O poder das redes sociais
En anteriores artículos comentaba o beneficioso das redes sociais para os clubs da costa, en darlle un uso máis profesional para os xogadores coas súas fotografías durante os encontros e mesmo cos vídeos dos seus goles, ademais de poder expandir máis facilmente as súas noticias e resultados o instante.
Esta semana pasada foi brutal, con dous focos que incendiaron todas as redes costeiras do deporte: os comunicados do Sporting Seaia e o SD Laxe.
Ser Community Manager dunha páxina de club de fútbol ou asociación cultural ou deportiva é máis complicado do que parece a simple vista. Porque o primeiro que buscas é ter repercusión para lograr seguidores, e iso consite en dar algo diferente e non quedarse na superficie dos resultados. Non quero dar leccións de nada porque eu mesmo cando tiña esa labor equivoqueime varias veces. A primeira impresión parece que só escribimos, facemos xogos de palabras, humor pensando na nosa afección. Pero cómpre ter claro que é algo público que pode incitar ou molestar a outras persoas. Na páxina pode haber “X” seguidores, pero hai outros tantos que miran cada publicación sen seguir, esperando o erro para crucificar o clube , que ao final é a quen se representa.
O tema do Seaia foi unha opinión persoal como encabezaba o seu propio post polo administrador, pero claro, cando falas nun medio oficial do club eso involucra todo. Pero a súa opinión, non podemos ser hipócritas nin vivir nos mundos de “yupi”, estaba en gran parte dos campos. Se cadra non dentro dos clubes que si teñen un contacto con el para temas fichas, cambios de horario e máis imprevistos que poden acontecer, pero si dende as bancadas. Porque Corredoira xogaba con ese perigo de sospeita, porque si se dubida en todas as competicións dende Champions a 1ª División, porque non dubidar da propia Costa?
El como comentou nunhas declaracions que fixo, “que esta repercusión incluso nun partido de cadetes onde el non entrena foi a gota que colmou o vaso para dimitir”. Con iso cóntanos que xa tiña en mente ese pensamento pero a dimensión que colleu esa queixa na liga cadete entre Concello de Zas e Sporting Seaia precipitou a decisión, algo que tamén fixo o creador da propia denuncia arbitral.
O outro tema da semana a nivel nacional en todos os medios deportivos e de noticias foi o do SD Laxe denunciando uns comentarios fóra de lugar dende aficionados do Buño nun partido alevin contra unha xogadora. Estamos nunha sociedade que aunque pareza mentira, queremos avanzar e erradicar eso de todos os ámbitos sociais e casos así teñen que saír á luz para intentar mellorar o antes posible eses erros. Tamén é certo, como comentan por parte do Buño, que foi soamente unha afeccionada que imediatamente pediu perdón, pero a imaxe do club quedou bastante tocada. Eu persoalmente coñezo esa afección e non son dubidoso, porque son do eterno rival que xoga no mesmo campo, pero considero que, ademais dos piques sanos de rivalidade, a do Buño é unha afección exemplar e correcta, que solucionará, o antes posible, esa situación.
Nas redes as cousas boas non se fan tan virais como o malo, hai que pensar dúas ou tres veces o que se vai publicar porque como din nos personaxes de Marvel “Un gran poder trae unha gran responsabilidade”.
- Ángel Garrido.