A Gala de Malpica volveu unir o Fútbol da Costa
- Fisterra, Esteirana, Muxía na categoría masculina; e Cee e Bergantiños na feminina, coparon boa parte dos premios.
- A emotividade reinou nun evento que lembrou a Abdoulaye, a Lucas Vicente Vida, a Álex Pombo e a Milucho Calvo, ademais de recoñecer o valor de Jesús da Crus
Divertida e emotiva a VII Gala do Fútbol da Costa - QPC que se celebrou este venres 1 de xullo nun ateigado con máis de 200 persoas auditorio do Centro Cívico de Malpica. Unha cita que sempre serve para unir, para vertebrar a Costa da Morte a través do deporte, na previa da gran final da Copa da Costa, e que este ano xa inseriu, coa máxima naturalidade, a revolución do Fútbol Feminino.
Fran Hermida, a voz do noso fútbol, arrincaba a Gala enviando unha mensaxe de apoio ao colexiado Marcos Ordóñez, convaleciente dun accidente de bici. O xornalista corcubionés volveu presentar unha gala dinámica, na que ademais de entregar 40 premios, os asistentes puideron botar unhas boas risas co cabanés Adrián do Regenco, que estivo espectacular.
O evento empezou con Ubaldo Cerqueiro, responsable de QPC, agradecendo a colaboración do Concello de Malpica, da RFGF e de todos os patrocinadores e lembrando a importancia deste curso, cos proxectos tan importantes como foi QPCtv e o Álbum do Fútfem galego.
Tamén subía Fran Gorín, presidenta da Asociación de Oleiros de Buño, poñendo en valor esta artesanía centenaria, que no noso caso crea estes prezados balóns que todo o mundo quere poñer no seu salón.
Futuro e pasado
De contado, comezaba a serie de premiados empezando pola base, cun premio tremendamente especial. O Premio Abdoulaye ao Fútbol Base segue lembrando ao rapaz senegalés que se nos marchou antes de tempo no campo de Arliña. Este ano, o equipo de QPC decidía entregarllo, nas mans de Felipe, presi muxián que viviu en primeira persoa aquela perda, ao equipo Prebenxamín do UC Cee un equipo formado integramente por nenas que compite nunha liga maioritariamente de nenos. Alí estiveron, con Rubén, as bravas Marina, Vega, Lucía, Martina, Yarelis, Itziar, Alicia, Emma, Clara, Nadia, Paula e Sofía, que lle colleron o gusto a recoller premios.
E do futuro ao pasado. O Premio Histórico quedou na casa, cos recoñecementos a Milucho Calvo, alma do Buño, e a Jesús da Crus, o eterno coidador de Pedra Queimada. Subiron a recollelo o propio Jesús co seu eterno sorriso, e Monste e Emilio, os fillos e MIlucho, que quedaron eternamente agradecidos. Foron a concelleira Noelia Freijeiro e o alcalde Eduardo Parga os que entregaron os balóns.
Árbitros e Delegados
A emotividade estivo de novo moi presente na entrega dos premios que decide o colectivo arbitral. Vítor Recarei, ademais de mandarlle un saúdo a Marcos Ordóñez (ía subir el tamén a entregar os premios), púxonos a todos os pelos de punta coa homenaxe que lle quixeron render a Lucas Vicente Vidal, que a partir de xa dá o nome do Premio ao Árbitro do Ano. Os pais de Lucas subiron, entre bágoas, ao escenario a recoller un detalle que tivo o colectivo arbitral.
De seguido, Fran anunciaba os gañadores dos seus premios: Chris Sendón levou o Premio Lucas Vicente Vidal ao Árbitro do Ano; e Marta (San Lorenzo) foi escollida como Premio Saunier Duval á Delegada do Ano, superando por 1 só voto a César, delegado do Xallas, que volvía facer acto de presencia para alegría de todo o fútbol da Costa despois do susto que nos pegaba hai unhas semanas.
Pichichis e FUTFEM
Alejo do Corme, César Lojo do Corcubión e Lucía Canosa do Cee recibiron os premios aos Pichichis do curso, de mans de Iván Couto (de Roberto Mouro Reale Seguros); o xalleiro Esteban Blanco (de Albañilería Esteban Blanco); e o cerquedán Héctor Castro (Instalacións Eléctricas Héctor Castro).
Máis emotiva foi a entrega dos Premios Álex Pombo. O irmándo eterno porteiro costeiro, José Ramón Pombo, subía a facer entrega a Diego (Baio) o Premio Pombo ao Porteiro Menos Goleado da Preferente e 1ª. Antes de baixar, subíu Alberto Pose a entregarlle a camiseta que usara Álex naqueles partidos da Selección da Costa de 2015.
De seguido MJ (Esteirana) recibíu o Premio Pombo ao Porteiro Menos Goleado da 2ª e 3 a mans do tamén porteiro Iván Baña (en nome de Comercial Agrícola Miky); e Andrea (Bergantiños) recibíu o Premio Á Porteira Menos Goleada do FUTFEM, a mans de Víctor Trillo (de Aluminios Dumbría).
@s tres porteir@s recibiron ademais uns guantes de Tritón xentileza da Escola de Porteiros Nordés.
11 ideais
Despois doutra sesión de risas co Regenco, Silvia Cancela e Rafael Louzán subiron a facer entrega dos Premios RFGF ao 11 ideal. O presidente da entidade facía un breve relato antes de que Andrea (Bergantiños) fose escollida (todo tras un longo sistema de votacións con case un centenar de persoas implicadas) como Mellor Porteira da Costa; Elena Vázquez (Bergantiños), Saskia (Cerqueda) e Nerea Suárez (Cee) como Mellores Defensas; María Lijó (Cee), Paula Veiga (Cerqueda), Lucía Martínez (Cee) e Yaiza Ramos (Bergantiños) como Mellores Centrocampistas; e Lucía Canosa (Cee), Cruz (Bergantiños) e Yasmina (Xallas) como Mellores Dianteiras.
Máis coxo quedou o 11 masculino pola falta de varios xogadores do Fisterra, que non cambiou o horario de adestramento e impediu que os xogadores vivisen un momento importante para as súas carreiras. MJ (Esteirana) volvía subir desta volta como Mellor Porteiro, com ampla diferencia nas votacións; Pablo Paz (Dumbría), con 31 votos; Pablo Vigo (Fisterra) con 27, e Michael Vilela (Muxía) con 26, foron os Mellores Defensas.
Moi preto quedaron Cea con 24, Brais Mouzo con 22 e Simón con 20.
Julián (Fisterra) con 41 votos; Alex Rama (Esteirana) con 36, Lucas (Corme) con 31 e Bieito (Baio) con 27 foron escollidos como Mellores Centrocampistas.
Moi preto quedaron Sandelo, con 23, Alberto Recaey con 22 e Darío Capelo con 21.
E finalmente, Alejo (Corme) con 37 votos, Víctor Casais (Fisterra) con 33 votos, e Manu Romero (Cabana) con 30 foron os máis votados como Mellores Dianteiros.
Con 27 quedou Pesco, con 26 MC e un pouco máis atrás, con 16 Manu Nogueira.
Os grandes Premios
Chegaba o momento de máxima tensión, non tanta no Premio O Semáforo á Mellor Afección. Os Rapacollóns Big Band de Fisterra volveron arrasar con 34 votos, polos 15 da Marea Azulona de Corme e os 14 dos Rochabillies de Baño. Gabi da Anchoa subiu a recoller o premio a mans do alcalde, Eduardo Parga, pois Jesús Picallo non puido asistir.
O Premio Pombo ao Mellor Equipo FUTFEM foi para o Cee, cun voto de diferencia sobre o Bergantiños.
E completando o fútbol feminino, o Premio Embutidos Domínguez á Mellor Xogadora foi para Elena Vázquez. A internacional do Bergantiños superou a Lucía Canosa, e ademais do balón, leva un Pack de Degustación de Artio, a bebida isotónica galega feita coa auga do Atlántico.
Porén, a Esteirana foi escollida no Premio Lonxa Dálvaro ao Mellor Equipo, con longa distacia sobre Fisterra e Muxía.
O adestrador fisterrán do Muxía, Diego Lobelos, foi escollido como Mellor Adestrador, con 2 votos de diferencia sobre Geno (Esteirana).
Por último, pero de novo algo deslucido pola falta de presencia do gañador, o novo xogador muradán do Fisterra, Víctor Casais, foi escollido como Premio ASFECO ao Mellor Xogador da temporada, nunha reñida votación perante o seu compañeiro Julián. O presidente do cadro fisterrán, Veneno, recibiu o premio no seu nome a mans de Fernando Couto, e levou ademais outro Pack de Degustación de ARTIO.
Detalle a un da casa
Antes do remate, a familia de QPC, e o Concello de Malpica tamén quixo sumarse, quixo ter un detalle cunha desas persoas que é un motor en todo o que fai. Un motor para Cerqueda e Malpica; un motor para o Fútbol da Costa e un motor para QPC: Alberto Pose, recibiu un dos balóns a mans de Ubaldo e Óscar Leis e unha redeira tamén oleira a mans de Noelia Freijeiro,con gran agarimo en presencia de toda a súa familia.
Despois de 3 anos, a Gala serviu de punto de encontro para o fútbol costeiro.