Martes. 10.09.2024
El tiempo

O BNG denuncia que a empresa concesionaria do servizo de asistencia técnico urbanística do Concello de Laxe incumpre o Prego de Prescricións Técnicas

Concello de Laxe
O BNG denuncia que a empresa concesionaria do servizo de asistencia técnico urbanística do Concello de Laxe incumpre o Prego de Prescricións Técnicas

O BNG de Laxe denuncia que Átomo, a empresa concesionaria do servizo de asistencia técnico urbanística do Concello de Laxe incumpre o Prego de Prescripcións Técnicas. Concretamente os puntos 2 e 4, que recollen que deberá ser un arquitecto o que estea presente nas dependencias municipais e, segundo consta na propia web da concesionaria, as dúas persoas que desenvolven actualmente o servizo son “técnico superior en desenvolvemento de proxectos de instalacións de fluídos, térmicas e de manutención” e “enxeñeiro técnico industrial”.

"Ningunha das dúas persoas traballadoras que presenta o servizo é, polo tanto, arquitecta", sinalan. Un feito que denuncia o grupo nacionalista, "xa que se incumpre o prego de contratación que sinala no punto número 2 que o servizo será prestado por un arquitecto na casa do Concello” e que, “dada a natureza do obxecto do contrato, que fai necesaria a presenza do arquitecto no exercicio das súas funcións como director das obras, así como para despachar coas autoridades e persoal municipal acerca das cuestións relacionadas co servizo , o adxudicatario obrígase, de acordo coa oferta presentada, a acudir persoalmente ao municipio e ás dependencias municipais, un mínimo de 3 días á semana, dentro da xornada laboral do Concello”.

E, no punto número 4, “o persoal que preste o servizo será libremente designado polo adxudicatario, sempre que conte coa titulación suficiente para realizar a actividade concreta, e previa conformidade do órgano de contratación”.

Ante esta situación, o BNG de Laxe, denuncia o incumprimento do prego mais tamén a precariedade da situación actual “dun servizo clave para este concello como é o de Arquitectura” que, tal e como sinalan os portavoces, “debería contar cunha praza de funcionariado que garanta o seu correcto funcionamento ante a veciñanza de Laxe”.

Comentarios