Venres. 26.04.2024
El tiempo

A crónica dominical: Alegrías, decepcións, novos inquilinos e o primeiro título

Cerqueda-Zas-Foto-Ra Bello
Imaxe do UD Cerqueda- Sporting Zas-Foto-Ra Bello
A crónica dominical: Alegrías, decepcións, novos inquilinos e o primeiro título

Un pouco de todo no carrusel vivido esta tarde dominical a través de www.futboldacosta.com. As alegrías e as calamidades viaxan de parroquia en parroquia, pero esta semana houbo moitos movementos nos banquiños, así que comezamos por aí.
Na Preferente David González Otero e Anxo García Cotelo debutaron na Costa no banco do Xallas, despois da marcha de Adrián Lema e Pablo Pose. Na Liga da Costa, trala marcha de Barca, hoxe Tasky fíxose aos mandos do Baíñas, pero o club busca inquilino para o banco. E na 3ª, Javi Baña volve á súa casa, ao banco do Porteño, tras varias semanas despois da marcha de Varela nas que o presi e capitán, Manu, se estivo facendo tamén cargo da dirección.

As 4 ligas do carrusel

Na Preferente, a colleita non foi moi positiva. Sofán e Xallas, no debut de sacaron un empatiño. Peor foille ao Fisterra en Boiro, nun partido que puido ter valido medio ascenso, e que volve deixar aos fisterráns a mercé do propio cadro da Barbanza, do Noia e do Mugardos.

Na 1ª, a xornada estaba marcada polo derbi sabatino en Muros, que deparou unha vital vitoria para o Volantes e outra derrota máis deste Soneira, que ía como un cañón na primeira volta pero que agora leva 5 derrotas nos seus últimos partidos. A posición de privilexio dos soneiráns ocúpaa agora un Dumbría que vén de menos a máis, sitúase 2º e recorta 2 puntos a un O Pino que non pasou do empate en Baio. Ademais, o Mazarcos leva xa unha mala serie, con 4 partidos sen gañar, e ten que mirar moito cara abaixo.

Na Liga da Costa, os tres de arriba quedan sós na pelexa polo título e pola segunda praza de promoción (cómpre ter en conta que este ano os mellores 3º dos grupos coruñeses da 2ª métense tamén na Promoción). Non fallaban tampouco hoxe (7 seguidas leva o Ponteceso; 5 a Esteirana, e 13 de 14 leva o Corme), manténdose nun pano de 3 puntos. E o San Lorenzo baixa do vagón ao descarrilar en Arliña, ante un Muxía que lle vai pelexar esa 4ª praza.
Por abaixo, sumaron os 3 de abaixo, sendo ademais a primeira vitoria da temporada do Buño, ante un Lira empeñado en meterse en líos.

A xornada na 3ª deixou un resultado tremendamente inesperado. O poderoso líder, o Camariñas, caía, goleado nas Fontiñas, e aínda mantén o liderato pero polo golaverage individual cun Outes que vén de menos a máis. Con 12 puntos por diante, os dous equipos teñen practicamente asinado o ascenso, quedando a loita pola promoción ben fermosa. O Seaia, que viu como o Corcubión lle empataba a 4 cunha gran remontada, é o equipo que queda fóra esta xornada, trala vitoria do Laxe. O Camelle, que caeu ante un forte Louro, suma un punto máis que os malpicáns.

Alegrías e decepcións no FUTFEM

Co Bergan xogando ata última hora, a xornada das chicas deixounos a incrible alegría das Miúdas, que venceron a todo un Xuventú Aguiño que chegaba ao Eleuterio Balayo con 15 vitorias en 15 partidos; pero tamén a derrota do Cee no duelo directo ante o Arzúa, que practicamente deixa sen opcións ás de Rafa.

O primeiro campión de base

A falta dunha xornada, xa temos o primeiros campións das Lugas de F8, se ben todos foron campións esta semana coas presentacións dos Álbum de Cromos da Costa: o Dumbría proclamouse campión da Liga Alevín Costa Sur.
A semana que vén viviranse varias finalísimas nos outros 3 grupos de Alevíns e Benxamíns.

Descaban Outes e Cabana na Liga Xuvenil e o Soneira aproveitou para abrir fenda, aínda que sexa provisional.

En Cadetes, Cabana e Sofán aproveitaron que descansaba o líder, Xallas, para alcanzalo.

E en Infantís, o Dumbría segue firme, cos Miúdos e Outes por detrás.

Veteranos

O Zas segue escapando na D.H. tralo empate do San Lorenzo en Corcoesto. En 1ª, o Ara Solis deu un paso de xigante cara o título e o ascenso ao vencer ao 3º, o San Ramón. O Corme mira á D.H. tamén.

 

Todas as táboas en www.futboldacosta.com

Comentarios