Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Rafael Louzán, 'xefe' do fútbol galego

Rafael Louzán, 'xefe' do fútbol galego
Rafael Louzán, novo presidente da Federación Galega de Fútbol Presidente da Deputación de Pontevedra e do PP na mesma provincia, Rafael Louzán suma un novo cargo: presidente da Federación Galega de Fútbol, tras impoñerse por 80 votos a 65 a José García Liñares, presidente en funcións e alcalde socialista de Cerceda. O dirixente popular terá que multiplicarse de aquí ata as vindeiras eleccións municipais para atender todas as súas obrigas. As votacións celebráronse onte á noite no hotel compostelán Porta do Camiño e prolongáronse durante catro horas. Houbo tres abstencións e dous asambleístas que non puideron votar. De nada serviron as queixas de José García Liñares, que esta mesma semana presentou unha denuncia ante a secretaria xeral para o Deporte contra Louzán por usar o seu cargo na Deputación para a campaña e no proceso electoral. Antes, Gustavo Falqué, presidente do Coruxo e man dereita de Louzán na campaña, acusara a Liñares de manipular o voto por correo. Un Rafael Louzán eufórico destacou o complicado que era gañar "a un equipo asentado na Federación” e dixo estar convencido de que “o fútbol galego vai saír gañando". O dirixente popular adiantou que a súa primeira acción será “escoitar” o fútbol galego, pero anunciou que se reunirá co alcalde da Coruña, Carlos Negreira, para tratar o futuro da nova sede da FGF, prevista para a cidade herculina. “O fútbol galego é quen ten que decidir”, dixo en referencia á posibilidade de trasladar a construcción da sede a outra cidade. Pola súa banda, García Liñares culpou da súa derrota á provincia de Ourense, e dixo ter recibido avisos de que a xente do PP ourensán estaba traballando a prol da candidatura de Louzán: “Non hai nada que denunciar, as cousas son así”.

Fonte

Comentarios