Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A curiosa prehistoria do fútbol da Costa daqueles anos vinte

A curiosa prehistoria do fútbol da Costa daqueles anos vinte
O Buseran FC de Muxia-Foto-Ramon Caamano 1928

Un dos capítulos máis novidosos do noso libro “50 anos da historia do fútbol da Costa (1964-2014)” é o que denominamos a súa “Prehistoria, os antecedentes remotos da entrada do fútbol nas diferentes bisbarras da Costa da Morte”. Investigando nas hemerotecas dos diferentes xornais coruñeses (La Voz de Galicia, El Ideal Gallego), das revistas comarcais (Nerio de Corcubión) e dos emigrantes que por aquel entón estaban en América (El Correo de Galicia, Alborada da ABC de Corcubión, As Dúas de Buenos Aires) localizamos as primeiras crónicas dos partidos amigables disputados entre mozos das vilas da Costa da Morte.

Deste xeito, pódense ler tal como foron redactadas as crónicas dos que foron os primeiros partidos disputados por clubs das vilas da beiramar (Malpica, Ponteceso, A Ponte do Porto, Muxía, Cee, Corcubión, O Pindo ou Muros) e do interior (Carballo, Buño, Baio, Zas ou Vimianzo). Crónicas moi vivas nas que aínda se escribían as palabras inglesas tal cal sen a adaptación que anos máis tarde sufrirían: «football» (que se pronunciaba á inglesa: «fubol», cargando o acento na última sílaba); «team» (equipo), «referee» (colexiado), «back» (defensor), «shoot» (xute). Mesmo se escribía «kick-off» para definir o saque de honra que, polo xeral, realizaba unha señorita da localidade anfitrioa (por certo, que era ela quen entregaba cadanseu ramo de flores ós capitáns dos dous equipos, e non ó revés).

O primeiro partido documentado ata o de agora xogouse un 12-06-1921 na localidade de Muros, entre o equipo local e o Atalaya do Porto do Son. Na crónica, asinada po P. Galindo e publicada pola revista Nerio de Corcubión (1-7-1921), dise que eran equipos infantís, pero hai que ter en conta que daquela a maioría de idade andaba polos 23 anos e a saber como eran aqueles «infantes».

Unha das anécdotas daquel encontro foi que se cambiou de árbitro no descanso «por divergencias surgidas» entre os dous equipos (veñen os nomes dos dous «referees»).

Neste apartado do noso libro aparece o relato de non poucas crónicas daqueles primeiros partidos, nos que, nalgún caso, chegaron a asistir tres mil espectadores (sic).

Cee, como vila industrial que era naquel entón, foi das pioneiras na práctica deste deporte. No ano 1921 existía o Junquera C.F., considerado «o equipo dos señoritos». No libro aparece unha ampla relación de nomes dos primeiros futbolistas da localidade.

Pero na vila ceense tamén había outros dous clubs: Obras Civiles del Puerto e Once Leones (este compartido con xogadores de Corcubión). Máis adiante nacería o Cee Football Club. Carballo tamén foi das vilas pioneiras, pois a fundación do Bergantiños F.C. data de 1923; pero en 1924 rexistramos a existencia doutro club: o Rácing Carballés. ¿Por que salientamos a importancia do xogador Ramón Polo Pardo (Corcubión, 1901)? ¿Tiñan o mesmo nome que levan hoxe os primeiros clubs representativos das vilas de Malpica, Baio, Zas, Vimianzo, A Ponte do Porto ou Muxía? Só nalgún caso; non nos outros: hai certas sorpresas.

Novas relacionadas

Artigos relacionados sobre a historia do Fútbol da Costa

Artigos de Héctor Pose do libro “Mar de Paixón”

Outras novas

Fonte

  • Artigo publicado en La Voz de Galicia.

Comentarios