venres. 08.11.2024
El tiempo

O xigante verde desperta vinte anos despois

O xigante verde desperta vinte anos despois
A Sociedad Deportiva Fisterra deu a sorpresa e conquistou a súa terceira Copa da Costa na final que faltaba, no derbi do século XXI co Dumbría e nunha romaría sociodeportiva que deixou preto de tres mil seareiros en San Paio de Refoxos; un cabezazo de Cote decidiu para un conxunto que tirou da archicoñecida garra fisterrán para competir Fisterra campion da Copa da Costa-Foto-FGF O Fisterra celebrou a súa terceira Copa nun encontro exemplo de convivencia entre afeccións  

Fisterra 1-0 Dumbría

  • Campo: San Paio de Refoxos, 2.800 seareiros
  • Fisterra: Norberto, Fabi, Robertín, Breixo, Piti, Roa, Roco, Cote (Adri m.90), Tati (Rubia m.82), Pablo Lestón (Jesús m.62) e Bruno (Jorge m.87)
  • Dumbría: Iván Bouzón, Jose, Raúl Lestón, Pablo Conde, Iago (Charly m.86), Aarón, Rivi, Diego Cespón (David Carreira m.67), Darío Capelo, Martín (Jose m.86) e Adrián
  • Árbitro: Cuesta Arribas (A Coruña). Expulsou a Piti, do Fisterra (m.80). Amonestou a Tati do Fisterra; Raúl, Jose, Adrián e Pablo Conde do Dumbría
  • Gol: 1-0 m.18 Cote
Final da Copa da Costa 2017 Ambientazo no San Paio de Refoxos na Final da Copa da Costa 2017 A Sociedad Deportiva Fisterra deulle a volta aos pronósticos, superou ao Dumbría e acadou a súa terceira final da Copa da Costa. Esa lectura absolutamente aséptica e rigurosa sería o punto para alguén que non teña ningunha fibra que lle toque este deporte ou que simplemente non estivera en San Paio de Refoxos, porque é materialmente imposible ou inhumano non poñerlle algo de paixón a calquera relato ao respecto, despois dunha das maiores congregacións sociais, festeiras e deportivas que se lembran na historia moderna do fútbol da bisbarra. O cadro da Vila do Cristo gañou a final que o máis enfervorizado dos seus seareiros guionizaría para unha película épica: xusto dúas décadas despois do último éxito, ante o rival do derbi de novo cuño, e na casa do veciño e némesis de toda a vida, o Unión Club Cee. E todo grazas a un tanto de Cote, talento da canteira que tantos esforzos lle custara recuperar precisamente do Dumbría. Ese carácter romántico-histórico resulta curioso no que ten resultado unha versión 2.0 do torneo, con seguimento en directo por parte da televisión pública, Radio Nordés Cadena SER e diversos medios online. Serviu, tamén, para que dúas parroquias que afrontaban un derbi con seguimento milenario deran pública e mundialmente un exemplo de convivencia, deportividade e saber estar que debe rachar cos tabús que alén da autopista ou de Negreira existían sobre o deporte da zona. Como se dunha conquista india desde a Costa á montaña ceense, pareceu mimatizarse o sentimento e enfoque de seareiros e futbolistas dun Fisterra que perdera os dous enfrontamentos ligueiros, pero que seguindo precisamente coa analoxía das pinturas de guerra bebeu e moito do 'cholismo' e do Atlético de Madrid. O mesmo Nacho diría no epílogo que son o Atlético de Madrid da Costa, e o seu conxunto bebeu do "se o podes soñar, o podes facer", e tamén o "nunca deixen de crer". Especialmente esta última premisa faríase fundamental nun comezo que semellaba calcado aos enfrontamentos dun torneo do KO do que o Dumbría é actual campión e no que sacou trinta puntos ao seu rival de onte. Asumiu a posesión do balón e tratou de buscarlle as costas a un equipo do que supoñía que sufriría co paso dos minutos e coas dimensións do campo. E máis ben todo o contrario. Fallaron dous dos elementos nos que baseara os éxitos de boa parte do curso. Por exemplo, Aarón firmara tres tantos a balón parado ante os seus paisanos que prácticamente valeran seis puntos. Na primeira ocasión do encontro Iago puxo outra perla en forma de saque de falta, pero esta vez os centímetros que lle faltaran aos defensores verdes hai uns meses os puxeron a fe e o corazón. O plan habitual tamén semellaba curtocircuitado. Rivi e Cespón buscaron a clarividencia no espazo de Adrián, pero, tamén tocado físicamente, o punta non pudo cun Breixo imperial e convertido nun Godín inexpugnable, e que puxo os galóns xusto no día máis indicado. O defensa nin sequera nacera na última Copa gañada polo Fisterra, e seguramente levaba desde o berce soñando con algo que só os relatos dos máis grandes da fin do mundo lle facían unha idea na cabeza. Pasado o susto inicial, a SD animouse e debeu ver unha mostra de fatiga ou flaqueza nun Dumbría presencial e protagonista, pero non impoñente nin decisivo. E cando se trata de animarse con balón o máis xuguetón é un Pablo Lestón que tratou de atopar lagoas entre líneas, pero que non tivo a precisión doutras veces. O destino pararía os corazóns fisterráns no minuto dezaoito, nunha xogada que queda no credo colectivo e na lenda de máis de medio pobo alí presente. Dous amigos de toda a vida, o punto e o 'i', e exfutbolistas do Dumbría, xestaron unha desas accións que ben poderían ser do patio de colexio do cura. Bruno caeu a banda e sacou un centro ao que as leis da natureza privaron de chegar a Pablo Lestón. Medindo os tempos, entrando desde atrás e marcando con estética o remate, os case dous metros de estatura déronlle a Cote para fusilar a Iván Bouzón e asinar un tanto daquela de locura, e unha máis tarde de museo do balompé da Costa. Deixou a accións uns minutos tocado ao campión ligueiro, que se liou na saída de balón e topou coa remozada moral verde. E acabaría por repoñerse ata apretar con insistencia na previa ao intermedio. A tería Adrián para igualar antes do paso por vestiarios, nun centro de Rivi que seguramente no oitenta por cen das veces tería acabado en gol. Empero, o escorzo do pichichi na línea do área pequena marchou arriba por moi pouco. Acto seguido, un disparo lonxano de Cespón, cousa de vintecinco metros, tamén levou un 'ui' por un bando e susto por outro. https://www.facebook.com/FutboldaCosta/videos/1338997562885564/ O ambiente recordou a hai máis de trinta ano O ambiente no San Paio de Refoxos recordou a hai máis de trinta ano A afeccion do Dumbria tamen se fixo oir A afección do Dumbría tamen se fixo oir Tralo refresco en vestiarios o voto de confianza para o Dumbría pasaba por unha andaina na Copa segundo a cal, sempre que o necesitou, o equipo respondeu con nota, máxima en momentos difíciles como Malpica o en Ponteceso. E se non se deu no primeiro cuarto de hora parecía difícil que se lle escapase á SD. Foi a reanudación un acoso sen derribo, tanto por intensidade como por perseverancia. Nacho apostara de saída por catro homes na medular aos que se lle pode tildar de mediocentros, unha superpoboación que buscaba frear as transicións brancas e que centraba a fortuna propia na recuperación e saída para Bruno. Sen necesitar xa o tanto, a contención notou no fondo físico o paso dos minutos. Executor sempre na estratexia, Iago puxo dous balóns que parecía só cuestión de atopar un pé. No primeiro Adrián rematou alto. No segundo bateu coa parte superior do longueiro. E cando non eran os centímetros era un Norberto que nin contaba estar sobre céspede e ao que a desafortunada lesión de Joselu lle dara a alternativa. Sacou mesmo un centro de Darío tan envenenado que ía á escuadra, e tamén sendos balóns colgados con moi mal leite. O fin dese período de fútbol inglés de intensidade, balón parado e insistencia o puxo un gol anulado a Aarón tras bater o balón no longueiro e empurrar en boca de gol. Pode que esa búsqueda de corazón se relativizase por unha corazoada. Dúas imprecisións na medular deixáronlle a Bruno outras tantas opcións francas: na primeira rematou fóra por moi pouco un bo centro de Cote. Na segunda, tras protagonizar un cara a cara de vinte metros con David Carreira rematou demasiado desviado ante Iván Bouzón. O surtidor de combustible fisterrán durante toda a Copa acabou existencias nese puntos, tras ser o último na punta de lanza e o primeiro na presión durante máis de hora e cuarto, con molestias físicas e a finais do mes de Xuño. E máis combustible que precisaría o seu equipo pouco despois, cando unha falta absolutamente ao uso de Piti significou o segundo cartón e unha moi rigurosa expulsión. A historia do encontro non necesitaría de pitonisos nin analistas para adiviñar que de aí ao final apenas pudo saír o FIsterra do seu campo e o Dumbría monopolizou novamente un balón ao que os que máis sentido lle daban eran Darío e Rivi por momentos. O da Pereira atoparía a Raúl Lestón na última clara para que este lle puxera un balón a Adrián que non chegaría por pouco. A solidariedade e a multiplicación dos Breixos, Robertín e compañía fixo posible unha milagre en forma de resistencia, e tamén na realización compreta do 'cholismo'. Porque aínda que nunca deixou de crer, tampouco o Fisterra deixou marchar o encontro ou perdeu no minuto noventa e tantos ou nos penaltis. Piti acabou expulsado Durmido durante dúas décadas, o xigante verde, un dos dous únicos equipos da Costa da Morte que ten chegado á Terceira División, ven de compretar o seu ciclo de reconquista, cunha Liga e unha Copa da Costa nun espazo de só un ano, e todo elo sen perder as sinais de identidade dun dos pais fundadores do balompé da zona: a canteira e a representatividade. Só tres futbolistas (Norberto, Álex e Pablo Lestón) non son naturais da Vila do Cristo, e tamén así se entende un pre, durante e post partido en forma de comunión supracorporal e case tántrica entre veciños, primos, mozos e mozas ou o que é o mesmo, a simbiose entre seareiros e equipo. A terceira esperou vinte anos, pero o devenir cíclico do fútbol fixo polo rival e o lugar que para moitos pagase a pena ese comezo de século por debaixo do que é e debe ser un xigante.

O un x un dos protagonistas

Pasillo do Dumbria ao campion da Copa o Fisterra Final modélica en todos os aspectos, e mesmo se fixeron o pasillo un equipo ao outro para recoller as medallas Fisterra:
  • Norberto (8): O peso da experiencia á hora de dominar o área pequena nos momentos de máis acoso do Dumbría
  • Fabi (7): Doutorado en agallas para o canteirán de ascendencia colombiana, que levou varios recoñecementos desde a grada
  • Breixo (9): O mellor futbolista do encontro, un kaiser inexpugnable que non errou nun só corte e deu a sensación ata de ir sobrado por momentos
  • Robertín (8): Quen dixo que os centímetros importaban para ser dominante? A forza e a garra en estado puro
  • Piti (6): Non destacou en exceso na parcela ofensiva e acabou expulsado por unha acción excesivamente riguroso; atrás, un toro
  • Roco (6): O home que sempre viviu do talento deu unha lección de rigor e saber estar na medular
  • Roa (6): Nunha posición non moi habitual durante a maior parte da súa carreira, por diante da defensa, traballador e centrado
  • Tati (6): Caeu a banda e por momentos o choque con Darío Capelo parecía un combate da UFC pola intensidade física dos dous
  • Cote (7): Xa é parte da historia da SD e patrimonio do pobo; que vaian debatindo no vindeiro pleno onde lle poñen a estatua
  • Pablo Lestón (6): De máis a menos, nunca racanea un detalle para os máis gourmets; acabou derrotado físicamente
  • Bruno (7): O que se din morrer literalmente sobre o terreo de xogo; ata que non lle quedaba unha soa gota de gasolina no corpo
  • Jesús (6): Cumpriu
  • Jorge (-): Sen tempo
  • Adri (-): Sen tempo
  • Rubia (-): Sen tempo
Dumbría Dumbria subcampion da Copa da Costa 2017 O Dumbría posando como subcampión da Copa da Costa 2017
  • Iván Bouzón (6): Sen culpa algunha no gol, non tivo demasiadas accións máis no que o partido lle pedira intervir
  • Jose (6): Incisivo e máis compreto na parcela ofensiva que na defensiva, onde sufriu de máis nalgún momento
  • Raúl Lestón (6): Pegou un par de centros con moitísimo perigo e non perdeu o sitio case nunca
  • Pablo Conde (5): Experiencia e contundencia para un futbolista que non se meteu en dificultades en case ningún momento
  • Iago (6): Como sempre, unha delicia mirar como golpea e a claridade para atopar unha xogada onde outros non chegan
  • Aarón (6): De menos a máis, foi de novo ese xogador con chegada e referente nas accións a balón parado do seu equipo:
  • Rivi (7): Habilidoso e desequilibrante no regate, aínda que non tivo demasiada continuidade si sacou recursos en momentos importantes
  • Diego Cespón (6): Pode que substituido antes de tempo, tivo varias opcións en segundas xogadas nas que non precisou
  • Martín (6): Vertical e no cara a cara atrevido, tocoulle lidiar con Piti, que en forza é como tres versións del
  • Darío Capelo (7): Dos máis constantes, animosos e perigosos do seu equipo, non deixou de tentalo ata o último minuto
  • Adrián (5): Mermado físicamente, e pode que tamén no aspecto emocional por estar ante os seus, marrou as que case sempre irían dentro
  • David Carreira (5): Sufriu con Bruno
  • Charly (-): Sen tempo
  • Matasso (-): Sen tempo

Estatísticas

  • Córners: Fisterra 2 (1+1) - Dumbría 8 (4+4)
  • Fóras de xogo: Fisterra 2 (1+1) - Dumbría 6 (3+3)
  • Faltas cometidas: Fisterra 18 (5+13) - Dumbría 7 (3+4)
  • Tiros a portería: Fisterra 3 (2+1) - Dumbría 5 (1+4)

A Galerías

Enorme detalle dos compañeiros con Joselu, que mancado non pudo xogar pero recolleu a Copa A maior parte das autoridades do fútbol galego estiveron presentes Homenaxe a Santiago López, Manolo Cartamil e Rodrigo Lobelos A SD FIsterra quixo homenaxear a tres ex xogadores: Santiago López, Manolo Cartamil e Rodrigo Lobelos

Unha final mediática

Inédito o despregamento mediático para esta final. A pé de campo estivo o equipo de Radio Nordés con Fran Hermida, Josiño Mira, Manu Roque, Alberto Pose, Leo Picallo e Luís; e tamén do da TVG, que retransmitía a final en directo pola web e pola noite en diferido pola TVG co seguemento de Patricia Rodríguez e os comentarios do fisterrán Noé. Equipo de Radio Nordes na Final da Copa da Costa 2017 Equipo de Radio Nordes na Final da Copa da Costa 2017 Equipo da TVG na final da Copa da Costa 2017 Equipo da TVG na final da Copa da Costa 2017

Comentarios