Domingo. 13.10.2024
El tiempo

As "inasumibles" esixencias da Bandeira Azul da praia de Laxe

Dunas na praia de Laxe
Imaxe das sempre polémicas dunas da praia de Laxe
As "inasumibles" esixencias da Bandeira Azul da praia de Laxe

Onte coñecíamos que a Costa da Morte perde dúas Bandeiras Azuis. Unha constante nos últimos anos, onde comprobamos que quedan poucos concellos que apostan por este esixente distintivo de calidade. Un distintivo de calidade en materia de servizos, e en materia medioambiental, pero que moitas veces sae demasiado caro para os concellos, non tanto en materia económica como de recursos.

Vemos que concellos como Fisterra, Carnota, Muxía, Corcubión ou o propio Muros (que perdía a Bandeira concedida o verán pasado á praia de San Francisco pola falta de socorristas) ou ben deixan de solicitar o distintivo ou ben non se esforzan por mantelas.

En Laxe, este ano temos un exemplo de por que non todas as praias da bisbarra poden acceder a esta bandeira. E a de Laxe é un exemplo paradigmático. Era unha das máis veteranas e ata hai nada, era a única praia con dúas Bandeiras de calidade

Pero a praia de Laxe, que é competencia directa do alcalde e do servizo de Deportes e non da Concellería de Turismo como cabería esperar, é unha praia urbana, e iso hai que telo en conta para compaxinar servizos e respecto do medio ambiente. Unha praia que ademais mantén activos todos os servizos que a praia viña tendo ata o de agora, e de feito xa foron solicitados tanto os socorristas como os operarios de limpeza, e mesmo se intentará adiantar todos os servizos a primeiros de xuño e ata finais de setembro. 
O propio concello enviaba ao longo do día de hoxe un comunicado no que aseguraba que "A praia de Laxe contará exactamente cos mesmos servizos que o ano pasado", e nsisten na “imposibilidade do incumprimento do compendio de normas que desde a ADEAC se achegan a Laxe, inédito ata o momento”.

”Todos queremos Bandeira Azul, pero isto non son as dunas de Corrubedo”, valoran fontes municipais, tendo en conta a cantidade de esixencias “inasumibles” polas que a ADEAC, entidade responsable da catalogación. eliminou o distintivo de calidade. Estas son algunhas das peticións que facía a ADEAC:

  • Pechar o paso de persoas por todos os accesos á praia que non teñan pasarela de madeira.
  • Eliminar todos os contedores de recollida selectiva de lixo.
  • A máquina da limpeza da praia só poderá entrar na mesma 1 vez á semana.
  • Baixo ningún concepto se poderán retirar as algas que varen na praia.
  • Controlar o acceso dos cans á zona dunar, recomendando multar @s don@s.
  • Reforzar a cartelería de prohibición de cans en todos os accesos desde o paseo marítimo.
  • Controlar que non se fagan lumareas na praia por ter detectado restos de cinzas.
  • Clausurar os accesos a través da zona dunar comprendidos entre o río e a zona de edificios fronte ao centro educativo, posto que están producindo moita erosión.
  • Mellorar a limpeza da zona dunar.
  • Delimitar mediante postes a zona dunar embrionaria ao longo da praia para evitar que a máquina limpapraias se acerque a ela.
  • Inventariar as zonas de aniñamento da píllara das dunas e protexelas mediante vallado.
  • Recoméndase retirar as duchas desta zona pois pode fomentar que @s usuari@s atravesen as dunas para acceder ás duchas.
  • Recoméndase redactar un bando en relación coas medidas adoptadas para a protección dunar e editar algún material educativo de concienciación sobre a importancia das medidas adoptadas.
  • Recoméndase crear unha figura de vixiante de praia que controle que @s usuari@s non ocupen nin transiten as dunas.

 

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios