútbol” (A Nosa Terra, 11-07-1991). O -xa desaparecido- Diario de Galicia e o Atlántico Diario de Vigo facían fincapé no tema do farol (“O farolillo roxo da Costa da Morte” e “O equipo do farolillo vermello”). Pouca xente soubo que o libro fora finalista en 1990 na categoría de Investigación nos Premios da Crítica Galicia do Círculo Ourensán-Vigués de Vigo. O seu máximo defensor fora o lembrado maxistrado Daniel García Ramos; no xurado estaban, entre outros, o doutor Agustín Sixto Seco e o ex-presidente da Xunta Fernando González Laxe.

Ó tempo que nas décadas de 1990 e 2000 se foron publicando as historias dos grandes equipos galegos (todas elas en castelán: varias do Celta e do Deportivo; tamén do Pontevedra, do Ourense, do Arosa -sic-), noutra comarca galega situada da zona suroriental -no extremo oposto das terras fisterrás-, xurdía en 1994 a segunda publicación en galego: a Historia do fútbol en Valdeorras -1910/1994-, de A. Rodríguez Rivera, J. Miranda e I. Ramos. Unha década despois, en 2005, tamén vería a luz na lingua de Castelao a historia do Rácing de Ferrol, unha honrosa excepción entre os grandes de Galicia.

Influenciados ou non polo libro pioneiro, o certo é que vai ser no ámbito da Costa da Morte onde se rexistre un maior número de publicacións sobre historias de equipos ou dos seus campionatos. Nas presentacións que fixeramos da obra noutras localidades animabamos a que cada club recollese e contase a súa propia historia. Con todo e iso, aínda houbo que esperar case unha década para que aparecese o primeiro continuador, que foi o dedicado ós 75 anos do Bergantiños F.C. de Carballo (1998), de Xan Fraga, de moito material fotográfico e pouco texto. En 2001 Ricardo Güeto publicaría a primeira entrega da historia do Noia C.F. (1928-2001). En 2005 o xornalista de La Voz de Galicia, José Manuel Ferreiro, sería o encargado pola directiva do U.C. Cee de conmemorar cunha revista os 40 anos do club. En 2006 Manuel Torres publicaría Do Esteiro Fútbol Club á S.C.R.D. Esteirana e en 2010 os malpicáns Héctor Pose e Luís Porto celebrarían os 40 anos da SCD Malpica. Fóra do ámbito da Costa da Morte teño noticia de dúas publicacións do ano 2005 (Cadro 2): os 70 anos de historia do C.D. Lalín, de J.L. Sierra Oria (en castelán) e os 75 anos do C.D. Obrero de Oleiros, de Óscar Losada (en galego) e outras dúas do 2011: a do 50º aniversario do C.D. As Pontes (en galego), de Ferreiro García e Ferreiro Yáñez, e a do club Candeán de Vigo, de Costas Duarte (en castelán).

Onde non me quedou a máis mínima dúbida foi na valoración positiva que da nosa publicación pioneira farían, anos despois, dous xornalistas, autores de cadansúa historia xeral do fútbol galego. En 1997 Anxo Varela Couce publicaba a Historia do fútbol galego (Ed. Lea), con 17 capítulos dedicados principalmente -como era de esperar- ós equipos profesionais galegos desde as súas orixes: Deportivo, Celta, Compostela... Mais non deu a esquecemento as historias dos modestos, pois baixo o epígrafe “A lenda futbolística da Costa” dedicoulle todo o capítulo 5 á Liga da Costa: 15 páxinas destinadas a narrar a súa historia.

Anos despois, en 2012, Carlos Freire Cordeiro publicaría Todo sobre o fútbol galego (Eds. Xerais), libro organizado por orde alfabética de equipos, xogadores, árbitros, campionatos, ligas etc. Dentro da letra L, a ‘Liga da Costa’ era a única de modestos que gozaba dunha entrada, de máis de media páxina, casualmente situada entre a Liga española e a Liga da Campións. Un auténtico luxo. Cómpre engadir que tanto Freire coma Varela citaban a fonte dos seus datos, o que é de agradecer, pois aínda hoxe hai quen o “esquece”.

A proximidade dos cincuenta anos da fundación da Liga da Costa (1964-2014) motivou que se preparasen publicacións para esta efeméride. Deste xeito, o 30 de novembro de 2013 o equipo do xornal virtual Que Pasa na Costa (www.quepasanacosta.gal) presentou Os cromos das Estrelas do Fútbol da Costa, un álbum coas fotos individuais de máis de 700 xogadores dos equipos da familia costeira, xa dos que ascenderan á Preferente, xa dos que militaban na 1ª e na 2ª Autonómicas. En 2018 volverían sacar unha nova edición, ampliando o número de cromos coa 3ª Autonómica, o fútbol feminino e mesmo os árbitros.

O 6 de decembro de 2013, os malpicáns Héctor Pose e Luís Porto presentarían Mar de paixón. O fútbol na Costa da Morte, un libro de notables dimensións, máis ancho ca alto (30 cm x 19 cm), 235 páxinas e moito material gráfico, maiormente fotografías antigas e novas (máis de 800) de todos os equipos, cedidas por futbolistas, directivos e árbitros de todas as temporadas desde a fundacional de 1964. Diriamos que está concibido coma un gran libro-álbum. A edición correu a cargo dos propios autores e tivo un notable éxito de vendas.

Como colofón ó cincuentenario, en abril de 2015 Xosé Mª Rei Lema e quen subscribe presentamos 50 anos da historia do fútbol da Costa (1964-2014), resultado de catro anos de investigación en hemerotecas e arquivos. Un libro cun formato de 17 cm de ancho x 24 cm de alto (3 cm de grosor), 608 páxinas, abundante material gráfico e, sobre todo, moito texto, motivo polo que sería cualificado polo xefe deportivo da edición de Carballo de La Voz de Galicia, José M. Ferreiro, como “a primeira enciclopedia do fútbol da Costa da Morte, pois recolle desde os seus primeiros datos, cando o fútbol chegou a estas latitudes, a prehistoria, ata a actualidade”. Malia a preferencia que se lle deu ó texto, non por iso as ilustracións quedaron atrás, pois hai contabilizadas unhas 480. Coma no caso anterior, a edición tamén correu a cargo dos autores.

Publicacions do Futbol da Costa 2
Publicacións feitas arredor do Fútbol da Costa

De certo que o “desde os primeiros datos” non era simple retórica, pois este libro ten non só unha prehistoria, senón tamén unha historia antiga nas que se recollen datos dos máis de corenta anos anteriores á fundación oficial da Liga costeira. Para o meu gusto, particularmente interesantes son as primitivas crónicas xornalísticas das décadas de 1920 e 1930, publicadas en xornais galegos e en revistas dos emigrados na Arxentina, dos primeiros partidos amigables nas vilas e aldeas da zona, cando aínda non se integrara no novo vocabulario a palabra ‘fútbol’, pois corría co anglicismo football (que se pronunciaba, tamén, á inglesa, ‘fubol’, cargando o acento na segunda sílaba). O árbitro denominábase referee (a saber como o pronunciaban...) e ó principio de cada partido unha señorita distinguida da localidade anfitrioa facía o kick-off (non se pense mal: era o saque de honra). Nin que dicir ten que os períodos desta ‘prehistoria’ (1920-1939) e da posterior ‘idade antiga’ (1940-1963) están inzados de curiosas anécdotas -algunhas ben graciosas- que contribúen a ambientar a vida cotiá local de cada época; mesmo hai un episodio de carácter histórico universal que nos leva a conectar o fútbol da zona cos avatares da Segunda Guerra mundial: a instalación dun campamento militar en Baio entre maio de 1943 e outubro de 1944 (a Costa da Morte puido estar no ollo do furacán bélico o 6-6-1944, no canto da Normandía!).

A partir de 1964 vaise tempada a tempada cos resultados, clasificacións e o seu correspondente comentario xeral e o anecdotario. Remátase o libro cuns completísimos cadros estatísticos -nos que, ademais dos campións da liga e da copa, tamén se contempla o posuidor do simbólico ‘trofeo’ do farol vermello-, coas insignias dos equipos e cun mapa do ámbito xeográfico desta liga, que coincide case ó cento por cento co territorio da histórica Trastámara da Galicia medieval, orixe do condado homónimo: as máis de 60 localidades que -alén do Tambre, cara ó Atlántico- grosso modo de Carballo a Noia, participaron nas diversas categorías.

O libro presentouse en diversas localidades e varios concellos -non todos- adquiriron certo número de exemplares para as súas bibliotecas ou para agasallar as directivas dos seus clubs locais. Tamén lle ofrecemos á Federación Galega de Fútbol a adquisición dalgúns exemplares, a un prezo rebaixado, máxime cando constatamos nas nosas investigacións que no seu arquivo ou tiñan moitos datos errados ou xa nin os tiñan. Mais a carta que lle remitimos ó seu presidente o 24 de abril de 2016 con ese ofrecemento non tivo resposta. Deste xeito, dando por sentado que a Federación debía estar moi pobre, aproveitando a Gala do Fútbol da Costa de xuño de 2018 agasallámoslle ó Sr. Louzán un exemplar da xa coñecida coma “a enciclopedia da Costa”, pois non era de recibo que a entidade que preside carecese dun arquivo da liga e copa costeiras medianamente fiable.

A lenda do farol vermello

A lenda do farol vermello no futbol galego

O feito de deixar no esquecemento as publicacións do fútbol modesto privoulles ós organizadores da exposición do monte Gaiás historias coma a do farol vermello da Liga da Costa. Foi creación do C.D. Baio na primeira temporada: na primeira volta non se daba gañado ningún partido e o equipo ocupaba o derradeiro posto da clasificación; era o fechacancelas. Mais, en vez de encabuxarse, xogadores e directivos tomárono con humor e acabaron pendurando un vello farol muiñeiro dun varal na parte traseira do autobús nos desprazamentos. A medida que o derradeiro lugar cambiaba de dono levábase o facho -xa pintado dun vermello rutilante- á localidade do equipo posuidor, aínda que non sempre era recibido con tanto agarimo. Tanto cariño lle tomou o club baiés ó artefacto que na temporada 65-66 o elevou ó sitio de preferencia da súa insignia, e aí continúa aínda hoxe alumeando todo fachendoso, sen que a ningunha directiva lle pasase pola cabeza quitalo do sitio nos xa 56 anos de historia oficial ininterrompida (é o club decano da Costa). Teño para min que debe ser o único club deportivo do mundo que levou ó seu “escudo de armas” o símbolo inequívoco da derrota, o que para outros sería unha vergonza. O mundo ó revés. Houbo quen comparou esta decisión tan insólita con aquel retranqueiro himno a unha derrota militar dos admirados Les Luthiers.

O “trofeo” simbólico do farol tamén se ten en conta na longa historia da liga da fin do mundo, pois foise convertendo nun dos motivos máis sobranceiros da que se deu en chamar ‘lenda futbolística da Costa’. Tamén falamos no libro, e criticamos, as actitudes antideportivas, coma as agresións ós árbitros, os insultos ou as pelexas entre xogadores e/ou seareiros fogosos. Non todo é da cor da rosa, desde logo. Con todo e iso, atrévome a dicir que nas publicacións das historias deportivas dos equipos máis humildes prevalecen as historias máis humanas e solidarias, como a expresada polo desastre do Prestige a finais de 2002, por calquera outro naufraxio dun pesqueiro da zona, ou por un desgraciado accidente ou deceso que afectase a algún membro da extensa familia costeira.

En fin, malia os aspectos positivos da exposición Valor e mestría. Galicia como fútbol, lamentamos que non se lle fixese un sitiño á orixinalidade e creatividade das publicacións dos equipos modestos, con historias e anécdotas curiosas e ás veces sorprendentes. Non saben o que “perdeno” (como dicimos va fala Fisterrá norte)!

A lenda futbolística da Costa segue incrementándose

Este traballo xa estaba preparado para publicar o ano pasado, ó remate da citada exposición. Demorouse un tempo, e nese tempo dous importantes traballos xornalísticos de medios ben distintos interpuxéronse e, á larga, viñeron incrementar -aínda máis- a lenda futbolística da Costa. No mes de outubro o diario El País desprazaba desde Madrid á Costa da Morte o xornalista Pablo Vande Rusten para facer unha reportaxe sobre «El fútbol del fin del mundo», que foi o título que lle puxo ó seu longo traballo de nove páxinas e outras tantas fotos que se publicaría na edición dixital do xornal madrileño o 23-10-2019. Ó mozo xornalista -arxentino de nación- interesáronlle sobre todo os campos abeirados ó bravo mar costeiro coma A Arliña de Muxía, o adestrador e poeta Manolín Oliveira, a asociación cultural e deportiva Rapacollóns Big Band (animadora da S.D. Fisterra) ou as historias e anécdotas do noso enciclopédico libro, do que levou un exemplar.

Participantes na gravación do Convivir Deportivo en Baio

A radio Galega en Baio

O 14 de decembro o popular programa Convivir Deportivo que a Radio Galega (RG) emite os sábados de 13 a 14 horas, dirixido por Alfonso Pardo, estivo dedicado á Historia do Fútbol da Costa. O condutor do programa centrouse no contido dos libros Historia do C.D. Baio (1989) -como libro pioneiro de historias de clubs modestos- e 50 anos de historia do fútbol da Costa (2015). Ademais das entrevistas cos autores, tamén entrevistou ó xornalista J.M. Ferreiro, así como ó presidente, adestrador e capitán do C.D. Baio, debido que o programa se gravara nesta vila o 20 de novembro (pódelo escoitar premendo aquí).

 

Outros artigos sobre a historia do Fútbol da Costa

Novas relacionadas

Comentarios