Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Preferente: O Fisterra xa sabe gañar esta tempada

SD Fisterra - CD Boiro
SD Fisterra - CD Boiro
Preferente: O Fisterra xa sabe gañar esta tempada

Dos tres equipos costeiros da Preferente, tan só o Fisterra foi quen de darlle unha alegría a súa afección e faríao cunha goleada ante o Boiro no Ara Solis. Pola súa parte, o Sofán caeu pola mínima ante a Sarriana nun partido no que mereceu sacar algo positivo, mentres que o Xallas saíu goleado do Juan Baleato ante o Dubra.

SD Fisterra 3 – 0 CD Boiro

SD Fisterra: Iván Bouzón, Pablo Vidal, Colombia, Aarón López, Makaay, Pablo Lestón, Herbert (Dani Martínez m.80), Julián López (Cristopher m.80), Aarón Fernández, Capelo (Piti m.76) e Julio.

Goles: 1-0 m.35: Capelo; 2-0 m.44: Aarón López; 3-0 m.49: Pablo Vigo.

Expulsións: O fisterrán Pablo Lestón no minuto 57 e o boirense Óscar Martínez no 72.

Na primeira metade, o vento xogou en contra dun Fisterra que soubo adaptarse moi ben as condicións meteorolóxicas adversas do Ara Solis e a pesares de que o Boiro tiña máis posesión do esférico, eran os locais quenes se movían coma peixe na auga, tanto foi así que lograrían facer dous goles nestes primeiros corenta e cinco minutos. O primeiro nunha cesión que resolvería Capelo e o segundo nun córner que materializaría Aarón López para que se chegase ao descanso cun 2-0 que se puido ver variado por un gol do Boiro que lle foi anulado por fóra de xogo.

A segunda metade non puido comezar mellor para os de Ángel López, xa que aos catro minutos da reanudación, Pablo Vigo faría o definitivo 3-0 cun disparo dende campo propio axudado polo vento no que o gardameta puido facer algo máis.

A partires disto, o partido quedaría visto para sentenza, pero ambos equipos acabarían o encontro cun home menos. O Fisterra sufriría a rigurosa expulsión de Pablo Lestón despois de sufrir unha agresión que o colexiado no vería, mentres que o Boiro quedaría con dez polo cartón vermello que viu Óscar Martínez.

Desta forma, o Fisterra acadou a primeira vitoria da tempada e que mellor maneira que facelo que vingándose da eliminación da Copa Deputación, diante da súa xente no Ara Solis.

SD Dubra 6 – 0 Xallas FC

Xallas FC: Koke (Brais m.86), Christian, Jacobo, Alberto, Marcos Mouro, Carlos (Víctor m.63), Borja, Peke (Grille m.57), Marcos, Pablo Mato, Lagoa (Iván m.71).

Goles: 1-0 m.35: Brais; 2-0 m.37: Gonzalo; 3-0 m.45: Adrián Iglesias (p); 4-0 m.49: Bruno; 5-0 m.76: Ferreiro; 6-0 m.80: Iván Facal.

Expulsión: O xalleiro Jacobo no minuto 44.

Dende o primeiro minuto de xogo, un Xallas moi condicionado polas baixas, non estivo cómodo en ningún momento e ademáis de acusar a ausencia de xogadores importantes, tamén notaría a falta de intensidade e de ritmo.

Sobre media hora foi o tempo que aguantaron os xalleiros, as embestidas dun Dubra que se marcharía ao tempo de lecer cun claro 3-0 no marcador ante un equipo que quedaría cun home menos pola expulsión do visitante Jacobo.

A segunda metade sería un mero trámite que aproveitarían os de Adrián Vázquez para facer tres goles máis por medio de Bruno, Ferreiro e Iván Facal que poñerían o definitivo 6-0 no luminoso.

SD Sofán 0 – 1 SD Sarriana

Alexandre SD Sofán - SD Sarriana

Alexandre no SD Sofán - SD Sarriana. Foto: Luis González Botas

SD Sofán: Álex López, Viqueira, Gody, Canedo (Jonathan m.70), Alexandre (Martín m.75), Raúl (Quintela m.62), Luis, Rubén, Raúl Añón, Eibe (Matías m.80) e Fabián.

Gol: 0-1 m.78: Fer.

Expulsión: O sofanista Gody no minuto 77.

Partido de constante toma e daca, o cal ambos conxuntos plantexaron de maneira moi similar, aínda que na primeira metade o excesivo xogo en longo fixo que ningún deles tivese demasiada claridade nos seus ataques, aínda así as ocasións sucedéronse para ambos bandos pero o marcador non se movería.

Na reanudación, máis do mesmo, aínda que nada máis saír dos vestiarios, o longueiro sería protagonista ao evitar que Omar vise portería á saída dun córner.

Mediada esta segunda metade, unha falta sinalada polo colexiado sobre o gardameta visitante, deixaría calada a unha bancada sofanista que xa cantaba o gol logo dun saque de esquina de Eibe que se metía na portería da Sarriana.

Pouco despois, un disparo de Luis marcharíase fóra por pouco e logo desta oportunidade local, chegaría a xogada que acabaría decidindo o encontro e é que nun penalti que supoñería a expulsión de Gody e que detería Álex López pero Fer aproveitaría o rexeite para facer o 0-1 que acabaría sendo definitivo.

De aí ao final do encontro, o Sofán intentaríao e Matías tería a última pero o seu disparo non collería portería, polo que os tres puntos marcharían para terras lucenses.

Comentarios