Venres. 03.05.2024
El tiempo

Crónica dun desastre anunciado

Chimenea de Kaolines Lage
Zonas afectadas pola urbanización
Crónica dun desastre anunciado

A finca coñecida como O Areal, de 86.796 metros cadrados (39,391 correspóndenlle ó sector de so urbanizable), está situada entre o límite do casco urbano de Laxe e o CEIP Cabo de Area. A finca é unha grande braña anegada durante todo o inverno polas augas do Río dos Cabalos e as do regato que nace na Fonte da Condesa. O espazo, que pretende ser solar, está rodeado pola praia, o complexo de dunas e a lagoa litoral. Secularmente é xunqueira e as enchentes producen inundacións mesmo en todo o val de Serantes.

Trala publicación do PLAN PARCIAL DEL SECTOR DE SUELO URBANIZABLE S. UBLE 1 CONCELLO DE LAXE publicado no DOG Núm. 207 do 30 de outubro de 2019 a ASOCIACIÓN AMBIENTAL CONTRAMÍNATE presentou as correspondentes alegacións, no mes de decembro.

Pretendíamos evitar en primeiro lugar a alteración nos cursos de auga e a total destrución da cobertura vexetal existente, formada por arbustos (salgueiros e loureiros) e árbores (pinos, ameneiros e nogueiras) de porte adulto e xa consolidadas, froito da colonización espontánea tralo abandono da mina hai máis de corenta anos. 

Pedíamos manter a vexetación existente conformando unha zona verde, espazo de sombra e lecer para a veciñanza e acubillo de aves. Limpar o estrato arbustivo e sanear as xestas, silvas, toxos, e a rica variedade de especies herbáceas asociadas. Abrir sendeiros nunha intervención sostible, que implicaría conservar sen necesidade de introducir novas plantas. 

Suxeriamos tamén a recuperación da canle do regato da Fonte da Condesa que discorre polo borde do Campo do Escaravello, que continúa entubado baixo a explanada da antiga cheminea e desemboca no Río dos Cabalos. Facer aflorar este pequeno curso de auga aportaría un valor paisaxístico engadido á contorna. 

Estas alegacións foron desestimadas na súa totalidade. 

Evidentemente esta finca á beira do mar é un prato larpeiro para a especulación urbanística, responde con creces a un recente titular dun medio de comunicación local (“Laxe tiene el suelo más atractivo para un gran negocio urbanístico”). 

Desde CONTRAMÍNATE pedimos SENTIDIÑO, pedimos que se evite un desastre futuro, que se impida a edificación nun espazo de risco medioambiental. 

Un lugar que é patrimonio do mar e das augas continentais non é o sitio axeitado para construír vivendas.    

  • Asociación Ambiental Contramínate.
  •  

​Novas relacionadas

Sentidiño para que, unha vez pasados os anos, cando os efectos do cambio climático sexan unha realidade, non volvamos levar as mans á cabeza sinalando políticos e técnicos que permitiron semellante negocio urbanístico.

Sería unha barbaridade a sabendas de que os danos previsibles terminarían afectando a saúde, a seguridade, ó ánimo e a economía dos habitantes así como ás arcas públicas como é o caso das frecuentes inundacións en Cee e Ponteceso. 

O urbanismo non pode beneficiar á especulación. O interese económico, tanto do Concello como duns poucos particulares, non pode estar por riba do interese xeral.  Este espazo debe ser urbanizado  con criterios medioambientais e de futuro. 

Calquera intervención debe ser considerada desde esta perspectiva se non queremos padecer algún día a crónica dun desastre anunciado.

Comentarios