As Avoas de Laxe volven de xira pola comarca co seu novo espectáculo "Atraco ás Once"
O grupo teatral "As Avoas de Laxe" regresa aos escenarios cunha proposta fresca e sorprendente: “Atraco ás once”, unha obra que aposta por un rexistro diferente ao que nos teñen afeitos.
Nesta ocasión, entre o humor e o caos, constrúen unha historia chea de situacións absurdas e disparatadas, onde nada sae como estaba previsto. A través dun atraco que se complica máis do esperado, o público mergúllase nunha sucesión de plans fallidos, improvisacións e momentos tan inesperados como divertidos.
Pero no medio desta comedia caótica, algo cambia. Por primeira vez, As Avoas non intentan facelo todo ben nin responder ao que se espera delas. Equivócanse, contradinse e déixanse levar, reivindicando o dereito a decidir sobre as súas propias vidas, aínda que sexa tarde ou de forma imperfecta.
Con esta nova obra, o grupo mantén a súa esencia e a súa mensaxe feminista, pero desde unha perspectiva distinta: unha maneira máis libre, máis honesta e tamén máis irreverente de abordar o feminismo.
“Atraco ás once” é, en definitiva, unha celebración da liberdade, do erro e do pracer de facer as cousas á súa maneira.
Actuacións:
- Venres, 17, ás 17:00, Vivenda comunitaria de Vimianzo
- Luns, 20, ás 16.45, IES Terra de Soneira, de Vimianzo
- Sábado, 25, ás 19.00, Salón de actos de Laxe
- Domingo, 26, ás 19.00, A fonte de Fornelos de Zas
- Luns, 27, ás 16.45, IES Eduardo Pondal de Ponteceso




