Mércores. 08.05.2024
El tiempo

#PreviaQPC A primeira xornada de decembro déixanos (case) sen Liga da Costa

Mazaricos - Volantes
Mazaricos - Volantes
#PreviaQPC A primeira xornada de decembro déixanos (case) sen Liga da Costa

Chegou o derradeiro mes do ano e con el chega unha xornada un tanto estraña para o noso fútbol. Primeiro, porque por primeira vez dende o seu arranque en Corme, #QPCtv ampliará marcos e retransmitirá un encontro dende fora da bisbarra despois de que o Concello de Negreira solicitase os nosos servizos. E segundo porque a Liga da Costa frea o seu apaixonante ritmo nunha fin de semana pensada para recuperar partidos que tivesen que ser suspendidos. Así, xogarase o Baiñas – Esteirana na tarde do sábado. Recordade, que podedes seguir toda a xornada en directo en www.futboldacosta.com

En canto ás ligas máis altas, volve ter un reto moi complicado o Sofán, que está a ter un duro calendario para comezar esa boa xeira que tanto necesitan. Os de Alberto reciben a un Arzúa que, se ben non está arriba na clasificación, vén nunha moi boa dinámica. Bo momento que tamén atravesa o Paiosaco, terceiro clasificado, que xogará na casa ante o Dubra, segundo clasificado, no partidazo da xornada da preferente (Domingo, 17:00 – A Porta Santa). O Fisterra, pola súa parte, ten unha gran oportunidade de volver á senda da victoria ante o Boimorto, que non atravesa un bo momento (Sábado, 16:00).

Os que si o atravesan son Dumbría e Negreira na primeira, que terán dous ósos duros de roer esta fin de semana. Os de Pablo Conde visitan Mazaricos (Domingo, 16:00 – Pedra de Ouro) para enfrontarse a unha das revelacións da tempada, que lles podería empatar a puntos de gañarlles nun campo no que so rexistran triunfos. De feito, a Pedra de Ouro foi o único lugar onde caeu o Negreira de Chus Baleato, que recibirá agora a un Soneira coa moral a tope tras a remontada da semana pasada (Domingo, 16:30 – García Calvo).

Xornada inmellorable a que hai na terceira, xa que xogan entre si primeiro contra segundo e terceiro contra cuarto, todo na tarde do sábado. O Corcubión – Porteño (Sábado, 16:15 – Novo Cubeleiro) centrará a atención, xa que de aí sairá o novo líder, pero tanto Xallas B como Camelle (Sábado, 16:30 – A Fontenla) queren seguir nos postos altos. Ademais, hai o derbi de Cee entre Pereiriña e Ameixenda (Sábado, 18:00 – San Paio de Refoxos). Unha categoría, por certo, que volverá a ter xornada o mércores.

E no fútbol feminino, xornada interesante para o Bergantiños de Gueli, que se pode poñer líder de gañar ao O Val (Domingo, 16:30 – As Eiroas) debido ao descanso do Lugo. Por outra banda, na Segunda Galega haberá un derbi entre Cee e As Miúdas (Sábado, 16:00 – San Paio de Refoxos) e volve o Cerqueda a competición ante o Cacheiras tras descansar a semana pasada (Domingo, 12:00).

Comentarios