Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Completísima entrevista de Pablo Mouro ao adestrador do Xallas Iván Cancela

Completísima entrevista de Pablo Mouro ao adestrador do Xallas Iván Cancela
O Xallas C.F., equipo que o ano pasaba militaba na segunda rexional na Liga da Costa (subcampión), conseguiu un meritorio e moi sufrido ascenso a primeira (ata o último partido non se confirmou o ascenso) sen que ninguén contase con eles. E este ano está a ser, dende o meu humilde punto de vista, o equipo revelación costeiro da 1ª Autonómica. Cun gran plantel, conseguiron case matematicamente manterse outro ano máis en primeira, e é máis, están nestes intres loitando por esas tres prazas de ascenso a Preferente. Impresionante a tempada de este equipo recen ascendido. Oxalá, os tres equipos que ascendan (que é posible a fecha de hoxe) sexan o Xallas, Cee e Dumbría (sen menospreciar o Zas, que ha de voltar a ser o que era dentro de pouco). Como xalleiro que son (non se nota, ¿non?), é un auténtico orgullo presentar a seguinte entrevista, que me concedeu un auténtico cabaleiro do balompé, dos que quedan poucos: o adestrador do Xallas C.F., Iván Cancela. Un adestrador novo, xogador fai non moito e volvo a repetir, un auténtico cabaleiro que esta a facer unha gran tempada (xunto con Santi Casal) co novato dos equipos costeiros na primeira rexional.
  • Traxectoria deportiva: En que equipos xogaches?
S.D. Tordoia, Atlético Mineiro, Chaián F.C., S.D. Dubra e Xallas.
  • ¿Por qué deixastes de xogar?¿Que sentistes o deixar de xogar?
Deixei de xogar o ano pasado por problemas de espalda que arrastraba dende os 23 anos cando xogaba no Dubra. Sentín moita tristeza e foi moi duro porque estaba moi contento no Xallas e porque o fútbol é a miña paixón. Pero a miña espalda dixo basta e para seguir xogando con dor decidín colgar as botas.
  • ¿Cómo foi a chegada o fútbol da costa?
Pois levaba un ano practicamente parado por este problema. O Xallas chamou á miña porta por medio de Dani (directivo do xallas e primo meu) para que lles botase unha man. As referencias deste club sempre eran boas e decidín fichar confiando que a miña espalda me respondera pero só o fixo intermitentemente.
  • ¿Qué foi o primeiro que che pasou pola cabeza cando che ofreceron levar o timón do Xallas?
Pois quedei moi sorprendido cando recibín a chamada de Pedro. Pensei en moitas cousas: ter que adestrar ós meus amigos, ser o primeiro ano adestrando modestos, coller un equipo recen ascendido, adestrar a todo un Xallas … Pero a balanza decantouse polo SÍ porque as oportunidades pasan unha vez e porque tiña moita autoconfianza e seguridade no que podía aportar. Aparte creo que nesta vida hai que ser ambicioso, iso si, con moita humildade. Ademais, a directiva sempre me apoiou moitísimo en todo.
  • ¿Cómo se leva o de ser compañeiro de vestiario e logo adestrador?
Sinceramente estou abraiado co comportamento dos meus xogadores. Dende o primeiro día que entrei no vestiario ata o día de hoxe respectaron e diferenciaron o ámbito futbolístico do persoal. Sempre me apoiaron e axudaron. A pesar dos meus erros, nunca houbo pra min unha palabra máis alta que outra nin un mal xesto. Isto é de agradecer. Son un 10 como persoas.
  • Adestrador novo sen experiencia, pero ¿a experiencia é sempre un grado ou no fútbol non pasa iso? Exemplo Guardiola….
Está claro que a experiencia é un grado. Teño moitísimo que aprender. En cada adestramento e partido estou aprendendo cousas novas que antes non percibía como xogador nin como alumno na escola de adestradores en dous anos. Iso si, creo que ten que haber unha planificación e unhas ideas claras, que vas modificando algo segundo as circunstancias. Pero hai que seguir unha liña, sobre todo a nivel disciplinar porque estás ó fronte de vinte persoas diferentes. A maior condena que creo eu que pode ter un adestrador é cambiar radicalmente a súa liña de traballo dependendo dos resultados.
  • ¿Como foi ese ascenso?
Moi sufrido, pero creo que as cousas que custan máis suor conseguilas, ó final danche unha maior satisfacción. Todo o que rodea ó Xallas merecía este ascenso. Hai moito traballo detrás.
  • ¿Cómo ves ao grupo?¿Hai piña?
Realmente impresionante. Non hai nin o mínimo roce e lévanse moi ben. Non digo isto para que quede bonito. É a realidade.
  • ¿Cómo se consegue a titularidade no teu equipo?
Con traballo. Están tendo minutos todos os xogadores, pero porque o merecen. Non baixamos de catorce xogadores en cada un dos tres adestramentos semanais. Están moi enchufados e isto dálle calidade ós adestramentos, e loxicamente nótase á hora de competir.
  • ¿Fálame de Santi Casal?
Pois está axudándome moito. Apóiome moito nel. Sempre é bo ter unha segunda opinión. Traballa moi ben cos porteiros e sabe moito de fútbol. E aparte é moi boa persoa.
  • Din que ca plantilla que ten o Xallas, xogadores incluso de categorías superiores, deberían estar máis destacados, ¿sodes como o Real Madrid moita figura e pouco xogo en equipo?
Todas as opinións son lícitas e respectables. Pero moitas veces dende afora esaxérase todo e afírmanse cousas por rumores que se oen. Gustaríame que se comparasen outros presupostos : Estudiantil, Arteixo, Sada, Dumbría, San Tirso, Unión… e despois poidan comprobar a realidade. Moitos destes equipos teñen máis xogadores que xogaron en categorías superiores que nós. Temos en conta que é o primeiro ano que estamos na categoría e sempre se sabe que hai unha adaptación. Iso si, tamén hai que ser realistas, e dixen dende o primeiro momento que o Xallas por plantilla non podía pasar apuros para salvarse e creo que se está conseguindo con creces. Tivemos sorte en que había boa base e as fichaxes están rendendo a un bo nivel.
  • ¿A que se debía ou se debe algún altibaixo que ten o equipo?
Creo, sen que serva de escusa, que a principio de tempada acusamos moito as lesións e despois tivemos altibaixos debido a numerosas causas: non saír enchufados ós partidos, fallos individuais, colectivos… Creo que cando tivemos a tiro ser primeiros ou segundos tivemos estes fallos.
  • Houbo críticas (tamén pola miña parte no seu día), de que na actual plantilla so hai dous ou tres xogadores de Santa Comba, ¿Qué opinas deso?
Estou de acordo en que ter catro xogadores de Santa Comba no plantel é pouco. A directiva tamén pensa iso e estamos abertos a incorporar xogadores de Santa Comba, sabemos que é bo para o club e para o pobo. Pero para iso tamén ten que haber boa disposición e unha implicación por parte dos xogadores para xogar no equipo do seu pobo. Esperemos que sexa así e que se vaian incorporando máis xogadores do concello.
  • ¿Cales son os teus equipos favoritos cara o ascenso?¿E os que máis che sorpenderon para ben e para mal da liga?
Pois está tan igualada e loca a liga que creo que calquera dos sete primeiros pode estar no ascenso. Negativamente sorprendeume que equipos do potencial do San Tirso, Arteixo e Estudiantil non estean loitando polo ascenso. Moita xente metía a estes tres equipos na terma de favoritos.
  • ¿A permanencia está xa matemáticamente asegurada, ¿e agora que, cal é obxectivo?
Pois o noso principal obxectivo está cumprido e agora que estamos ahí arriba, vamos a loitar con todas as forzas para poder dar o salto de categoría. Sería moi bonito.
  • ¿Cal é o xogador do Xallas que máis che sorprendiu gratamente?¿E o que menos?
Sería inxusto destacar a un, pois temos xogadores moi parexos de gran calidade. Como exemplo podo resaltar a progresión do porteiro David. Da gusto ver o seu esforzo nos adestramentos. Aínda que está por detrás de un gran porteiro como Cheli. É un exemplo de que a entrega dos que menos xogan fan ser mellores ós demais e fan que non se baixe a calidade dos adestramentos.
  • ¿Dime un xogador anhelado polo Xallas para a tempada que vén?
Messi, jejeje!!. Pois non se está pensando neso. De aquí ata a temporada que ven falta moito tempo.
  • ¿Qué lle dirías a afición do Xallas?¿Cumple co equipo ou en ocasións é moi escasa fóra da casa?
Diríalle que siga apoiando ó Xallas como o están a facer porque tanto a directiva como os xogadores están esforzándose moito en darlle alegrías. A resposta da afición do Xallas está sendo boa, tanto nos partidos da casa como nos de fóra.
  • Con sinceridade, ¿vés o Xallas en categorías superiores (estrutura do club, economía, etc.)?
Sí. Pola experiencia que teño no fútbol creo que é máis difícil subir que despois manterse nunha superior para o ano seguinte. Caso do Soneira, que é digno de admiración.
  • ¿Cal é o futuro de Iván Cancela?
Uff! Non o sei. Pero seguro que vinculado ó fútbol.
  • Vouche pedir a opinión sobre varios rivais:
- Dumbría: Plantel xoven cun gran futuro por diante. Moi fortes na súa casa. - Cee: Plantel con xogadores moi competitivos e gañadores. - Zas: Espero que non acusen en vindeiras tempadas o que lle está pasando este ano. - Xallas: Ilusión por seguir crecendo como club.
  • ¿Quen é a alma do equipo?
Por todo o que significa na última década para o club tanto dentro como fora do campo, o noso capitán Ricardo. Pero tamén tiran moito polo carro os máis veteranos: Jesús, Rubén, Toni, Carteiro… Pero neste Xallas o máis importante é que todos remamos para o mesmo lado.
  • Un soño…
Un soño futbolístico inmediato sería o ascenso do Xallas a rexional preferente. Poderlle dedicar a Mouro e Romar, dous exfutbolistas do Xallas mortos ultimamente este ascenso.
  • ¿De que equipo es?
Real Madrid.
  • ¿Quen é o teu ídolo futbolístico?
Zidane.
  • Si o Xallas ascende, ¿entón que pasará?
Haberá unha boa festa. Pero repito que hai que ter os pes no chan e ir partido a partido. Gracias a QPC polo voso apoio semanal ó Xallas.
  • As grazas dámolas nos, por concedernos esta entrevista e desexarlle toda a sorte do mundo para este final de liga de primeira que vai a ser apaixoante.
- Entrevista realizada por Pablo Mouro para QPC.

Artigos de Pablo Mouro

Novas relacionadas

Máis información

Fonte

Comentarios