Artesanía e gastronomía fúndense en Laxe arredor da castaña
Interesante aposta por encher Laxe esta fin de semana. Á Mostra de Artesanía e ao tradicional magosto, o Concello e os hostaleiros unen a Ruta Gastronómica de pinchos elaborados con castaña.
Nace así a I Festa Gastronómica da Castaña, intentando convertirse nunha festa gastronómica propia, que poña en valor o uso dos productos locais como valor de calidade engadido para a nosa gastronomía.
O sábado ao mediodía arrinca a Ruta de Pinchos, unha desas propostas que nunca falla, na que nos locais indicados na cartelería, poderanse degustar diferentes pinchos que terán como ingredente común a castaña, poñendo en valor a diversidade dos seus usos na elaboración de diferentes pratos de cociña. A ruta continuará á noitiña e durante o mediodía do domingo, sendo acompañada e amenizada por grupos locais de música tradicional e batukada: Pandereteiras de Laxe e Trikitrakes de Laxe - Batukada.
Para pechar esta I Festa Gastronómica da Castaña, o domingo terá lugar a celebración dun magosto popular e a que será a sexta edición da mostra de artesanía galega, que o Concello de Laxe vén organizando dende o ano 2010.
De 17 a 20 horas, aproximadamente, no Pavillón Polideportivo Municipal de Laxe. ademais do tradicional reparto de castañas entre as persoas asistentes, haberá:
- Diferentes postos con artesanías variadas nas que participarán veciños e veciñas de Laxe, Asociacións municipais e non municipais, así como tamén outras persoas que chegan de concellos veciños de Galicia.
- Obradoiros de demostración dalgunhas das artesanías que serán expostas e das que remataremos de dar detalles ó longo da semana.
- Música ambiental e festiva protagonizada polo grupo local de gaitas Maruxía e o grupo de pandereteiras de Traba e da Asociación de Amas de Casa.
- Rincón con xogos infantís e xogos de mesa para toda a familia.
- Obradoiro-demostración de plantación e reprodución de castiñeiro organizado e desenvolto pola Asociación Medioambiental Local Contramínate.
Novas relacionadas
Artigos relacionados
- Maria José Mato, Técnica de Turismo e Guía turístico-medioambiental do Concello de Laxe.: A morte por éxito turístico.