Martes. 10.12.2019
El tiempo

Preferente: O Xallas complícase a vida e o Sofán achégase a permanencia

Iván González disputa un balón cun rival no Xallas-Puebla
Iván González disputa un balón cun rival no Xallas-Puebla
Preferente: O Xallas complícase a vida e o Sofán achégase a permanencia

O Xallas sufriu unha dura derrota ante un rival directo pola permanencia como é o Puebla, nun mal partido de principio a fin ante un rival que demostrou querer a vitoria máis que os xalleiros e que tivo en Pap ao seu xogador franquicia que o guiou cara o trinufo.

Mentres tanto, o Sofán logrou un importantísimo punto logo de poñer en serios apuros a un dos galos da categoría como é a Sarriana, e dá un paso cara a permanencia, obxectivo ao que se achega sen présa pero sen pausa.

Xallas FC 0 – 2 Puebla CF

11 inicial do Xallas ante o Puebla

Xallas FC: Julián, Rubén (Chelo m.65), Dany Becerra, Baba, Jacobo, Doro, Iago (Álex Blanco m.46), Óliver, Julián López, Marcos (Abel m.65) e Iván.

Goles: 0-1 m.15: Pap; 0-2 m.35: Viturro.

Expulsións: Os xalleiros Baba no minuto 56, Dany Becerra no minuto 78 e Óliver no minuto 86.

O Xallas non tivo nin moito menos a súa mellor tarde ante un Puebla que confiou todas as súas opcións de afastarse dos postos de perigo da competición nun Pap que foi un pesadelo para os locais durante todo o enocntor.

Logo dun tramo inicial sen claro dominador, o Puebla estivo máis cómodo sobre o irregular céspede de Fontenla e adiantaríase no electrónico logo de que Pap superase a Julián cun remate sen demasiado ángulo que tocou o gardameta xalleiro pero non o suficiente para despexar o esférico.

A raíz do 0-1, o Xallas non deu mostras de reacción e Viturro estivo a piques de aumentar a vantaxe dos seus pero o seu remate marcharíase por riba da meta local. Pero esta oportunidade sería o preludio do segundo gol, obra do propio Viturro, despois de que este aproveitase un grave erro de Óliver na saída de balón.

Antes do tempo de lecer, o Puebla reclamaría un posible penalti sobre Pap pero o colexiado sinalaría a falta fóra da área e no lanzamento, o propio Pap estrelaría o balón no longueiro.

Os xalleiros tan só tiveron un achegamento á área rival e sería nun centro de Iván que despexaría Alberto cando había varios xogadores verdes coa caña preparada.

Á volta de vestiarios, o Xallas quedaría cun home menos pola expulsión de Baba pero a pesares deste revés, Iván e Dany Becerra terían sendas ocasións que non lograrían materializar.

A falta de doce minutos, o propio Dany Becerra tamén deixaría o terreo de xogo, logo de ver o seu segundo cartón amarelo. E logo deste cúmulo de desgrazas para os xalleiros, Alberto faría unha gran intervención para evitar o 1-2 tras un remate de Álex Blanco.

Nos últimos intres, Pap e Aless puideron facer o terceiro dos seus pero sendos lanzamentos marcharíanse fóra por pouco e o Xallas sufriría a súa terceira expulsión despois de que Óliver realizase unha falta sobre un rival sendo o último home, polo que o partido remataría co resultado coñecido de 0-2 e os xalleiros con oito futbolistas sobre o campo.

SD Sofán 1 – 1 SD Sarriana

Rubén no partido SD Sofán - SD Sarriana

SD Sofán: Javi Rumbo, Iván Rey (Alexandre m.46), Pablo, Sera (Juanjo m.46), Rubén, Canedo, Jonathan, Fabián, Luís (Matías m.81), Camilo (Quintela m.46) e Raúl.

Goles: 0-1 m.35: Diego Arias; 1-1 m.68: Rubén.

A Sarriana mostrou as súas credenciais no Carral durante unha primeira metade na que foi mellor que os locais e no que tivo varias ocasións nas que Rumbo interviría con moito acerto.

Pero no minuto 35, o gardameta local nada puido facer ante un gran libre directo de Diego Arias que significaría o primeiro gol da tarde.

No tramo final deste primeiro tempo, a Sarriana tivo dúas boas ocasións para sentenciar o encontro pero Rubén Díaz non acertaría de cara a gol.

O descanso sentoulle moi ben a un Sofán que logo de realizar tres trocos, faría cambiar a dinámica do partido totalmente.

Se Rumbo foi o protagonista nos primeiros corenta e cinco minutos, o gardameta da Sarriana, Javi López, sería o da segunda metade, privando a Juanjo e a Jonathan do gol con sendas intervencións de moito mérito.

Pero tanto foi ao cántaro que acabou rompendo e Rubén devolvería as táboas ao marcador á saída dun córner.

A falta de dez minutos para que se cumprise o tempo regulamentario, Alexandre atoparíase con Javi López. E no tramo final, Rumbo recuperaría o protagonista para manter o empate no marcador con dúas paradas en sendas contras da Sarriana, polo que habería un xusto reparto de puntos no Carral.

Comentarios