Venres. 26.04.2024
El tiempo

O Interrogatorio de Leis con… Borja Facal

  • “Estamos “profesionalizando” moi pronto o deporte”
Borja Facal con Oscar Leis
Borja Facal con Oscar Leis
O Interrogatorio de Leis con… Borja Facal

O Quecemento

Dende as rúas do seu Laxe natal ata Muros, pasando por Baio, Carballo, Coruña, Murcia, Ferrol, Santiago de Compostela e outra vez Carballo gozaron do seu bo fútbol e o seu enorme coñecemento deste deporte. Pero tamén da súa entrega, profesionalidade e saber estar. Todo isto é o que está a inculcar nos seus alumnos na súa primeira experiencia como profesor no meu querido e añorado (polos bos momentos que alípasei) IES Fontexería. E dou fe de que o está conseguindo.

Hoxe imos tentar coñecer mñais facetas que as futbolisticas de Borja Facal, arranca o Partido:

banner alvaro fdc 580x90

O PARTIDO

1ª PARTE

  • Óscar Leis: “En primeiro lugar, gustaríame destacalo como persoa, adquiriu valores acordes co que significa ser futbolista. No vestiario sempre foi un futbolista que sumaba independentemente de que xogase ou non. Foi un exemplo a seguir. Ademais, estudou unha carreira relacionada co deporte“.
    Alfredo Alvarez, máis coñecido como Fredi, adestrador teu no Compos fixo un bo resumo de quen e como é Borja Facal. Que se sente cando alguén que te tivo ás súas ordes fala de ti así?

Borja Facal: Un orgullo que me definan así, un privilexio, máis é a consecuencia dos valores que adquirín na miña formación de base e os que me transmitiron dende a casa. O máis importante e que nunca debemos esquecer, este é un deporte que ben enfocado, posúe gran capacidade para prepararnos para moitos ámbitos da vida.
Con respecto a Fredi, foi un dos adestradores que máis me marcou en canto a súa comprensión do xogo e a xestión e condución do equipo con valores individuais e sociais correctos.

  • Ó.L.: Non chegaches á famosa crise dos 40, pero detrás hai unha carreira longa, con diferentes funcións. A primeira foi a de xogador, cal é o teu primeiro recordo cun balón?

Pois non sabería decirche exactamente, pero seguro que foi na Praza Ramón Juega en Laxe. Aí xurdiron os primeiros sentimentos co balón. O que si sei con seguridade, é que dende ese momento o fútbol formou parte da miña vida dunha ou doutra forma, regalándome momentos inesquecibles.

  • Ó.L.: Noutros moitos deportes a nivel municipal e clubs hai un gran traballo detrás, son numerosos e diversos os eventos deportivos na nosa comarca, parece que no fútbol e sobre todo nos clubs de base está todo demasiado estruturado e ríxido, pérdese a esencia primitiva?

Na miña opinión, e xa o teño comentado nalgunha ocasión, estamos a perder a esencia do fútbol da rúa, un contexto que permitía que o xogador adquirise dominio do seu corpo, habilidades co balón, socioafectividade, competitividade, etc… Xa non vemos a xogadores atrevidos, que encaran, driblan, que arriscan nas súas accións; agora escoitamos con moita frecuencia dende as primeiras idades: asegura, non perdas, control e pase, por dentro non, en longo… e xogamos a non fallar, cortando de raíz coa esencia. Este é un xogo de engano, de esconder intencións, de provocar coa pelota de por medio, de acertos e desacertos cos cales aprendemos e evolucionamos continuamente, pero con ambos presentes. Nos adestramentos levamos a cabo continuamente tarefas con excesivas premisas, indicacións, que buscan traballar comportamentos, medios ou principios tácticos, e acabamos desnaturalizando o xogo, acabamos xogando ao concepto.

O fútbol da rúa dábanos a posibilidade de aprender de forma autónoma, tendo un papel de protagonistas no proceso, algo que hoxe en día xa corrobora a neurociencia para favorecer aprendizaxes. Temos que transportar aspectos do fútbol da rúa as escolas de formación.

  • Ó.L.: Teño a sensación de que esa rixidez comeza prematuramente nos nenos e nenas. Hai futbolistas que, cando chegan á etapa cadete/xuvenil, levan xa 6 ou 7 anos xogando e moitos se aburren e deixan, concordas conmigo?

Si, totalmente, porque “profesionalizamos” moi pronto o deporte. Cando falo con adestradores de fútbol base, digo que adestramos máis para nós que para eles. Buscamos en maior medida a nosa promoción a través do camiño corto a vitoria, porque está instaurado que o que gaña, acada as primeiras posicións e consegue títulos, é o que sube de nivel, sendo o fútbol base así o pasaporte a categorías de maior estátus social e económico. Desta forma desgastamos aos nosos nenos e nenas copiando os modelos de rendemento de adultos.

  • Ó.L.: Despois de pasar por todas as etapas posibles do fútbol (xogador, adestrador, coordinador) cres que a actual estrutura do fútbol base é a ideal? Na miña opinión, un elevado número de fichas prevalece máis en moitos clubs (non en todos) que noutras cuestións, estás de acordo?

O problema considero que é estrutural e cultural. Coido que sería interesante limitar o número de fichas e equipos por etapa nos clubes para permitir unha participación no xogo que garantice unha correcta formación. Máis se as normativas que regulan isto e outros aspectos relacionados coa competición se permiten, vai acontecer con regularidade. Existen clubs que pola súa localización xeográfica ou recursos, teñen dificultades para incorporar xogadores e xogadoras, e outros que pola dimensión, recursos dos que dispoñen é a atracción que xeneran, reciben a chamada de moitos pais/nais e incluso deben pechar inscripcións. As familias deberían apostar máis pola calidade da formación e os valores educativos que se lle transmiten aos seus, pero culturalmente priman outros aspectos.

En definitiva, como antes comentábamos, a nivel xeral estamos “profesionalizando” moi pronto o deporte, e atopámonos casos de rapaces que apenas poden dispoñer do seu escaso tempo libre e co medo de ser descartados sempre presente. Asi que, os entes que regulan a organización do fútbol base e os responsables dos clubes , son os que deben tomar as decisións que permitan garantir un fútbol formativo de maior calidade.

  • Ó.L.: Imaxinemos que tes poder de decisión no fútbol base, por onde iría a túa idea?

Se temos un problema cultural no fútbol base, é porque absorbemos ideas, crenzas, costumes ou comportamentos do ámbito do fútbol de rendemento dende as primeiras categorías. A énfase nas etapas iniciais debería estar centrada nunha maior diversión, aprendizaxe é na asimilación de valores do deporte. Se só 1 de cada 1.800 fichas federativas chegan ao fútbol profesional, por qué seguimos insistindo nunha formación ás veces tan hipercompetitiva, pouco inclusiva e cunha especialización tan temperá con formatos próximos aos de adultos nas primeiras etapas? Así que, para mudar cambios culturais, deben levarse a cabo antes os estruturais. Un primeiro paso sería adaptar o xogo as características que posúen os xogadores/as nas etapas iniciais. No fútbol 8 actual (prebenxamín e benxamín) sería interensante ter formatos máis reducidos tanto en espazo como en número de xogadores (3x3 e 5x5) respectivamente, así como en alevín o 7x7 . Modificaría tamén o tanteo, e os tempos, incorporando unha organización por sets/rondas de xogo, evitando a acumulación de goles e dando en cada ronda a oportunidade dun novo comezo, xerando así sen duda unha maior motivación. Ir mudando os formatos de ligas e partidos con oficialidade por concentracións, torneos ou formatos cunha orientación máis lúdico-competitiva. Isto evidentemente é algo que chocaría e tería os seus detractores, máis se queremos fidelizar durante máis tempo, revertir situacións e comportamentos que vemos cada vez con maior frecuencia e que se alonxan dos valores educativos, sería un paso no camiño.

 

2ª PARTE

Borja Facal de xogador

  • Ó.L.: Debutaches na 3ª División con só 17 anos. Que lembras daquelo? Que dificil é agora ver xogadores debutando a esa idade, apostase menos por eles?

Lembro o debut, foi en Cantarrana (Viveiro), nun partido no que loitábamos por evitar o descenso. Entrei na segunda parte e xoguei uns 15-20 minutos, acadei moi boas sensacións e recibín a noraboa e cariño dos Ambrosio, Javi González, Josito, Diego… Recordo que cando me comunicaron que ía co primeiro equipo, esa noite non durmín coa emoción.

Difícil? Canto maior é a esixencia e a necesidade por cumprir obxectivos nun club, máis complicado é para un canteirán dar o salto. Hai contextos que favorecen en maior medida a promoción de xogadores e outros menos, é innegable. Mais para non desalentar a ninguén, o salto en ocasións acurtase con esforzo, constancia, dedicación e estando preparado para cando chegue o momento, que ás veces chega. Hoxe en día o cortoplacismo é a inmediatez por acadar as cousas na nosa sociedade trasládase a que moitos xogadores xuvenís ou sub23 con boas capacidades se deixen, afrouxen e sintan que non paga a pena o esforzo para algo que quizáis non chegue. Transmitirlle que o debut nunha categoría ou asentarse nun primeiro equipo é o resultado do deportista en que nos convertimos durante a persecución dese obxectivo día tras día. Ter un entorno que nos asesore e acompañe nisto correctamente é fundamental.

  • Ó.L.: O debut veu da man de Jose Luis Vara, nado aquí preto, concretamente en Esteiro, como describirías a Jose Luis aos teus alumnos?

Jose Luís impoñía, tiña unha complexión forte e unha voz prominente, máis no plano persoal era amable, cercano e comprensivo co xogador. Sabía activalo, xerar esa motivación e sacar máxima competitividade. Foi un referente en Carballo, baixo a súa man debutamos bastantes xuvenís. Gárdolle moitísimo cariño.

  • Ó.L.: Despois da túa etapa como xogador chega a etapa de banquillo e coordinación e a partir de aí saltas á túa actual profesión, profesor. Que foi máis difícil deixar, o verde ou os banquillos?

Foi máis difícil deixar os bancos, non teño dúbida. Como xogador, as últimas 2 tempadas arrastrei moitos problemas e molestias as que non podía darlle o descanso e recuperación suficientes. Así que, día a día era consciente que a data de colgar as botas estaba próxima, asimileino ben. Deixar os bancos e apostar polo reto máis complexo que afrontei nunca, a preparación da oposición, foi bastante máis difícil. Como deportista estou educado na esixencia diaria, na búsqueda de obxectivos cada semana, a relación grupal, e a ausencia disto costoume un mundo, dende que teño uso de razón foi o único ano no que me desvinculei do día a día do fútbol.

  • Ó.L.: Para min tamén hai un momento importante na túa carreira no que me gustaría saber como o xestionaches. En moi pouco tempo pasaches de ser compañeiro no campo a adestrar a moitos dos teus compañeiros nas Eiroas, como o levaches?

En canto a xestión de grupo leveino ben, porque o meu rol no equipo como xogador ía as véces nesa dirección. O míster Miguel Filgueira transmitiume moita confianza dende que chegou e depositaba en mín a función para xestionar aspectos internos do grupo. Era capitán e dentro do club coordinador da base, polo que a miña función era clara, sacar o máximo rendemento do grupo en nun plano xeral defender os intereses e obxectivos do clube en toda a estrutura, así que non me supuxo nese aspecto dificultades a nova función de adestrar no primeiro equipo.
Pero está claro que neste ámbito os resultados marcan o guión e a lectura de cómo ver as cousas.

  • Ó.L.: E case inmediatamente despois de enfrontarse a todo un Sevilla, e levalo ao límite, como viviches ese momento?

Unha das mellores experiencias que tiven no fútbol, agradecido de poder vivila e desfrutala. Foi un partido onde ofrecemos un gran rendemento e imaxe, e co hándicap de ter un contexto na liga moi complicado. Un traballo espectacular de todo o grupo e de toda a familia Bergan na organización do evento.

Borja Facal en Riazor
Borja Facal en Riazor
  • Ó.L.: A etapa como adestrador do Bergan foi máis curta do que querías, doeu que non confiasen máis en ti?

Jajaja, sabía que caería esta pregunta.
Sinceramente para o meu entorno foi máis duro de asimilar que para mín, eu encaixeino mellor e non reprocho nada, nin a ningúen, o máis mínimo. Durante a miña formación asimilei e comprendín valores e condutas que rexen o ámbito do rendemento no fútbol, algúns que comparto porque forman parte da miña filosofía de vida e outros que non, que se alonxan da miña ética persoal e profesional. Dependemos dos resultados, do contexto e de moitos outros factores, o club non podía tropezar, tiñamos cotas altas e estábamos nunha situación moi difícil. Agradecido trala aportunidade volvín as miñas funcións anteriores e seguín traballando con orgullo polo clube día a día como o viña facendo. A etapa permitiume gañar experiencia, bagaxe, e aprender de “outras facetas” que como adestrador debes dominar.

Borja Facal no Bergantinos
Borja Facal no Bergantinos
  • Ó.L.: Chega a túa etapa actual como profesor nun Instituto. Como se pasa de 24 horas pensando no fútbol a centrarse en algo tan difícil como prepararse para unha oposición durante 10 meses? Houbo momentos de debilidade e, se os houbo, como os afrontaches?

Ao final da tempada 20-21 tomei a mellor decisión da miña vida, loitar por unha praza no proceso de oposición a funcionario docente en secundaria. Non foi doado, necesítase unha constancia, esforzo e dedicación diaria brutal. Hai que asimilar moito volumen de información, e logo ser operativo, eficiente e resolutivo nas diferentes probas que forman parte do proceso. Foron 10 meses cunha media de 10 horas diarias. Nos últimos meses estiven sometido a un gran estrés, pois xógaste todo nun día. Pero o fútbol preparoume neste eixe, ensinoume a ter control e autoregulación emocional. É un proceso con moitos altibaixos, onde pasas por infinidade de estados de ánimo, onde a incerteza e complexidade das probas, a extensión dos contidos, as competencias que tes que dominar… ás véces devórante. Fun canalizando todo isto, centrándome en obxectivos semanais e co apoio do meu círculo cercano para chegar nas mellores condicións. Non me esperaba rendir da forma en que o fixen, máis a cotío me din que me subestimo moito. Saeu ben, e cumprín un soño, ser docente de Educación Física.

  • Ó.L.: Primeira experiencia na túa nova profesión, que clase de profesor es? Non podes mentirme que sabes que teño olladores preto de ti ;-).

Jajaja, teño un estilo docente moi semellante a como son como adestrador. Demando responsabilidade individual, disciplina no propio traballo, respecto, colaboración e recoñecemento do compañeiro, máis son cercano, comprensivo e gústame o clima de aula positivo, onde o alumno ten liberdade individual para traballar. Utilizo moito o aprendizaxe cooperativo, un modelo pedagóxico de traballo en grupos que transporta grandes valores e competencias coas que estou moi familiarizado debido ao deporte. Coa profesión encantado, aprendendo cada día nun centro moi acolledor, con moi bos compañeiros docentes e cun alumnado con gran predisposición.

  • Ó.L.: Os informes dos meus olladores ían en esa dirección…

Por iso non minto ; )

A PRORROGA

banner O Moncho 300x250

  • Ó.L.: Como acabaches traballando no IES Fontexería, tiñas opción de ir a outro lado ou escolleches Muros? Que tal foi a acollida?

O primeiro ano tras aprobar a oposición tes a denominación de funcionario en prácticas. Participas nun concurso de adxudicación de destinos provisionais, os cales debes sinalar por preferencia. Tras iso por orde de posición (listaxe de puntuación nas oposicións), adxudícanche un. O IES Fontexería era unha das opcións. A acollida foi moi boa dende o primeiro momento, o equipo directivo e os compañeiros facilitáronnos moito as cousas aos recén chegados.

  • Ó.L.: Ves dende Laxe cada día? Muros e un lugar moi fermoso para visitar e para vivir, aínda que eu xa sabes que che vou recomendar Lariño para unha posible mudanza.

Si, vou e veño cada a día de Laxe a Muros. Teño un horario asequible para facer levadeira a viaxe. Totalmente dacordo, Muros é fermoso, non me importaría vivir nel, máis tírame moito o meu Laxe. Xa sabes, cando queiras fasme de guía por Lariño.

  • Ó.L.: Un paxariño díxome que debes botar moito de menos o fútbol xa que todos os quecementos para a túa E.F. son futboleros… Estou ben informado?

Jajaja, non vas mal informado. Vou implementando pouco a pouco quecementos variados e adaptados ao contido a tratar, mais fago uso da gran bagaxe que adquirín como adestrador e coa escola de tecnificación. A mellora de patróns funcionais de movemento, capacidades coordinativas , a socioafectividade… están sempre presentes.

  • Ó.L.: Punto negativo para o chivato?

Para nada , se é quen eu penso, é un exemplo a seguir.

  • Ó.L.: Non podo despedirte sen preguntar o que máis me vai esixir o público, cando volve Borja Facal ao fútbol?

Espero que pronto. Agora mesmo estou volcado no inicio como docente, pero teño a intención de que sexa máis pronto que tarde, estou con moitas ganas. O fútbol é a miña paixón. Maís non quero precipitarme, espero poder encontrar un proxecto axeitado, con seriedade e fame por medrar, onde teña a posibilidade de aportar e formar un bo equipo de traballo.

  • Ó.L.: Estamos no período de avaliación e notas, profe, estou aprobado?

Xusto, pero si, aprobado con “soufflé” ... jajaja. Fóra bromas, un pracer a entrevista e noraboa pola iniciativa con esta sección. Cada semana estou atento ao protagonista que sacas , paréceme unha forma fresca e orixinal de dar a coñecer a xente do Fútbol da Costa.
Abrazo de gol, vémonos polos campos

Os Penaltis

  • Un/ha porteir@ - Carlos Fernández 
  • Un/ha defensa - Dani García 
  • Un/ha centrocampista - Manu Vila 
  • Un/ha dianteir@ - Víctor Casais 
  • Adestradores - Bruno Sueiro e Josema

 

 Novas relacionadas

O Interrogatorio de Leis

Outras entrevistas en QPC: Os traballadores na sombra

Comentarios