Sábado. 25.01.2020
El tiempo

Un ollo na elite

Carlos Señarís cos capis de Ponteceso e Cabana na redondas-Foto-Brais Pose e David Antelo
Carlos Señarís cos capis de Ponteceso e Cabana na redondas-Foto-Brais Pose e David Antelo

Esta fin de semana o fútbol costeiro mira un chisquiño máis arriba do habitual xa que, ademais de toda a competición de carácter máis costeiro, terán lugar dous duelos nas alturas (Terceira e Preferente) que implican a equipos carballeses e laracheses, dous duelos de vecindade costeira e nos que o acento (tamén o do silbato) terá moito que ver coa Costa da Morte.

Así, o duelo da Preferente Galicia (O Carral, domingo, 16.15 horas) entre Sofán e A Laracha será dirixido polo colexiado máis veterano da Subdelegación da Costa da Morte, Marcos Ordóñez, que vive unha temporada especial, pois é a da súa retirada da categoría. Xunto a el, neste fermoso encontro, estarán nas bandas Daniel Fraga Viñuelas (Delegación da Coruña) e Daniel Martínez (Subdelegación da Costa). O duelo será de moita tensión, pois ademais da obvia rivalidade por vecindade, a clasificación apura a ambos equipos: os visitantes, recén descendidos da Terceira División, atópanse últimos na clasificación, con só dez puntos; o Sofán, que o ano pasado conseguiu a súa mellor clasificación histórica, leva unha temporada moi irregular e, despois de alternar cinco xornadas con só empates e derrotas, está só con quince puntos, apenas un par de puntos por enriba da zona de descenso.

Escenario case calcado na Terceira División. O duelo, desta volta, será na Porta Santa ás 17.30 horas. Os laracheses do Paiosaco son colistas da clasificación, con 12 puntos, en tanto o Bergantiños, que o ano pasado disputara o play off de ascenso a Segunda B, leva unha temporada moi complicada e ten atalora tamén quince puntos, un só posto por enriba dos de descenso directo e apenas tres puntos por riba dos rivais e colistas. O silbato tamén terá algo de acento costeiro, pois aínda que membro da Delegación da Coruña, José Manuel Cives ten fortes vínculos coa Costa da Morte. 

Haberá tamén trío costeiro noutro partido de altos voos da Preferente Galicia, onde dous equipos con pasado recente na Terceira División pugnan, polo de agora, con diferente éxito, por volver a ela. O Barbadás, despois de encadear por primeira vez este ano tres vitorias consecutivas, encarámase á oitava praza, pero aínda segue a unha certa distancia da pelexa polo ascenso. O Ribadumia, pola súa banda, que tamén acumula tres vitorias consecutivas, anda un pouco máis preto, en terceira posición, a tres e catro puntos dos dous primeiros postos. O partido será o domingo, ás 16.00 horas, nos Carrís (Barbadás), e arbitrará Adrián Pérez, auxiliado por Luis Insua e Lucas Vicente.

Neste mesmo grupo 2 da Preferente tamén haberá dobre representación costeira no encontro do líder, o Atios, que visita o Iago Aspas para medirse a un Moaña situado na zona morna da táboa. Dirixirá o encontro (domingo, 16.30 horas) o coruñés Iván Morlán, auxiliado polos costeiros Rubén Reborido e Alberto Baña.

A facer os deberes para o Nadal

Moito que ver, coma sempre, no fútbol costeiro. Dúas xornadas por diante para que todos os equipos se vaian de vacacións de Nadal, e algunhas competicións poderían deixar xa o liderado sentenciado para o peche do 2019.

Tal é o caso da Liga da Costa, onde o líder, Corme, saca tres puntos ao seu perseguidor, polo que unha vitoria fronte ao Coristanco (A Rocheira, domingo, 16.30 horas, Iván Vilanova) podería facerlle rematar o ano no máis alto se o duelo da xornada lle depara un resultado favorable. E é que segundo (Esteirana) e terceiro (Ponteceso) miden as súas forzas no duelo da xornada, que se xogará nas Redondas (domingo, 16.30 horas) baixo a dirección de Pablo Rama. 

Na competición xuvenil tamén pode darse ese “alirón por festas” se o Soneira consegue a súa quinta vitoria consecutiva (desta volta, fronte ao Zas, no Municipal de Vimianzo, o sábado, ás 16.30 horas, baixo a dirección de Lucas Vicente) ou cando menos mellora o resultado do Outes fronte ao Xallas (San Pedro, sábado, 16.30 horas, Iván Ferreiro). 

Escenario paralelo na categoría cadete, onde o Xallas ten que mellorar o resultado do Cabana para pechar o ano no máis alto. Xogará coa vantaxe de saber xa o que fixo o seu rival, posto que o Cabana-Os Miúdos se adianta ao venres tarde (As Redondas, 19.00 horas, Manuel Espasandín) en tanto o Cerqueda-Xallas queda para a matinal do domingo (Xaviña, 12.00 horas, Iván Ferreiro). 

Na categoría infantil, o dominio do Dumbría é incontestable (doce vitorias en doce partidos) e, salvo sorpresa o sábado no Conco (11.30 horas, Esteban Domínguez) coa visita do Laxe, é seguro que rematarán 2019 no alto da táboa.

A competición do fútbol veterano, na súa División de Honra, é a máis igualada, e aquí queda moita tea que cortar antes de tomar as uvas. Quedan tres xornadas por diante (haberá fútbol tamén o 29 de decembro) e até catro equipos se agrupan nunha marxe de só tres puntos: Zas, San Román, San Lorenzo e Dumbría. Os vixentes campións dependen de si mesmos e esta semana visitan o Hermanas Patiño (Porteño-Zas, domingo, 10.00 horas, David Cancela). 

Na Primeira, Arasolis e Corme quedan sós na pelexa polo título, con medio camiño andado para facerse cos dous postos de ascenso directo. O Arasolis recibe no campo homónimo ao Soandres (domingo, 11.00 horas, David Vázquez) en tanto o Corme visita ao Buño (Xaviña, domingo, 10.00 horas, Rafael Fernández).

Todas as designacións, categoría a categoría, competición a competición, como cada semana, en www.futgal.es.

Comentarios