O BNG de Laxe presentará enmendas ante falta de partidas nos Orzamentos da Xunta
A semana pasada era o PSOE o que criticaba a falta de investimentos para Laxe nos Orzamentos da Xunta de 2024 en materia de infraestruturas. Hoxe tócalle ao BNG amosar a súa "indiganción", ao ver que "nin un só euro dos 13.527 millóns de presuposto da Xunta de Galicia para o 2024 irá a parar a algunha das máis que necesarias inversións públicas que leva anos esperando Laxe".
“Estamos ante unha situación inconcebible, por un lado pola administración autonómica e por outro lado polo inmobilismo dun goberno municipal que non deu ainda a cara para defender os intereses do seu concello e da súa veciñanza”, sinala Cristina Vázquez, concelleira do BNG.
Este grupo municipal leva traballando dende a fin de semana pasada co deputado provincial nas enmendas parciais que se levarán á tramitación parlamentaria dos orzamentos que se debatirá no mes de novembro.
Enmendas relacionadas con temas de urxencia para os veciños e veciñas de Laxe como por exemplo, o tan necesario sistema de saneamento integral das parroquias, a solución das continuas inundacións da rúa Rosalía de Castro, ou a continuación do proxecto do porto laxense. "Problemas que precisan dunha solución completa e definitiva, e non continuar con arranxos parciais que non chegan a remediar esta situación perniciosa para o día a día da veciñanza", explican.
Outras das enmendas irán enfocadas á mellora dos recursos naturais e paisaxísticos, como a dragaxe da Lagoa de Traba, ou proxectos de dinamización turística como a implantación dunha área de caravanas ou o proxecto de posta en valor dos vestixios mineiros do concello.