xoves. 28.05.2026
El tiempo

O circuito de deporte adaptado e inclusivo de Un Paso Máis tocou a fibra de 1.500 alumn@s da comarca

Deporte adaptado e inclusivo con Un paso Mais
O circuito de deporte adaptado e inclusivo de Un Paso Máis tocou a fibra de 1.500 alumn@s da comarca

Non hai como vivilo en primeira persoa para entendo, para respectalo, para sentilo. Teno claro a familia da Agrupación Deportiva Un Paso Máis, que leva todo o curso fomentando a empatía coa discapacidade, levando o seu circuíto escolar de deporte adaptado e inclusivo por centros de ensino de toda a comarca. Desta volta, pechou o curso coa súa última visita ao CPI Plurilingüe Cabo da Area do concello de Laxe, nunha xornada con máis de 200 escolares, abarcando desde a etapa de infantil ata 4º da ESO.

Precisamente, a gran novidade desta edición foi a incorporación a estas actividades do alumnado de secundaria. A resposta dos mozos e mozas foi marabillosa, demostrando un alto nivel de sensibilidade e comprensión, á par dun gran entusiasmo por practicar un deporte colaborativo e non competitivo. A pesar das altas temperaturas e da forza do sol, tanto o alumnado como os monitores voluntarios da asociación gozaron dunha estupenda mañá de xogos e aprendizaxe.

Desde a entidade quixeron resaltar e agradecer a enorme implicación do profesorado do centro de Laxe, que participou con entusiasmo e saber facer en todo momento./p>

Deporte adaptado e inclusivo con Un paso Mais 2

Un circuíto en expansión e récord de participación

Con esta última parada péchase o circuíto deste ano, que incluíu aos habituais colexios de Carballo (Xesús San Luis Romero, Nétoma-Razo, A Gándara-Sofán, A Cristina, Bergantiños e o CRA Ponte da Pedra), sumando nesta ocasión novas incorporacións como o mencionado CPI Plurilingüe Cabo da Area de Laxe, o CEIP As Forcadas de Corme e o CEIP Valle Inclán da localidade pontevedresa do Grove. O éxito foi tal que a entidade sinalou que xa contan con novas peticións de centros para o próximo curso escolar.

En total, o circuíto alcanzou unha cifra récord de participación con preto de 1.500 nenos e nenas. O programa deste ano estivo composto, ademais de polas charlas explicativas e sensibilizadoras, polas disciplinas tradicionais de baloncesto en cadeira de rodas e blindfutbol (fútbol para cegos), ás que se engadiron como grandes novidades un circuíto para invidentes e o voleibol sentado.

Este crecemento foi posible grazas ao aumento do número de persoas voluntarias este ano, o que permitiu xestionar quendas de ata 100 escolares simultaneamente, logrando así optimizar o tempo dentro do horario escolar e dar cabida a un maior volume de alumnos.

Este xoves, a entidade pechará a actividade de xadrez educativo no CEIP Plurilingüe de A Gándara-Sofán cunha xornada de portas abertas onde o alumnado poderá compartir o espazo cos seus pais. Ao remate, haberá entrega de premios e diplomas.

Máis novas

Comentarios