Venres. 29.03.2024
El tiempo

A PREVIA ARBITRAL

Vai de derbis...

Capis do Buño e Ponteceso nas Redondas-Foto-Brais Pose e David Antelo
Capis do Buño e Ponteceso nas Redondas-Foto-Brais Pose e David Antelo
Vai de derbis...

Fin de semana  crucial, de intensidade máxima, para o fútbol costeiro. Será unha fin de semana apaixonante xa que o calendario nos deparou un bo número de derbis de máxima rivalidade e que terán unha influencia clasificatoria que pode ser definitiva.

O derbi absoluto, na Preferente, costeiro 100%

Non é o habitual nunha categoría como a Preferente Galicia, pero este domingo vivirase no Carral (domingo, 16.15 horas) unha nova reedición da final da Copa da Costa do ano 2018, e farao, como entón, con trío arbitral costeiro.
 

Sofán e Xallas chegan a este partido con precedentes distintos e sensacións e necesidades moi dispares. Se ben ambos equipos perderon na pasada xornada, o Sofán fíxoo despois de acumular tres vitorias consecutivas que lle permitiron coller un pouco de aire respecto dos postos de descenso (por exemplo, nove puntos de marxe sobre o propio Xallas), en tanto os de Santa Comba acumulan catro derrotas nos cinco últimos partidos e comezan a xornada na antepenúltima posición da táboa, a catro puntos do equipo que o precede.

O partido estará dirixido polo costeiro Adrián Pérez Rellán, que no seu primeiro ano na categoría terá a oportunidade de dirixir un duelo tan especial (naquela final copeira do ano 2018 xa actuara como árbitro asistente). Xunto a el, nas bandas, estarán David Castreje e Iván Ferreiro.

Un derbi que pode valer un ascenso

Semella estraño, pois estamos apenas rematando o mes de xaneiro, pero a curtísima competición que se vive na 3ª Galicia da Costa, con só once equipos, e o implacable dominio dos palilleiros (que só cederon unha derrota e un empate no que vai de competición) fai que este domingo se poida vivir o primeiro ascenso da temporada, o do Camariñas, que retornaría á Liga da Costa.

E a casualidade quixo que ese ascenso puidese producirse no terreo de xogo dun dos seus veciños e rivais, o Porteño (A Grixa, domingo, 16.30 horas, Pablo Rama), que ademais leva unha temporada para esquecer (só nove puntos, pechacancelas da competición, cando partía como un dos favoritos). 

O Camariñas será equipo da Liga da Costa, de forma matemática, gañando o seu partido, ou, incluso sen sumar os tres puntos, se o Monte Louro tampouco gaña no seu partido, que se disputa á mesma hora no Novo Cubaleiro, visitando ao Corcubión (Manuel Espasandín). 

O futuro do fútbol costeiro, tamén de derbi

As dúas mellores canteiras do fútbol da Costa da Morte vivirán tamén o seu derbi este sábado nas Eiroas. Bergantiños e Dumbría miden os seus equipos da Liga Galega Xuvenil (sábado, 16.30 horas, Bruno Méndez, Lucas Vicente e Christian Sendón) no ecuador, practicamente, dunha temporada que polo de agora está a ser máis que notable, e na que os separan tan só tres puntos na táboa, aínda que os seus obxectivos, a priori, parecían distintos.

O Bergantiños, que tiña como misión aspirar ao ascenso tras quedarse o ano pasado a só un chanzo, tivo un comezo de temporada moi irregular que practicamente remendou e que fai que estea con opcións de volver pelexar por todo. Actualmente, despois de 18 xornadas, é quinto na clasificación con 30 puntos, a só catro do segundo posto, que concede o ascenso directo de categoría.

O Dumbría, pola súa parte, con 27 puntos, e con dúas vitorias consecutivas nas últimas xornadas, chega sen premuras clasificatorias a un derbi que agardamos sexa unha festa do fútbol costeiro. 

Todas as designacións, categoría a categoría, competición a competición, como cada semana, en www.futgal.es.

Ademais, todas as táboas actualizadas ao segundo e o carrusel dominical en www.futboldacosta.com

Comentarios