Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Volta o balón a rodar no fútbol costeiro

11 do Fisterra na Supercopa-Foto-Katia Cruz
11 do Fisterra na Supercopa-Foto-Katia Cruz
Volta o balón a rodar no fútbol costeiro

Hai gañas no Fútbol da Costa de que volva rodar o balón. E farao oficialmente esta fin de semana do 10 e 11 de setembro co comezo da Preferente e 1ª Galicia. 8 equipos costeiros disputarán as novas e reunificadas ligas, o que permitirá centrarse na competición ligueira e andar pendente só dos posibles arrastres, e non ter que estar pensando nos grupos e demais.

Todo tras unha pretemporada na que vivimos a volta dunha competición como a Supercopa e na que comprobamos como son moitos os clubs que tiveron que dar un cambio de rumbo completo, cun mercado de fichaxes sen grandes nomes, pero con moito movemento polas redes sociais.

Coma sempre, volveremos activar o Carrusel de www.futboldacosta.com e teremos as crónicas dos choque os luns pola mañá.

Preferente

Volve o Sofán as ligas autonómicas e volve ter protagonismo en QPC. Un cadro carballés que pode que teña algo máis de presión por ser recén descendido, pero ao tampouco haberá que marcarlle o obxectivo de ser candidato ao ascenso. Destaca o debut de Pablo Torreira na categoría.
O domingo recibe no Carral ás 17:30h a todo un histórico como o Betanzos para comezar a temporada e ir medindo o nivel.

Pola súa parte, máis complexo foi a renovación completa dun Fisterra, tras un curso pasado dificilmente mellorable, pero que comezou co ”chute de enerxía positiva” da Supercopa. O primeiro choque será o domingo ás 18:00h en Ara Solis ante o Lemos.
O cadro de Ángel Ventanas e Isidro fai unha aposta pola mocidade e haberá que ver como compite, aínda que a priori, sabemos que todos os equipos do adestrador fisterrán son grandes competidores. Unha das grandes cousas destacables é a recuperación do equipo xuvenil, que permitirá ir facendo relevo para un Makaay que queda na casa para seguir comandando o barco.
Á primeira xornada ”chegamos con ilusión e moitas ganas despois de esta pretemporada un pouco rara, en canto a efectivos de xogadores e pouco tempo para acoplar tanta xente xoven. Os que somos traballaron moi ben, espero que domingo se vexa”, sinala o míster.

1ª Galicia

Fermosa prevese esta 1ª Galicia con 6 equipos costeiros, e un derbi, o Esteirana-Xallas, como gran reclamo para os nosos afeccionados.

O recén descendido Xallas é outro dos que fixo cambio de timón, tanto na directiva como no banco, onde estará Adrián Vázquez. O equipo conta coa volta de Capelo como unha das grandes novidades e pinta á zona alta. Medirase á Esteirana nesta primeira xornada o domingo ás 18:00h no Xosé Luís Vara.

Ilusiona tamén o Baio coa volta de Félix, que comeza a temporada no complicadísimo campo do Negreira. O gran nivel amosado o ano pasado, e a continuidade dun plantel xa veterano na categoría fai pensar que o cadro baiés volverá estar na parte alta da táboa.

Outro dos que aspira estar por arriba é o Dumbría, outro dos clubs que apostan pola continuidade da cente da casa, con Pablo aos mandos da nave e a volta de Estévez tras un temporadón na Preferente, como gran reclamo. Os dumbrieses viaxan a Calo o domingo.

O Mazaricos, que raíña non sabe se recibirá o domingo ao Vista Alegre (ten problemas ca inscrición) na Pedra de Ouro, é outro equipo de cambio na directiva, e afrontará un curso complicado despois do fantástico curso anterior. Mingui debuta en equipo sénior pero estará moi ben escoltado por Cantudo e o equipo buscará asentarse na categoría con tranquilidade.

O Soneira, un dos equipos dos que sempre se espera moito, empeza a temporada en Silleda. Pedro Gómez volverá comandar unha nave coa xente da casa de sempre, que aínda máis coa volta dos Vía.

E pecha a serie de equipos costeiros a Esteirana, que se medirá a todo un Xallas na primeira xornada. Unha Esteirana de Geno que poderá ser unha das revelacións do curso, con ese equipo feito na casa pero con grandísima calidade. A volta de Rober Pladur para reforzar a parcela ofensiva dun equipo que leva moitos anos demostrando a súa firmeza, é unha das novidades.

Novas relacionadas

Comentarios