Luns. 18.11.2019
El tiempo

A PREVIA ARBITRAL

Buscando as lindes do país

O Capi do Mazaricos Esteban Pereiro co trio arbitral nun choque no Pino do Val
O Capi do Mazaricos Esteban Pereiro co trio arbitral nun choque no Pino do Val
Buscando as lindes do país

A ponte de Santos déixanos unha fin de semana estraña de fútbol, na que haberá categorías (como o fútbol veterano ou parte do feminino) que se toman unha semana de vacacións, na que outras aproveitan para recuperar parte dos partidos atrasados no seu día por diversas circunstancias (como ese Muxía-Malpica atrasado polas festas da Barca ou o Fisterra-Corme de veteranos que se pospuxera polos problemas coa auga en Corme), e na que, facendo bo o costume de viaxar en pontes festivas, haberá tríos arbitrais costeiros peregrinando de punta a punta do país.

Así, xa na xornada do venres, Pablo Rama, David Vázquez e David Cancela percorrerán máis de 400 quilómetros na viaxe de ida e volta até o extremo leste do país, Ribadeo. Alí dirixirán o duelo da Preferente entre Ribadeo e Noia (As Valgas, 16.30 horas), dous equipos na zona morna da táboa, sétimo e noveno.

Na dominical, serán case trescentos quilómetros (ida e volta) dirección sur os que percorrerá Bruno Méndez para dirixir o encontro da Terceira División entre Rápido de Bouzas e Polvorín (Baltasar Pujales, 17.00 horas). Con el viaxarán Alexandre Represas (Delegación da Coruña) e David Castreje (Subdelegación da Costa) para dirixir un auténtico duelo de urxencias. Os locais, recén chegados da Segunda B, atópanse en zona de descenso, despois de catro derrotas nos últimos cinco partidos e con tan só nove puntos na clasificación. Peor lle vai ao filial lugués, pechacancelas da clasificación, só sete puntos, catro derrotas nos seus catro últimos partidos. 

Na Preferente teremos o ollo posto no derbi Fisterra-Sofán (que será protagonista da nosa entrevista previa de venres), e que estará pitado por Jorge Méndez López.

Haberá tamén trío costeiro o domingo na Primeira Galicia, viaxe moito máis curta até o campo de Meicende Grande para o duelo entre Sporting Meicende e Betanzos (19.00 horas). Alberto Baña estará auxiliado nas bandas por Óscar Santos e Iván Vilanova, duelo desigual entre un conxunto local que deambula no medio da táboa e un equipo visitante chamado a pelexar por todo (agora mesmo, a un só punto do liderado). O Mazaricos-Baio, pitado por Juan Núñez Fiuza será un dos partidos máis atractivos para a Costa.

Na Liga da Costa, o venres ordenará a clasificación definitivamente, ao xogarse o partido que quedaba pendente entre Muxía e Malpica (Municipal de Arliña, 16.40 horas, Carlos Señarís). Actualmente son sétimo e oitavo, pero os locais, favoritos a todo antes de comezar a temporada, poderían dar un salto na táboa sumando os tres puntos, xa que se colocarían empatados no terceiro posto que agora mesmo comparten San Lorenzo, Esteirana e Muros, todos con quince puntos.

Para a xornada do domingo, duelos moi interesantes por arriba, por exemplo no Cairo (Corme [2º]-Muros [5º], 16.30 horas, Iván Ferreiro), onde ambos equipos están separados por só tres puntos, ou na Rocheira (Coristanco [6º]-Esteirana [4º], Daniel Martínez), só un punto. Por abaixo, a xornada non pinta ben para os dous colistas, Buño e Zas, que aínda non coñecen a vitoria despois de oito partidos: o Zas recibe ao líder, Ponteceso (San Andrés, 17.00 horas, Lucas Vicente), en tanto o Buño visita a un renacido Baíñas (Municipal de Vimianzo, 12.00 horas, Óscar Rey) que acumula dúas vitorias consecutivas que o veñen de sacar do pozo.

Fútbol Base

Cadetes do Ponteceso e Outes co colexiado
Cadetes do Ponteceso e Outes co colexiado Mar Thiaw

No fútbol base, algúns partidos poden concitar tamén o interese nesta fin de semana. Na categoría xuvenil, por exemplo, mídense en Pedra Queimada terceiro e cuarto clasificados, Seaia e Cabana (sábado, 16.30 horas, Luis Insua).
Na categoría cadete, o duelo máis atractivo vivirase o venres no Carral (17.00 horas, David Castreje), xa que alí se medirán o Sofán (quinto clasificado, con 12 puntos) e o Cee (segundo, con 15 puntos, igualado no liderato). 

Xornada tamén crucial para o Bergantiños de División de Honra Cadete. Metido en problemas (sete puntos en oito xornadas, antepenúltima posición, cinco partidos consecutivos xa sen gañar), ten unha boa oportunidade para saír dos postos de descenso, xa que recibe a un rival directo, o Xuventude de Oroso (que ten só un punto máis). O partido adiántase ao venres pola mañá (As Eiroas, 10.30 horas, Bruno Méndez, auxiliado por Lucas Vicente e Iván Ferreiro). 

Rival máis difícil (a teor da clasificación) pero situación aínda máis desesperada para o Dumbría da Liga Galega Cadete, que tamén está na antepenúltima posición, pero neste caso con só tres puntos. Visita O Conco o San Tirso B (sábado, 16.30 horas, Adrián Pérez, José Ageitos e Jonathan Pardiñas), situado nunha cómoda zona de media táboa con once puntos.

F8

No fútbol 8, nesta estraña competición que nos deparou a creación das ligas comarcais, esta será a penúltima xornada da liguiña inicial, e será unha xornada practicamente definitiva, da que sairán os campións de grupo que pelexarán, en formato concentración, polas dúas prazas que a Costa da Morte terá tanto en categoría alevín como benxamín nesas ligas comarcais onde pelexarán cos equipos da Coruña e As Mariñas.

No fútbol alevín, o Xallas A é claro dominador do grupo 1, e podería certificar o seu pase á fase final gañando ao Coristanco (San Pedro de Castriz, venres, 16.30 horas, Alberto Baña); o Dumbría é virtual gañador do grupo 2; no grupo 3 todo se decidirá este xoves, en duelo directo, entre Xallas B e Dumbría B (San Pedro de Castriz, 17.30 horas, Manuel Trillo), xa que ambos gañaron até o de agora todos os seus partidos; e no grupo 4 o Outes B ten o camiño andado e pode pechar esta semana a súa clasificación. 

En canto á categoría benxamín, no grupo 1 Xallas A e Coristanco (que gañaron todos os seus partidos) mídense o venres (San Pedro de Castriz, 15.30 horas, Alberto Baña) para dirimir o campión de grupo; no grupo 2, o duelo entre Camariñas e Sofán (Hermanas Patiño, domingo, 12.00 horas, Xulián Brea) semella que decidirá o primeiro posto; no grupo 3 o Outes ten encarreirada a vitoria; e no grupo 4 o Fisterra-Cee (venres, 17.00 horas, Jonathan Pardiñas) aparenta decisivo.

A categoría prebenxamín, a última que falta por comezar, está á espera de coñecer o seu calendario, xa que arrinca tamén a próxima fin de semana.

---

Todas as designacións, categoría a categoría, competición a competición, como cada semana, en http://futgal.es/pnfg/.

E coma sempre, as táboas e o carrusel dominical en www.futboldacosta.com.

Comentarios