Martes. 19.03.2024
El tiempo

O Interrogatorio de Leis con… Trucho

Oscar Leis falando con Trucho
Oscar Leis falando con Trucho na Cervexería Río Grande de Baio
O Interrogatorio de Leis con… Trucho

O QUECEMENTO

Houbo un tempo, non fai moito, que o criterio máis importante para valorar a un porteiro era simplemente (que non é pouca cousa) a súa capacidade para parar. Pero eses criterios foron ampliándose, polo menos entre os corpos técnicos dos equipos, cambiando radicalmente esa visión. A evolución do fútbol fai que todos os membros do xogo amplíen as súas habilidades e coñecementos, no caso dos porteiros quizas se acentúe máis pois non hai moito atrevemo a dicir que ata vivían distanciados do resto do equipo no traballo diario.

En toda esa evolución ten moito que ver e dicir a figura do adestrador de porteiros. E para achegarnos un pouco máis ao mundo da portería hoxe temos o pracer de charlar con Óscar Rama Castiñeiras, máis coñecido como Trucho, responsable xunto con Agustín Elduayen da Escola de Porteiros Nordes, referencia, xa non só na nosa comarca, senón en toda Galicia.

A ver que tal se defende. Atamos as luvas e xogamos:

banner alvaro fdc 580x90

O PARTIDO

1ª PARTE

  • Óscar Leis: As coincidencias fixeron que nos xuntasemos para charlar o día do teu aniversaio, así que antes de entrar en materia: parabéns!!!!!!

Trucho: Moitas gracias, un máis ó lombo.

  • Ó.L.: Pódese dicir que levas toda unha vida baixo paus, primeiro como porteiro e agora como adestrador de porteiros. Iniciamos pola túa etapa como xogador: onde xogaches e cando o deixaches?

Trucho: A verdade non lembro non estar vinculado ao fútbol. Por aquel entón, empezar como empecei eu con 7 anos, e por encima de porteiro, non era o habitual. O meu irmán é catro anos máis maior ca min, e empezou no infantil do Bergantiños, e os meus pais xa aproveitaron e levábannos aos dous. Foron anos moi bonitos, pasabámolo xenial, ata tiñamos bus dende a Praza de Galicia, que nos levaba aos adestramentos. Eu non competín os primeiros anos, só o facía no torneo de barrios que se facian nas instalacións de Conservas Calvo.
Pasei por todas as categorías inferiores do Bergantiños, e estiven dúas tempadas na categoría senior. Logo estiven unha tempada no San Lorenzo de Verdillo e posteriormente fun para o Baio dúas tempadas máis. Volvín regresar para o San Lorenzo de Verdillo, no cal estiven cos amigos de toda a vida tres tempadas.
Volvo para o Baio, onde, rematando a tempada, disputando a Copa conta o Xallas, lesioneime; lesión que non parecía nada grave, pero que ao final foi a que causou a miña retirada do fútbol. Tentei volver, pero me foime imposible.

  • Ó.L.: Tivo que ser difícil deixalo tras unha lesión?

Trucho: Foi unha situación moi complicada na que te tes que adaptar a unha nova vida desvinculada do fútbol, e no meu caso levaba facendo case 20 anos todos os días o mesmo; no meu tempo libre ou adestraba ou xogaba ao fútbol, polo que o cambio resultou difícil. Teño a sorte de ter unha familia que me apoiou e arroupou moito neses momentos, sobre todo a miña muller Sandra.
Ao meu parecer, na miña época, os porteiros formábanse moito xogando, xa que non tiñan traballo específico diario para experimentar situacións de partidos e podelos analizar antes de que sucedesen na competición, por iso creo, no meu caso, que empecei a gozar da portería moi tarde, cando xa tiña bastante experiencia. A pena é que cando máis estaba a disfrutar do fútbol, tíven que deixalo pola lesión, foi moi duro.

  • Ó.L.: Toda unha vida ligada a Carballo (A Túa Terra) deportivamente na estrutura de Bergantiños ou San Lorenzo, gozando tamén da túa paixón laboralmente. Considéraste afortunado de poder traballar no que che apaixona?

Trucho: Do que estou a vivir agora mesmo, antes facíao por hobby, polo que para min non é traballo, gozo cada día, tanto que cando estou no campo nunca teño présa por marchar, de feito nunca me chega o tempo para as sesións. Penso que isto se podería diagnosticar como unha “enfermidade” jejejeje.

  • Ó.L.: Quen ou que che fixo ser adestrador de porteiros?

Trucho: No meu caso sempre o tiven na cabeza. É que me encanta!

  • Ó.L.: Como nace a Escola?

Trucho: Pois por unha necesidade moi evidente. Todos os porteiros sabiamos que faltaba algo así, un sitio onde che axudasen a mellorar e que te comprendesen. Nas clases de adestramento específico, os porteiros falan moito das situacións que viviron a fin de semana nos partidos, onde se desafogan e onde se animan e apoian uns aos outros. Todos pasan polas mesmas situacións e axudanse para superalas. Somos unha familia de porteiros.

  • Ó.L.: Contanos eses inicios e como é traballar con Agustín?

Trucho: Os inicios, como en todo, foron moi ilusionantes. Empezamos cunha soa sede en Carballo, os luns e cuns dez alumnos máis ou menos, en tres franxas horarias. Para min foi unha época de formación constante e diaria, xa que traballar con Agus, e aprender del, foi e segue sendo un privilexio, xa que é un currante e perfeccionista...., é moi bo tipo.

  • Ó.L.: Si hoxe miras o 2012 (ano en que comezou a escola) que é o primeiro que che vén á mente?

Trucho: Puffff! que locura! A xente non o sabe, pero eu deixei todo de lado e centreime só neste proxecto. Decidín dedicar todo o tempo posible á escola, e iso non foi fácil; polo que sigo dicindo, que teño que darlle as grazas á miña familia, e sobre todo a Sandriña, xa que non era fácil pensar que poderiamos co tempo vivir disto.

  • Ó.L.: A escola ampliou os seus horizontes, o que provocou que se achegase un pouco á Costa da Morte coa sede de Baio, como foi esa experiencia na nosa comarca?

Trucho: A idea era ter unha sede na Costa; eu xa o tiña na cabeza mesmo antes de abrir en Carballo. Agus entendeuno tamén asi, e estamos encantados dende o primeiro día. Esa decisión cambiou todo na escola, xa que empezamos a ter moitos alumnos, e tivemos e temos unha aceptación grandísima. Isto foi o que nos fixo ver que a escola podía seguir crecendo, xa que había moita xente interesada.

  • Ó.L.: Onde máis está a Escola de Porteiros Nordes na actualidade e con cantos monitores contades?

Trucho: Agora mesmo estamos en: Teo (Cacheiras), Carballo (Verdillo), Arteixo (Meicende), Cerceda e en Zas (Baio).
En breve estaremos noutra sede nova, pero aínda non se pode dicir nada. Actualmente somos 8 monitores os que estamos no dia a dia da escola e contamos con psicóloga e nutricionista.

  • Ó.L.: Cantos nenos e nenas tendes a dia de hoxe?

Trucho: A cifra exacta a dia de hoxe son 187, e unha cifra espectacular pero que evidentemente requiere unha organización moi meticulosa e queremos mellorar acorde o crecemento que estamos tendo, dispoñemos de moitisimo material e temos acordos con distintos clubs e concellos que lle proporciona unha redución da cuota os nenos e nenas, como che dixen contamos con 8 monitores máis o apoio da psicologa e nutricionista, grabamos moitas das sesións para correxir detalles, incluso gravamos partidos dos nosos alumnos nas súas competicións xa que non só os vemos adestrar tamen lle proporcionamos axuda dentro do que supón competir cada fin de semana, tratamos de facerlle un seguimento completo para axudarlle a crecer deportivamente.

  • Ó.L.: Dada esa variedade de sedes tocache lidiar con rapaces e rapazas de zonas moi distintas, en que se diferencia o futbolista Costeiro do resto?

Trucho: A xente da costa é xente moi agradecida, e cun sentimento de pertenza cara á escola moi grande, pero ao mesmo tempo tamén é esixente.
Cando empezamos, notamos un déficit no traballo específico de portería moi grande, pero co paso dos anos, podemos dicir que probablemente, sexa unhas das nosas sedes na que máis nivel teñen os porteiros; habendo mesmo fichaxes como o ano pasado de dous alumnos co Deportivo, un en categoría infantil e outro en categoría xuvenil, que non é nada fácil!
Moitos deles xa son amigos. Temos porteiros que empezaron sendo benxamins e que xa están a estudar fóra, e que xa se desprazan ás sedes de Teo (Santiago) ou Meicende (A Coruña). O que si botamos en falta en Baio son as porteiras, temos chicas en todas as sedes excepto en Baio.

  • Ó.L.: Aínda que recoñezo que eu era máis de Víctor Valdés, Iker Casillas axudou a que máis nenos quixesen ser porteiros?

Trucho: Sen dúbida influíu moitisimo. Eu son como ti, a min gustábame máis Valdés, pero temos que recoñecer que Casillas tiña algo diferente, sempre estivo en momentos puntuais da historia do seu club e da selección, facendo paradas que daban títulos. Mesmo co tema de nomes de porteiros, nunca os contei, pero temos un montón de nenos que se chaman Iker. Esperemos que algún deles poida ter unha carreira como a de Casillas... nunca se sabe.

  • Ó.L.: Lev Yashin, único porteiro que foi Balón de Ouro en 1963. Como se explica que ningún outro porteiro, co importantes que son, non recibise ese galardón?

Trucho: Porque se entende moi pouco o que é ser porteiro, a influencia que ten dentro dun equipo. Se este ano non llo deron a Courtois, é que xa ningún porteiro o vai gañar. Recoñézoo eu, que nin moito menos son do Madrid, jejeje.

 
Trucho sempre patrocina os Premios Premios Pombo nas galas do Fútbol da Costa QPC.
Trucho sempre patrocina os Premios Premios Pombo nas galas do Fútbol da Costa QPC.

2ª PARTE

  • Ó.L.: A porteira podería ser a demarcación que máis evolucionou ou que polo menos se igualou ás demais nos ultimos tempos?

Trucho: Cada vez somos máis importantes no xogo ofensivo, somos máis protagonistas co balón, e ao meu parecer, aínda o podemos ser máis, pero sen volvernos tolos tampouco. Non me gustan os adestradores que crean frustracións aos porteiros, xa que se coincide que nesa etapa de formación un porteiro non está capacitado para facer certas cousas, porque o obrigamos? Aos porteiros en formación non me refiro só os pequenos, xa que os porteiros en certos aspectos, están constantemente en formación.

  • Ó.L.: Na miña opinión, os porteiros sofren máis presión que calquera outro xogador de campo, sempre se destaca máis un erro nesa posición, como se traballa esa posible carga cos rapaces?

Trucho: Tentamos quitarlle importancia a calquera fallo, de todos os xeitos cada vez é máis difícil ver fallos graves de porteiros, pero tamén depende con que ollos se mire. Nestes casos en moi importante a familia que rodea ao porteiro e como se ten que comportar.
Na escola temos unha psicóloga deportiva, Amalia Revuelta, que é das poucas psicólogas que están especializadas na posición de porteiros.

Amalia Revuelta xa participou no Congreso de Fútbol de Carballo organizado por QPC en 2014
  • Ó.L.: Teño a sensación de que, obviamente, hai unha progresión palpable no que se refire ao traballo de portería, pero paréceme máis ben unha evolución do que xa se estaba traballando no pasado que algo que se inventou recentemente, que todo está moito máis estructurado. Que pensas ti que levas anos vivindo o día a día da materia e en diferentes zonas?

Trucho: Os obxectivos son diferentes. Antes a maioría de sesións eran referenciadas só ás accións defensivas e moi poucas nas accións ofensivas, pero agora é diferente. Tamén hai que entender que nós somos unha área de tecnificación na que temos uns obxectivos moi claros para cada nivel. O traballo dentro dun club ten que ser diferente. Tratamos de aportarlle todos os contenidos posibles e da forma máis alta posible xa que logo cada un nos seus clubs van encontrar contextos diferentes dependendo de como xogue cada equipo, e complexo de resumir.
Esta pregunta deixámola para unha das nosas charlas. É moi difícil de explicar con poucas palabras.

  • Ó.L.: A vosa marcha das Eiroas sorprendeu moito, máis aínda cando o club parecia apostar por outro proxecto semellante o voso que finalmente parece non saeu adiante, cal foi o motivo da separación?

Trucho: Se che digo a verdade, non sabemos porque non quixeron que seguísemos, non nos deron explicacións coherentes, só sabemos que querían traer a outra escola de porteiros.

  • Ó.L.: Nas últimas tempadas conversamos en infinidade de ocasións, de todas esas conversas saco principalmente dúas cousas: a túa paixón pola profesión e polo Bergantiños (onde entraches de cativo) e os Clubs de Carballo. Tivo que ser moi difícil separar os teus camiños despois de toda unha vida xuntos ?

Trucho: As decisións que se toman nun club témolas que aceptar, as formas de facelo deixaron moito que desexar. Foi duro que me botasen do club de toda a miña vida, pero eu non puiden facer nada máis para seguir.

  • Ó.L.: Independentemente desta situación, coñecéndote, sei que levas no corazón ao club, debe ser bonito ver ao equipo na 2ª RFEF e a portería tan ben protexida por Santi Canedo?

Trucho: Eu son do Bergantiños, o do primeiro equipo xa é outra cousa. O formato de club actual non me gusta. Sigo indo todos os fins de semanas ás Eiroas, pero vou ver as categorías inferiores. Os domingos pola tarde prefiro ir ver o San Lorenzo de Verdillo ou o Sofán. Por Santi alégrome moitisimo, un currante é meréceo.

  • Ó.L.: Cando escoitas ou les a alguén dicir: son porteiro Nordés, que sentes?

Trucho: Orgullo, reconozcoche que algunha que outra bágoa xa caeu.
Algún mesmo pon “#eusonporteiroNordés” na camiseta coa que xoga co equipo cada fin de semana. A verdade e que os porteiros Nordes chegan a moitos clubs e categorias, nas inferiores do Depor case todas as categorías teñen porteiros Nordés, en 3ª División, na Preferente etc.
Mesmo Ana Coronilla actualmente no Atletico de Madrid Femenino, todo iso e un gran orgullo para nós.

Trucho de Escola de Porteiros Nordes

A prórroga

  • Ó.L.: Iso de que os porteiros están feitos de outra pasta é a versión moderna de: para ser porteiro hai que estar tolo?

Trucho: Sen dúbida temos algo especial, tenche que gustar moito, naces porteiro e morres porteiro. A min cústame referirme min mesmo como adestrador, aínda me considero porteiro, a pesar de que agora xa non sexa capaz nin de parar un taxi, jejejeje

  • Ó.L.: Cando escoitas a un adestrador de fútbol a frase: “pero coas mans para?” despois de describir as cualidades dun porteiro, danche ganas de ....?

Trucho: Dáme ganas de abrazalo, agora adoitan preguntar se é alto e se xoga ben cos pés. Ás veces dáme ganas de colgar o teléfono ao escoitar iso. Eu tiven un profesor que a primeira frase que dixo despois dunha charla de aspectos técnicos comúns foi: “o que di X...., está moi ben, pero o porteiro, o primeiro que ten que facer é parar”. Luís Llopis, adestrador de porteiros do Real Madrid.

  • Ó.L.: Falas máis con Agustín que coa túa parexa?

Trucho: Agora só nos vemos os xoves, falamos moito por teléfono, os demais días estamos en sedes diferentes. Pero por teléfono as conversacións non teñen fin.

  • Ó.L.: Casillas triunfa en TIK TOK (ou iso cre) cando abres a túa conta?

Trucho: Pois xa a teño, porque a usan as miñas nenas Aiti e Vera. Elas si que son profesionais do tema. Algún que outro o fago con elas, porque fan de min un pandeiro.

 

banner O Moncho 300x250

Penaltis

  • Ó.L.: Dime os teus preferid@s:
    - 1º: Un porteir@ profesional en activo: Por estado de forma Courtois, a min o que máis me gusta é Ter Stegen.
    - 2º: Un porteir@ profesional retirado: Víctor Valdés.
    - 3º: Un porteir@ promesa: Arnau Tenas;
    -
    4º: Un porteir@ referencia para ti: Andrés Rama, meu pai, que crack!!
    -
    5º: Un adestradr/a: Iso teño moi claro, Agustín Elduayen.

Comentarios