A odisea dun Concello sen Secretario municipal durante 4 meses
Dende o pasado 23 de maio leva o Concello de Laxe sen Secretario Municipal. Máis de 4 meses de complicada tesitura tanto para o alcalde Mouzo Castiñeira e para todos os veciños. E máis nestes pequenos concellos, onde a figura do Secretario-Interventor (ten os dous cargos) é completamente “imprescible”, como recoñece o propio alcalde. “Pasa todo pola man del”.
A cousa vén de lonxe. Aló por febreiro marchaban Froilán Pallín, que xa levaba 11 anos no posto. A seguinte que ocupou o despacho foi Eva Mª Casal Sanjurjo, que estivo dous meses e medio pero tivo que marchar. Dende aquela, dende maio, o Concello leva esperando a chegada do novo Secretario.
Chegaba estes días. Emmanuel vén da Coruña e chega con moita ilusión… e traballo. Mañá venres xa ten o primeiro pleno no que se abordará a aprobación definitiva da comisión de contas. Aprobouse inicialmente cos votos do PSOE e BNG (e os votos en contra do PP), pero remata o prazo e ten que saír a aprobación definitiva. Espera, en todo caso, o goberno municipal que saia adiante co apoio nacionalista.
A parálise municipal faise patente en moitas cousas. E gracias a que unha brava funcionaria, Emilia, asumiu a responsabilidade de facer a función. De non ser por ela non se terían celebrado os últimos 3 plenos. Pero claro, hai leis e informes que descoñece polo que hai cousas que se lle escapan.
”O Concello, e polo tanto os veciños, están moi limitados, sen a presencia da figura do Secretario-Interventor, porque hai moitas cousas xurídicas e moitos informes que ten que facer el”, valora o alcalde. “Hai obras maiores que xa teñen o informe do aparellador, pero que tamén necesitan o informe de Secretaría. E por exemplo, agora estamos co proceso de contratación das obras do POS e do PAS e necesitamos a sinatura do Secretario para facer as licitacións”.
Polo de pronto, Emmanuel xa ocupa ese despacho ata onte orfo. E Laxe volve funcionar con normalidade.
Novas relacionadas
- Entrevista co alcalde de Laxe: “A aposta polo Deporte está funcionando, é sementar”.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).