Mércores. 03.06.2020
El tiempo

A PREVIA ARBITRAL

Primeiro mes de competición despachado

Iván Ferreiro Santos no Corme-Sofan de Xuvenís da semana pasada-Foto Fin Lema
Iván Ferreiro Santos no Corme-Sofan de Xuvenís da semana pasada-Foto Fin Lema
Primeiro mes de competición despachado

 

Última fin de semana do mes de setembro, primeiro mes de competición da temporada 2019/2020 que remata, momento para que algúns equipos comecen a facer balanzo das primeiras xornadas e reaxustar pezas. 

Na nosa Liga da Costa, despois de tres xornadas disputadas, o mes péchase cunha cita clave entre dous equipos en apuros. Cabana e Sporting Zas suman tres derrotas en tres partidos, ademais de outros síntomas preocupantes (cada un deles leva nove goles en contra, o máximo da competición xunto a Muros e Cerqueda). Así as cousas, este duelo de vecindade (San Andrés, domingo, 18.00 horas, Bruno Méndez) terá unha relevancia forte, a pesar de atopármonos apenas na xornada 4. 

Dos teóricos candidatos ao ascenso de categoría, a quen máis comezan a chegarlle as urxencias é ao Baíñas, que contabiliza até o de agora unha vitoria e dúas derrotas. Esta xornada visita o Sampaio de Refoxos para medirse (sábado, 18.30 horas, Marcos Ordóñez) a un Cee nunha situación cómoda despois de gañar nas últimas dúas xornadas.

Por arriba, xornada de urxencias para o Xallas na Preferente, que despois de cinco xornadas sen gañar (dous empates e tres derrotas, penúltimo na clasificación) precisa sumar si ou si os tres puntos no derbi fronte a un Fisterra que se está adaptando moi ben á competición (tres vitorias, un empate e unha derrota). 

Na Primeira haberá derbi de contrastes. O Soneira (que perdeu a pasada semana despois de dúas vitorias consecutivas), que semella aspirar a todo este ano, recibe a un recén ascendido Volantes de Baño que aínda non sabe o que é vencer na categoría (un empate e dúas derrotas) e ven de encaixar sete goles no seu feudo no último partido. O derbi terá trío arbitral costeiro (David Vázquez, Carlos Señarís e Daniel Martínez) e disputarase na tarde dominical (17.00 horas, Municipal de Vimianzo).

Duelo polo alto no sur

Adrián Pérez, colexiado costeiro, encabezará este domingo expedición ao límite da fronteira sur para dirixir o encontro da Preferente, grupo 2 (A Lomba, 18.00 horas), que enfronta a Areas e Moaña. Farao acompañado por dous compañeiros da Subdelegación da Costa, David Castreje e Iván Vilanova, e será un duelo por todo o alto da clasificación: Areas-Moaña, terceiro contra segundo, só un punto entre eles na táboa.

Pola contra, Lucas Vicente estará non lonxe de alí pero nun duelo de sufrimento, pois  actuará como asistente no encontro entre Mondariz e Xuventude Sanxenxo (Preferente, grupo 2, A Lagoa, domingo, 18.00 horas) que dirixe o coruñés Gonzalo Belmonte, e no que os locais buscarán a vitoria que se lles resiste despois de cinco xornadas (dous empates e tres derrotas) para poder saír dos postos de descenso.

Derbi en apuros no fútbol base

E haberá, tamén, competición en todas as categorías do fútbol 11, a bo seguro con moitos e interesantes partidos nos campos costeiros. Entre eles, atoparémonos cun derbi que comeza a ser de urxencia na Liga Galega Cadete, onde os dous representantes do noso fútbol comezaron con dificultades. 

O Bergantiños B, que actúa como locatario, vén de coller un pouco de aire coa súa vitoria da semana pasada, situándose, con catro puntos en tres partidos, na zona media da táboa. Pola contra, o Dumbría acumula tres derrotas (aínda que todas elas por marcadores axustados) e atópase en penúltima posición, polo tanto, coa necesidade de sumar canto antes. O duelo entre ambos será o domingo, ás 10.00 horas, e estará dirixido por Bruno Méndez (auxiliado nas bandas por Lucas Vicente e Rai Reborido).

No fútbol veterano, a matinal do domingo tamén deparará partidos atractivos, como o derbi carballés entre Sofán e San Lorenzo (O Carral, 10.00 horas, Juan Marcos Ríos) ou o Soneira-Dumbría (Municipal de Vimianzo, 10.00 horas, David Cancela). 

--- 

Todas as designacións, categoría a categoría, competición a competición, como cada semana, en www.futgal.es.

E o carrusel dominical e todos os resultados en directo en www.futboldacosta.com

comentarios