Mércores. 16.10.2024
El tiempo

Buscando a Doro

Buscando a Doro
O sempiterno capitán do Xallas desputará a súa quinta final consecutiva, na que pode converterse no primeiro futbolista que levanta seis Copas da Costa Doro lembra especialmente esta final en Baio, na que marcou o gol decisivo contra o Malpica - Foto: Santi Díaz Doro lembra especialmente esta final en Baio, na que marcou o gol decisivo contra o Malpica - Foto: Santi Díaz Polos mares virtuais das pantallas de cine de todo o mundo aletea desde estes días Dory, un dos peixes máis queridos da historia do celuluide. Con tendencia ao esquecemento a curto prazo, todo o mundo está a pasalo en grande buscándoa. Pero nas augas da Costa da Morte precisamente a variedade autóctona, Doro, está moi lonxe de caer no limbo da memoria histórica. O capitán do Xallas desputará o vindeiro sábado a súa quinta final copeira consecutiva, esta vez ante un Soneira co que coincidirá o vindeiro ano en Preferente. Porque si, porque a piques de erguer o '4' no contador de idade Doro seguirá outra campaña máis. Crise dos corenta? máis ben todo o contrario. "Case, case estou mellor ca nunca; cos anos vas collendo algo máis de tranquilidade; hai que ir deixando paso aos que veñen, pero a un sempre lle gusta estar aí", confesa o combés. De saír vencedor no partido que pecha a tempada, para a vindeira en tódolos campos deberían rendirlle honores ao que pasaría a ser o Paco Gento do balompé autóctono. Se o extremo merengue é o único futbolista con seis Copas de Europa ao lombo, Doro sería o único costeiro con seis torneos do KO sobre o campo. Só Manolín, alternando, deulle máis tragos. "O recordo máis especial foi a que lle gañamos ao Malpica con gol meu", indica, en referencia á final de 2013 en Baio, cando competía o Xallas de Santa Comba. E é que ademais de xalleiro de pro, Doro é voz autorizada para falar do que ten ocurrido no fútbol municipal, xa que ten vestido tódalas camisetas e escudos cantos houbo. "Penso que o que marcará a pauta de aquí nun futuro é o Xallas; dubido moito que a xente do Santa Comba construia todo de cero outra vez", di. E mirando cara ao último obstáculo antes de ser lenda, a Doro algunhas caras fánselle moi coñecidas. No Soneira militan ex do Xallas coma Vía, Aarón ou Jota, este último compañeiro durante anos, coetáneo e amigo especial. "Teño moitos excompañeiros, pero Jota e eu somos os mellores amigos, e é un partido especial para os dous; mandámonos mensaxes e sempre hai piques, piques sanos", bromea o futbolista, a quen lle vai esta case que cita anual que ven marcando nos últimos tempos. "As categorías nótanse e o lóxico é que cheguen os de arriba", lembra. "É un dos únicos partidos onde realmente ves xente nos campos; contra o Fisterra había 1.500 persoas e contra o Mazaricos había case outras tantas", engade. E é que entre os cinco Ballon D'Or de Messi, as seis Copas de Europa de Gente ou as Botas de Ouro de Van Basten tamén haberá quen diga: "e eu vin as cinco (ou seis) Copas de Doro".

Comentarios